Navantia asina unha "carta de intencións" para facer tres buques a mes e medio das eleccións

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Navantia e a armadora Ondimar Transportes Marítimos LDA veñen de asinar este luns en Madrid unha "carta de intencións" para construír tres petroleiros nos estaleiros públicos. Serían tres barcos da clase Suezmax, capaces de transitar polo canal de Suez, os que se incluirían nun acordo que non está confirmado e que inclúe a posibilidade de fabricar outras tres embarcacións "a prezos internacionais para este tipo de barcos".

A "carta de intencións" non aclara onde se construirían os buques e ten data límite para chegar a un acordo 

Porque esta carta de intencións ten unha data de caducidade: o vindeiro 30 de xuño. O acordo expresa precisamente a intención de ambas as dúas partes de chegar a un acordo definitivo para a construción destes barcos antes do prazo marcado. De non lograrse, non se asinarían os contratos. 

Tampouco se aclarou no comunicado emitido pola compañía en que estaleiros de Navantia se construirían estes petroleiros, aínda que semella que as intencións serían repartir os traballos entre Cádiz e Ferrol. Non obstante, a ministra de Emprego, Fátima Báñez, de visita precisamente na localidade gaditana, xa adiantara pouco antes que as negociacións para levar nova carga de traballo a aqueles estaleiros estaban "moi avanzadas" e anunciaba "novos barcos que se van construír na Bahía". Todo, en plena campaña electoral andaluza e e a mes e medio das eleccións municipais. 

A ministra Báñez dixo pouco antes do anuncio que había negociacións "moi avanzadas" para conseguir carga de traballo para Cádiz

O anuncio deste preacordo de Navantia chega logo de coñecerse que a grave crise pola que atravesa Pemex afectará as intencións de investimento noutros estaleiros galegos, como Barreras. A empresa mexicana recoñeceu a Praza que malia que "non se cancela ningún dos proxectos xa en marcha", en relación aos floteis, si haberá unha "necesaria revisión" doutros que se irán "ralentizando ou demorando" no tempo "ata que as condicións económicas melloren". "Iranse aprazando", asegurou a oficina de información da petroleira, en referencia a promesas que incluían a construción de tres buques tanque, un atuneiro e un barco de apoio que non foron comprometidos para a petroleira directamente.

Por outra banda, Navantia convocou este luns aos seus comités de empresa para comunicar o vindeiro inicio da negociación do cuarto convenio colectivo ante a recente sentencia da Audiencia Nacional, que anulou o vixente. Con isto, Navantia sostén que "pretende subsanar o defecto de forma posto de manifesto" neste ditame, "instando a iniciar de boa fe este novo proceso negociador". Aínda así, a empresa pública presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Á espera da resposta do alto tribunal, deixará de aplicarse o marco regulador e aplicarase o previsto no anterior. 

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.