A industria aproveita a incerteza pola fin das cotas para aumentar a "presión" aos gandeiros

Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

Desde este mércores, as arredor de 10.000 explotacións gandeiras que hai en Galicia poderán producir leite sen tope ningún. Acábase o sistema de cotas que desde hai case 25 anos rexe o mercado no país, que agora tan só se regulará pola lei da oferta e da demanda. Unha "liberalización total" da que advirten tamén as  organizacións agrarias, que insisten en advertir das dúbidas e a "incerteza e inquietude" ás que se enfrontan os gandeiros, conscientes de que a oportunidade que se lles abre non suporá nada se o seu poder de negociación, como parece, segue tan feble como até o de agora. 

Os sindicatos denuncian que a fin das cotas está a ser aproveitado polas industrias para "obrigar a asinar prezos de miseria"

E os sindicatos xa alertan de que o inminente final do sistema de cotas está a ser aproveitado polas industrias para "aumentar a presión e obrigar as explotacións a asinar contratos a prezos de miseria". Tanto que se está a pagar por litro entre os 26 e os 28 céntimos, segundo denuncian o Sindicato Labrego Galego (SLG) ou Unións Agrarias (UUAA), que din ter "constancia" das "ameazas" de industrias con non recollerlles o leite ás explotacións se non asinan contratos nas condicións que lles impoñen antes do 1 de abril. 

"Están estendendo unha campaña do medo", asegura Roberto García, secretario xeral de UUAA. As empresas ampáranse nunha "lectura retorcida" da nova norma que regula o Paquete Lácteo. Moitos contratos de compravenda de leite finalizan este 31 de marzo e, xa que o decreto lácteo establece a obrigatoriedade da sintatura de contratos, a industra aproveita para intentar anular a negociación e impoñer a firma nas súas condicións "e baixo unhas condicións totalmente abusivas". Son os contratos obrigatorios que impuxo o Ministerio, pero sen mecanismo ningún que garantan prezos que cubran os custos de produción nin a fixación unilateral de condicións. 

O incremento da produción e o desaxuste entre a oferta e demanda pode provocar maiores caídas do prezo

Neste mesmo mércores, produtores leiteiros manifestáronse ante o Parlamento Europeo cos seus tractores pola fin das cotas lácteas e a ausencia dunha regulación que garanta prezos xustos e evite a especulación. As perspectivas para Galicia non son boas. Expertos calculan un incremento medio da produción dun 5% -e ata dun 10% no norte de Europa- e un desaxuste entre oferta e demanda que podería supor máis caídas no prezo, algo que sería máis prexudicial para un país como o galego, onde os gandeiros cobran menos que calquera outro do Estado e tamén menos que a media europea. 

"Estamos a velas vir", denuncia o SLG, que advirte de que coa lexislación vixente, a eliminación das cotas sen activar ningún mecanismo de control da produción e dos mercados supón "a privatización da política leiteira e darlle á industria case dereito de pernada". "A Administración ultimamente semella que traballa máis para protexer os intereses e a posición de dominio da industria que as produtoras e produtores, o futuro da maioría das zonas rurais ou o interese xeral", critica. "Hai que tomar medidas porque non pode facer cada un o que lle dea a gana", insiste Fruga. 

Sindicatos e produtores reclaman a intervención das administracións para regular un mercado totalmente liberalizado e co dominio da industria

A Unión Leiteira Galega (Ulega) únese tamén ás críticas dos sindicatos polas dificultades que para os gandeiros supón comezar a campaña láctea xa este mércores, "nas condicións de inseguridade administrativa na que se atopan os produtores". Sen a reclamada reforma por parte do Goberno central da reforma do Paquete Lácteo "non queda marxe de manobra para unha negociación con garantías coas industrias". E por iso, xunto a UUAA, reclama "un mes de moratoria para evitar os abusos das industrias". 

O SLG esíxelle ao Ministerio de Agricultura que, ante as "ameazas" e a "presión" das industrias impida que se deixe de recoller o leite a ningunha granxa e que non se impoñan prezos por debaixo de custos. Ademais, pide que se aumentan as inspeccións de oficio para evitar abusos da industria e da distribución, así como que o leite "siga sendo producido por miles de familias labregas e siga a ser un alimento bo para a nosa saúde, nutritivo e sen os perigos de ser producido industrialmente".

Menos explotacións e máis grandes, menos emprego e produción intensiva: ese é o futuro do que alertan os gandeiros

O que tratan de evitar os gandeiros é que sexa a industria quen decida como e cando produce, a que prezo e en que lugares. A liberalización total do mercado provoca estes lóxicos temores, máis aínda tendo en conta o comportamento das empresas. O camiño que se leva é o dun sector con cada vez menos explotacións e máis grandes e industriais, con escaso emprego e produción intensiva, ademais de coa utilización masiva de antibióticos e agrotóxicos, como alertan os sindicatos. 

Un panorama de temor ante o que os sindicatos denuncian a "pasividade" da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Rural, con quen pedirán unha xuntanza urxente para acabar de vez cos abusos da industria e da distribución. Logo de décadas dos sitema de cotas, Galicia conta agora cunhas 120.000 granxas menos que cando comezaron a aplicarse. Os prezos seguen sendo baixos, a incertidume maior ca nunca e a presión da industria, máis abafante ca nunca. 

Prezo por litro de leite pagado en cada comunidade autónoma en decembro de 2014 © Ministerio de Agricultura
Tractorada diante do Parlamento Europeo Dominio Público @anamirandapaz

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.