A vaga expansiva das alegrías inmobiliarias das antigas grandes caixas galegas semella non ter fin. Unha sanción da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) vén de converterse nunha nova mostra do xeito en que estas entidades operaron no mercado do ladrillo ata poucos días antes de que a crise financeira internacional estourase definitivamente e, con ela, picase de vez a burbulla inmobiliaria na que, en boa medida, se sustentara o crecemento económico español durante máis dunha década. Isto, nomeadamente, aconteceu ata tres días antes de que Lehman Brothers entrase en quebra e, con ela, o pánico financeiro se estendese polo mundo.
A CNMV deu conta este xoves a través do BOE de que Abanca, compradora dos restos das antigas caixas e, polo tanto "sucesor na responsabilidade declarada" da desaparecida Caixa Galicia, terá que facerlle fronte a unha multa de 80.000 euros "pola comisión dunha infracción moi grave" contra o estipulado na lei do mercado de valores. A sanción débese a que entre o 26 de xuño e o 12 de setembro de 2008 a entidade que daquela encabezaba José Luis Méndez realizou "prácticas de manipulación de mercado en relación coas accións" da inmobiliaria Parquesol.
A CNMV impón que Abanca asuma os 80.000 euros de sanción pola conduta de Caixa Galicia
Atendendo ao contido da propia resolución, que é firme en vía administrativa e contra a que cabe un recurso contencioso-administrativo, Caixa Galicia infrinxiu o estipulado no artigo 83 da lei que regula este tipo de operacións. E, que indica este artigo? Que as entidades financeiras e calquera outro operador do mercado ten "a obriga de establecer as medidas necesarias para impedir o fluxo de información privilexiada entre as súas distintas áreas de actividade". Ademais, este precepto imponlle a quen "realicen, publiquen ou difundan informes ou recomendacións" sobre o mercado que traballen de xeito "leal e imparcial".
O gran lastre do Grupo Sanjosé
A sanción a Caixa Galicia non é a primeira que recibe unha empresa galega a respecto de Parquesol. Segundo ditaminou a CNMV en 2014 a construtora Grupo Sanjosé incorreu tamén nunha práctica de "manipulación do mercado" en relacción ás accións da mesma inmobiliaria entre o 3 de setembro e o 12 de decembro de 2007, "infracción moi grave" pola que tivo que pagar 120.000 euros. Isto sucedeu pouco despois de que Sanjosé se convertese en accionista maioritario de Parquesol, en xullo daquel ano, e un chisco antes de que acabase absorbéndoa, en abril de 2008.
Sanjosé, que tamén foi multada por "manipulación do mercado" con accións de Parquesol, mercou a inmobiliaria antes do picazo da burbulla
A entrada de cheo no que foi un dos emblemas da burbulla converteuse, tras moi pouco tempo, nun dos principais lastres do grupo de empresas dirixido polo pontevedrés Jacinto Rey. O picazo da burbulla provocou que a finais de 2008 Parquesol valese arredor dun terzo do valor polo que Sanjosé a mercara. Este revés levou a construtora a ter que comezar unha dura negociación coas entidades que eran as súas acredoras. Entre elas estaban as dúas caixas galegas e mais o Banco Pastor e outras como o Banco Popular, que acabaría mercando o propio Pastor.
As negociacións entre Sanjosé e as entidades continuaron durante anos e en marzo de 2014 o grupo de Rey daba en pactar unha saída. O Banco Popular e o que daquela era Novagalicia Banco quedaron coa súa división inmobiliaria, a que nacera tras a integración de Parquesol. Naquela altura estimouse que a débeda da construtora coas antigas caixas galegas superaba os 300 millóns de euros.