0 Gardados para despois

Audasa prevé ingresar 9.500 millóns por peaxes ata o remate da concesión da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Case 260 millóns de euros ao ano. É a cantidade media que Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A (Audasa) prevé obter ata o remate da súa concesión, que non se producirá ata o 18 de agosto de 2048, en virtude da prórroga aprobada polo Goberno de José María Aznar no ano 2000. Esta proxección é a que a empresa lle remitiu ao Goberno de España a finais de 2012 para explicarlle as súas proxeccións económico-financeiras para o período 2011-2048 e que se inclúen na memoria de contas anuais do 2014 que vén de depositar na Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Segundo a concesionaria da Autoestrada do Atlántico a AP-9 ingresará ata 9.561 millóns de euros por portaxes ata o remate da súa concesión. Para determinar esta "magnitude" a compañía estima que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) subirá a unha media anual do 2% e manexa, asemade, "hipóteses de crecemento do tráfico" na infraestrutura. Do mesmo xeito, Audasa agarda seguir dispoñendo da vixente normativa estatal que lle permite sistemáticas "revisións", isto é, subas das súas tarifas.

Audasa sustenta a proxección nunha previsión de sucesivas subas de tarifas

Alén do expresado por Audasa nesta documentación cabe deducir que o groso dese incremento da recadación virá dado por sucesivas subas de prezos. As previsóns de ingresos danse nun contexto no que a autoestrada acumulou ata sete anos de caída sistemática de vehículos dende 2007. En 2014, no entanto, produciuse unha lixeiríxima remontada ao finalizar o exercicio cunha intensidade media diaria de 20.734 vehículos, un 0,4% máis que en 2013. Nese mesmo ano, no entanto, os ingresos por peaxes aumentaron un 2% e chegaron aos 127,80 millóns de euros.

O ano no que máis recadou por peaxes a AP-9 non chegou aos 160 millóns de euros

Outro factor que convida a agardar novas subas de prezos é que Audasa nunca chegou a recadar nun ano, nin de lonxe, eses 260 millóns de euros que corresponderían como media anual para chegar a ingresar 9.561. O ano de maior recadación ata agora, o 2009, pechouse con 156,2 millóns de euros. Dende o ano 1992 as persoas usuarias da principal vía de comunicación terrestre do país xa achegaron ás súas arcas un total de 2.266 millóns de euros, segundo os datos publicados anualmente. Estes números permitíronlle á empresa lograr no último ano 28,5 millóns de euros de beneficios que, como adoito, se "destinarán integramente a dividendos", isto é, que se repartirán entre os accionistas.

Máis cabinas automáticas e menos persoal

Na súa memoria anual Audasa informa tamén o regulador de que afondará na súa aposta por "consolidar o uso da peaxe dinámica e das vías de todo pago", isto é, da telepeaxe e das cabinas de pagamento automático coas que vai substituíndo sistematicamente postos atendidos polo seu persoal. Comezadas a implantar a mediados de 2011, as máquinas publicitadas por Audasa como "pago fácil" son xa 37, tres máis que un ano anterior, no que a compañía contaba con sete traballadores máis.

Aínda que as máquinas de cobro automático só son utilizadas polo 19% dos vehículos Audasa prevé seguir implantándoas

Aínda que este tipo de cabinas apenas son utilizadas polo 19% dos vehículos e mesmo provocan engarrafamentos en puntos especialmente sensibles Audasa advirte de que non mudará o rumbo. Ben ao contrario, di, as máquinas permiten "unha xestión máis eficiente da recadación e unha contención no crecemento dos custos asociados á mesma", isto é, dos cartos que dedica a pagarlle ao seu cadro de persoal, que en 2014 chegou ao seu mínimo histórico ata quedar en 225 persoas, 21 menos que en 1992 cando, obviamente, a autoestrada tiña menor extensión e o tráfico era moito menor.

Ingresos de Audasa por peaxes da AP-9

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.