A Semana Santa, o turismo e a hostelería e a obra pública diminúen o desemprego rexistrado en Galicia. O número de parados apuntados nas oficinas de emprego caeu no pasado mes de abril en 7.376 persoas no país, un descenso do -2,96% e un chisco superior á baixada no conxunto do Estado, de -2,67% e de 118.923 cidadáns menos.
O paro rexistrado descende en máis de 7.000 persoas, 4.500 no sector servizos
Con respecto ao mesmo mes do ano pasado, o descenso é de 25.383 persoas e de -9,4% na comunidade autónoma, onde o número de parados apuntados nas oficinas de emprego sitúase agora nas 244.761. O paro rexistrado descende en todas as provincias e todos os sectores, pero sobre todo nos servizos. De feito, 4.561 das persoas que abandonaron as listas de desemprego fixérono na hostelería, o turismo ou o ocio, máis do 60% do total. Na construción, máis de 1.200.
Ademais, foi a construción, cun descenso do paro do 3,76%, o que mellor comportamento experimentou, seguido do sector servizos, cunha baixada do 2,9%. Pola contra, onde menos baixou o desemprego foi na industria, cun 2,7%.
Malia todo, segue haber diferenza entre o dato de paro e de afiliación á Seguridade Social. A media de cotizantes no mes de abril situouse en 929.458 en Galicia, cun aumento de 6.397 persoas (+2,2%), case 1.000 menos que a cifra de descenso do número de desempregados. No Estado, a tendencia é contraria, con 175.495 afiliados máis e 119.000 parados menos. Polo tanto, en Galicia o paro baixa máis do que aumenta o emprego, ao contrario que a a nivel estatal. Ocorre tamén de repararmos na diferenza interanual: a comunidade autónoma conta con case 20.000 cotizantes máis que hai un ano mentres o paro descendeu en máis de 25.000. Xa que logo, o ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar todo o perdido durante a crise.
A diferenza entre a baixada do paro rexistrado e o aumento de cotizantes é de case mil persoas
É unha diferenza de máis de cinco milleiros, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron no antigo INEM nos últimos doce meses. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego. Unha diferenza que segue a lastrar o mercado laboral galego, moi marcado pola emigración, especialmente dos máis novos. A recuperación de afiliados á Seguridade Social é, daquela, inferior á do conxunto do Estado, cun aumento do 2,2% fronte ao 3,5%.
Tan só o 7,8% dos contratos asinados en abril foron indefinidos en Galicia
Por outra banda, a temporalidade e precariedade seguen a marcar o mercado laboral en Galicia. No pasado mes de abril, dos 67.180 contratos asinados, tan só 61.955 foron indefinidos, xa que logo, tan só o 7,8% (máis dun punto menos que no mes anterior) fronte ao 92,2% que supoñen os temporais. Unha situación esta semellante á que se dá no conxunto do Estado, onde máis do 91% dos contratos son tamén temporais.
Todo o incremento de contratación en abril foi teporal; rexistráronse 654 indefinidos menos que no mes anterior
En abril rexistráronse 3.338 contratos máis que no mes de marzo e 9.326 máis que hai un ano pero ese incremento da contratación foi todo temporal. Así pois, no pasado mes rexistráronse 654 contratos indefinidos menos que no mes anterior (un descenso do 11,12 %) e 453 menos que no mes de abril de 2014 (diminúen no 7,98 %). Pola contra, a contratación temporal aumentou no 6,89 % con respecto ao mes de marzo de 2015 (3.992 contratos máis) e no 18,74 % con respecto a hai un ano (9.779 contratos máis).
En canto á cobertura por desemprego, no Estado algo máis de 2,3 millóns cobraban unha prestación no mes de marzo -o dato publícase cun mes de atraso-, o que supón un 13,2% menos que hai un ano. A taxa de protección en Espaa, xa que logo, é agora do 55,35% cando en marzo de 2014 chegaba ao 58,93%.
En Galicia, a taxa de cobertura é aínda peor e alcanza a súa peor cifra histórica, ao situarse en marzo no 53,48%, mentres que un ano antes era do 57,6 %. Daquela, en Galicia hai case 108.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego. Ademais, os gastos totais dos servizos púlbicos de emprego en prestacións por desemprego ascendeu a 98,79 millóns de euros en Galicia, un 20% menos que no mesmo mes de 2014.
En Galicia, tan só o 49% dos desempregados perciben algún tipo de prestación e a taxa de cobertura sitúase no 53,5%
Segundo indica o sindicato CIG, en Galicia, do total de persoas desempregadas tan só o 49,1% perciben algún tipo de prestación, concretamente 123.886 (son 22.739 prestación menos que hai un ano); destas, unicamente 50.070 son beneficiarias da prestación contributiva, 59.028 subsidios por desemprego, 13.149 da renda activa de inserción e 1.639 do programa de activación de emprego.
Ademais, a contía media da prestación contributiva percibida por persoa beneficiaria no mes de marzo de 2015 foi de 769,3 euros ao mes, mentres que na media estatal sobe ata os 804,6 euros.