Peinador, perdido entre a néboa

Sistema antinéboa ILS © AENA

O aeroporto vigués de Peinador leva practicamente sen funcionar dende o pasado xoves. Os voos que puideron aterrar ou despegar foron a excepción, e en total foron suspendidos -desviados na súa maior parte a Lavacolla- un total de 38, afectando a máis de catro mil usuarios e usuarias. A situación mantense aínda na mañá deste luns, con tres desvíos máis ao aeroporto compostelán, incluído o enlace de Vueling Vigo-Barcelona previsto para as 13.40.

O motivo desta situación é a néboa e o mal tempo presente estes días e, sobre todo, a desactivación a pasada semana do sistema antinéboa ILS, que seguirá sen funcionar ata o vindeiro mes de xullo. O ILS foi desactivado no marco do proceso de certificación de Peinador para adaptalo á nova normativa de seguridade europea, e escolléronse estas datas, "porque son as de menor incidencia de néboas", como sinalaba hai uns días a directora do aeroporto. A actuación que se está a levar a cabo consiste no cambio das antenas para que non sexan ríxidas e no soterramento da caseta na que se atopan os equipos de control.

O motivo desta situación é a desactivación a pasada semana do sistema antinéboa ILS, que seguirá sen funcionar ata o vindeiro mes de xullo

O sistema de navegación con néboa é impresdindible en Peinador, que o ano pasado tivo que activalo 140 dos 365 días do ano. O custe das reformas que se están a introducir no sistema ILS sitúase ao redor dos 680.000 euros, que se suman a outras intervencións que se están a levar a cabo no aeroporto para acadar a devandita certificación europea, e que acumulan un custe superior aos 1,3 millóns.

Nos últimos días a situación creada en Peinador e o incomodo producido aos e ás usuarias están a provocar un comprensible anoxo na área de Vigo. O alcalde Abel Caballero demandou un "dispositivo especial" para acabar co "caos" provocado. Caballero dirixiu as súas críticas, sobre todo, ao Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor, sinalando que cando se anunciou a "retirada" do sistema ILS, as previsións xa advertían de "adversas condiciones meteorolóxicas", polo que -dixo- "a cautela" aconsellaba adiar esta actuación ata despois desta semana, que ademais coincidía cunha ponte festiva.

O custe total das obras de ampliación ou reforma de Lavacolla, Alvedro e Peinador foi de 410 millóns de euros

As críticas á situación creada lembran que o aeroporto vén de ser obxecto dunhas importantes obras de ampliación e reforma nas que se gastaron máis de 60 millóns de euros. Cómpre indicar, igualmente, que os outros dous aeroportos galegos acometeron tamén obras de reforma ou ampliación, dende a nova terminal de Lavacolla, con capacidade para acoller máis catro millóns de pasaxeiros cada ano (o dobre que agora), e que custou 230 millóns de euros, á ampliación da pista de Alvedro (120 millóns de euros). En total, un investimento de 410 millóns de euros, superior ao custe total da Cidade da Cultura, cifrado en 400 millóns de euros.

Entre 2007 e 2013 os tres aeroportos galegos perderon un 24% dos seus viaxeiros, fronte a un descenso medio do 11% no conxunto de España. Neste tempo, o Sa Carneiro de Porto creceu un 60%

Entre 2007 e 2013 os tres aeroportos galegos perderon un 24% dos seus viaxeiros, fronte a un descenso medio do 11% no conxunto de España. Neste tempo, o Sa Carneiro de Porto creceu un 60%. Coas eleccións municipais no horizonte -e o agromar dos discursos localistas-, a Xunta renunciou a exercer as sús competencias para coordinar o funcionamento dos tres aeródromos galegos, a pesar de que esta promesa figuraba no programa electoral do PPdeG en 2012 e de que o Goberno gastou 30.000 euros en deseñar un plan estratéxico

Este luns pola mañá a situación dos pasados días repítese, con néboas que deixan o aeroporto practicamente inoperativo. E estase á espera de que a situación mellore pola tarde, como sucedeu o domingo, permitindo o despegue e aterraxe de avións. A previsión do tempo para os vindeiros días é máis optimista.

Aeroporto de Peinador Dominio Público Praza Pública
As obras de ampliación do aeroporto de Vigo custaron máis de 60 millóns de euros © aeropuertodevigo.wordpress.com
Sistema antinéboa ILS © AENA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.