A contratación temporal reduce o paro, que baixa máis do que aumenta o emprego en Galicia

Contratos en maio de 2015 CC-BY-SA Praza Pública

O comezo da calor e a próxima chegada do verán impulsou a baixada do paro en Galicia en 7.780 persoas no pasado mes de maio, polo que o número de parados rexistrados nas oficinas de emprego sitúase agora nos 236.981. Supón un descenso do 3,2% con respecto a abril e do 10% en canto a hai un ano, período no que o número de desempregados apuntados no antigo Inem diminuíu en 26.443 persoas.

O paro rexistrado baixa máis que no Estado, pero a afiliación á Seguridade Social aumenta menos que en España

As cifras melloran un chisco as do conxunto do Estado, onde o paro rexistrado descendeu un 2,72% respecto ao mes de abril (-117.985) e un 7,82% en comparación con hai un ano (-357.354). Non obstante, Galicia continúa a experimentar un peor comportamento en canto á creación de emprego e, xa que logo, a afiliación á Seguridade Social. O número de cotizantes subiu no país un 0,85% respecto a hai un mes, quedando a cifra media en 937.338 e 7.880 persoas máis, un incremento intermensual que é inferior ao do Estado (+1,25%). O mesmo ocorre coa variación interanual, ao aumentar os afiliados en máis de 22.000 en Galicia e nun 2,4%, fronte ao incremento do 3,6% en España. 

En Galicia o paro baixa máis do que aumenta o emprego: a diferenza entre o descenso de parados e o aumento de afiliados é de máis de 4.000

Xa que logo, segue haber diferenza entre o dato de paro e de afiliación á Seguridade Social. Neste caso, a media de cotizantes no mes de maio supuxo un aumento de 7.880 persoas, unha cifra case idéntica ao descenso do número de desempregados rexistrados (-7.780). Non obstante, a diferenza entre aumento de cotizantes (+22.037) e diminución do número de parados rexistrados (-26.463) no último ano é de 4.426, polo que en Galicia o paro baixa máis do que aumenta o emprego, ao contrario que a a nivel estatal. O ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar todo o perdido durante a crise, aínda que a tendencia virou por un chisco neste último dato mensual. 

É unha diferenza interanual de máis de catro milleiros, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron no antigo INEM nos últimos doce meses. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego. Unha diferenza que segue a lastrar o mercado laboral galego, moi marcado pola emigración, especialmente dos máis novos. 

No conxunto do Estado, pola contra, a diferenza é no sentido contrario. Foron 592.937 as persoas que se incorporaron ao sistema da Seguridade Social no último ano, máis do dobre que en 2014 e máis de 230.000 máis das que saíron das listas do paro rexistrado. Neste caso, todo apunta a que moitas das persoas que pasaron a ser empregadas non estaban previamente inscritas nas listas dos servizos públicos de emprego. En Galicia, o caso é ao revés, ao non cubrir a afiliación o total da xente que se desapunta do paro. 

Emprego temporal e precario

En canto ao tipo de emprego creado, a tendencia segue a ser a mesma. Case o 64% da redución do paro rexistrado durante o pasado mes de abril produciuse no sector servizos, cun descenso de 4.954 persoas apuntadas ao antigo Inem, fronte á baixada de 1.103 na construción, 1.184 na industria, 297 do colectivo sen emprego anterior ou as 242 do sector agrícola que abandonaron a lista do paro.

O 64% do descenso do paro dáse no sector servizos e a contratación temporal segue a aumentar en Galicia

Ademais, dos máis de 68.000 contratos asinados no pasado mes -o que supón  un incremento do 1,6%-, tan só o 7.3% foron subscritos baixo algunha modalidade de duración indefinida. Ao tempo, a contratación indefinida reduciuse en maio en Galicia nun 4,9% fronte ao pequeno aumento no conxunto do Estado (+0,93%). En termos interanuais, a contratación fixa mantense case inalterable en Galicia (-0,22%), mentres en España se incrementou un 7,5%. Os contratos temporais en Galicia, pola contra, aumentan con respecto ao mes de abril (+2,2%) e tamén se os comparamos con hai un ano (+9,7%). 

Por provincias, o paro diminúe en todas elas, destacando a baixada do 4,4% en Lugo, seguida de Pontevedra (-3,4%), A Coruña (-2,8%) e Ourense (-2,6%). En termos interanuais, é tamén o territorio lucense o que presenta un mellor comportamento, cun descenso do 12,6%, case dous punteos superior ao seguinte na lista, o de Pontevedra con -10,4%. 

Por sexos, o paro no mes de maio cae en ambos os dous, pero moito máis no caso dos homes, cun 3,8% menos que no caso das mulleres, cun 2,7% menos. En termos interanuais, o descenso do desemprego beneficia máis aos homes, o 13,3% menos, que ás mulleres co 7% menos.

A taxa de cobertura sitúase en Galicia no 53,3%, a peor cifra histórica

Onde non hai recuperación ningunha é na protección dos parados. A taxa de cobertura total situouse en abril en Galicia no 53,27% fronte ao 53,48% de marzo. Son dúas décimas menos e a constatación dunha caída en picado que non se detén. É o peor dato histórico, uns catro puntos inferior á que se daba hai un ano e mesmo inferior á do conxunto do Estado (54,87%).

Xa que logo, en Galicia hai 125.197 parados sen ningún tipo de cobertura, desempregados que non perciben ningunha axuda e que se sitúan en importante risco de exclusión social. A situación dos desempregados empeora e, no país, o número de beneficiarios con prestacións é de 119.564 persoas, pero destas tan só 47.411 son beneficiarias de prestación contributiva; hai 57.099 beneficiarios de subsidio, 13.147 de Renda Activa de Inserción e 1.907 do Programa de Activación de Emprego.

Malia as eivas do conxunto das cifras, a Xunta presumiu duns datos que sitúan a Galicia "por riba da media estatal a nivel interanual, algo que se leva producindo durante quince meses, e desta vez tamén a nivel mensual". A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, destacou que xa se acumule máis de ano e medio de descensos consecutivos interanuais, e que o deste mes fose "o maior de todos eles en termos absolutos e relativos". 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.