0 Gardados para despois

De Guindos acelera o final de Novagalicia Banco

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 29 de novembro de 2010 os dous máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova, Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso, entraban no Centro Galego de Arte Contemporánea flanqueando ao presidente da Xunta. Ascenderon ao sobrio escenario do CGAC, no que se proxectaban os logotipos das dúas históricas entidades e, cunha estilográfica Mont Blanc gravada coa frase Fusión das caixas galegas. Santiago, 29/11/2010, asinaban a escritura da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra. "Este non é o final dun proceso, senón o inicio dun proxecto", tratábase dun "momento histórico", da consecución das procuradas "solvencia e galeguidade". Por iso, Alberto Núñez Feijóo mandaba gardar a pluma nun lugar preferente. Era xa un fito da historia da autonomía, viña representar o xesto. Ano e medio despois a resultante, bautizada como Novacaixagalicia, é testemuño do seu propio enterro, precipitado polo Consello de Ministros deste venres. Tívolle que transferir o seu negocio bancario a NCG Banco, que despois foi comercialmente Novagalicia Banco en Galicia e EVO fóra, unha entidade que leva ás costas un saco ateigado de ladrillos cuxo peso, xunto coas novas esixencias do Goberno central para aplacar os mercados, a afunden case irremediablemente cara a unha poxa.

A cuarta reforma financeira, exposta en ton grave polo titular de Economía, Luis de Guindos, deixa pouco lugar ao futuro "en solitario" que o equipo de Novagalicia, dirixido por José María Castellano, aseguraba poder lograr. Ese destino antóllase aínda máis quimérico despois de que o ministro anunciase que a finais de xuño todos os bancos do Estado terán que ter un plan para ter aínda máis blindado o seu risco inmobiliario, xa que terán que ter provisións -cartos reservados para posibles perdas- non só para créditos de dubidoso cobramento, senón tamén para os considerados "sanos". Isto que significa? Que, aos 2.465 millóns que inxectou o Estado a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) en setembro e aos 2.430 que lle ordenou provisionar o pasado febreiro se lle engadirán agora uns 1.000 millóns máis. Con que obxectivo? Sanearse, cubrir por completo a súa exposición ao ladrillo, de máis de 10.500 millóns de euros.

As provisións para créditos sans pasan do 7% ao 30% e do 33% ao 80% para os activos que teñen solo como garantía

Este é o efecto na entidade (cada vez menos) galega dos novos requisitos estipulados polo Estado. "O que se fixo -explica De Guindos- foi incrementar as provisións sobre a parte problemática -créditos dubidosos ou de dubidoso cobramento-" e crear "unha provisión xenérica para cubrir a carteira non problemática" de préstamos á promoción inmobiliaria, evitando así "que esta carteira se puidese ir convertendo en problemática". En números: as provisións "no caso do solo" pasan do 33% ao 80%, do 28% ao 65% para os cartos prestados a promocións inmobiliarias en curso e "do 25% ao 35%" para vivendas rematadas. Para os creditos 'sans', o colchón pasa do 7% ao 30%. É de aquí de onde sae a cifra dos aproximadamente 1.000 millóns máis que precisa NCG Banco. E, de onde os vai sacar? Economía abre dous camiños para as entidades que non poidan provisionarse só con recursos propios, pero para Novagalicia un está vetado. O feito de non cotizar en bolsa -está nacionalizada nun 93%- impídelle aceder aos "bonos convertibles continxentes" que o Estado porá á disposición da banca e que poden transformase en accións en caso de dificultades. Polo tanto, NCG Banco só pode acceder a unha inxección vía accións a un tipo de xuro do 10%.

Así as cousas, hai vías para a supervivencia de Novagalicia Banco? Hainas, pero cada vez menos. Dende a dirección da entidade séguese a defender o Plan Castellano, isto é, o proxecto dos directivos para a entrada de investidores privados que permitisen ir saíndo da entidade ao capital estatal sempre e cando existise un Esquema de Protección de Activos -protección pública ante as perdas, que en 2011 ascenderon a case 170 millóns-. Pero o Ministerio de Economía non quere dilacións. Trátase de tranquilizar os mercados e a Unión Europea, e por iso a finais de xuño De Guindos quere ter na súa mesa unha descrición do plan a seguir por todas as entidades do Estado, ás que prevé terlles que inxectar uns 15.000 millóns. 

Illar o ladrillo e valoración independente

Entre as medidas aprobadas polo Goberno central a través dun Real Decreto figura tamén a obriga de trasladar o negocio inmobiliario de todas as entidades a sociedades específicas, isto é, a pequenos bancos malos. No caso de Novagalicia xa ten creado un destes vehículos, denominado Unidade de Xestión de Activos Singulares para xestionar non só o ladrillo, senón tamén outro tipo de morosidade e, por exemplo, as oficinas das antigas caixas das que se ten que desfacer. Así e todo, este artefacto financiero tampouco lle facilitará a NCG Banco proseguir moito máis tempo a aventura en solitario.

O Goberno central impón a creación de 'bancos malos', co que NCG Banco xa conta, aínda que non lle facilita continuar en solitario

Será neste contexto no que Novagalicia agarde pola taxación dos seus activos inmobiliarios, que o Ministerio de Economía encomendará "a dous valoradores independentes" de "prestixio" internacional e "neutrais". Do mesmo xeito, seguirá agardando pola cada vez menos viable vía de que Castellano consiga investidores. Nun contexto de turbulencias a solución máis cómoda para o Estado e para o Banco de España é que, como prefire o aínda gobernador do regulador, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, en setembro -cando se cumpren os prazos previstos- Novagalicia sexa poxada, operación que xa segue de cerca, entre outros, o presidente do Banco Santander, Emilio Botín. Nesa eventual poxa o máis probable é que, como xa aconteceu con outras entidades, o banco comprador só tivese que sumar un simbólico euro ás necesidades de financiamento do que noutrora foran as caixas galegas. Se isto acontece para quen non será tan cómoda esta opción é o PP galego, que se tería que enfrontar a unha campaña electoral entre explicacións pola fin dos sistema financeiro do país.

Sexa cal sexa o camiño adoptado aínda hai outra espera que se producirá con toda seguridade, a dos afectados polas polémicas participacións preferentes. Pase o que pase, estes clientes, moitos dos cales levan meses denunciando unha verdadeira "estafa", non poderán aspirar a recuperar os seus cartos ata que Novagalicia, ou o que quede dela, cotice en bolsa.

Sinatura da fusión de Caixa Galicia e Caixanova

Santiago, 29 de novembro de 2010. Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso asinan, en presenza do presidente da Xunta, a escritura de creación da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra (Novacaixagalicia)

© Caixa Galicia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.