O Parlamento europeo suspende por falta de consenso a votación sobre o TTIP

Pleno en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

O Parlamento europeo tiña que afrontar este mércores unha das votacións máis importantes da súa historia: O TTIP (Tratado de Libre Comercio e Investimento), que leva meses negociándose cunha opacidade case total, debía someterse a debate no pleno. Porén, finalmente a votación foi adiada sen data.  Só se celebrará un pleno máis, en xullo, antes do descanso estival. Non se votaba o propio tratado, que aínda pasará por varios meses de conversas, senón un informe no que a cámara tiña que marcar as liñas que deben fixar a posición europea nas negociacións. O informe non é vinculante, pero a votación -cando se celebre- terá un importante contido simbólico, sobre todo se os grupos opostos ao acordo son quen de botar abaixo algúns dos seus puntos máis polémicos.

A razón oficial para a suspensión do voto (que aínda non ten nova data, pero mesmo se fala de que podería adiarse ata novembro) é o elevado número de emendas presentado, aínda que noutras comunicacións oficiais do Europarlamento se ofrece a escusa da "falta de consenso entre os grupos". As normas da cámara permiten adiar unha votación cando o número de emendas supera as 50 (neste caso había máis de 200). Porén, Podemos, IU, AGE, Compromís-Equo e Bildu afirman que o aprazamento responde ao "medo" dos grandes partidos a un resultado negativo.

Nos últimos días foi crecendo o malestar público con algúns dos puntos máis polémicos do TTIP. Un deles é o que atinxe ao ISDS, o tribunal de arbitraxe privado que -no caso de que o TTIP se aprobe- deberá resolver os posibles litixios entre os Estados e as multinacionais. A pasada semana a comisión de Comercio Internacional aprobou unha serie de emendas ao informe, entre elas unha -pactada entre conservadores, liberais e socialdemócratas- que incorporaba unha versión edulcorada do tribunal. A aceptación ou non por parte do Parlamento do ISDS era unha das cuestións clave na votación deste mércores. A outra era a propia posición dos socialistas europeos, comezando polos eurodeputados do PSOE.

A aceptación ou non por parte do Parlamento do ISDS era unha das cuestións clave na votación deste mércores. A outra era a propia posición dos socialistas europeos, comezando polos eurodeputados do PSOE

Este mesmo luns e martes barallábase a posibilidade de que nalgúns puntos da votación, coma o tribunal de arbitraxe, algúns eurodeputados dos partidos maioritarios -nomeadamente das forzas socialdemócratas- se descolgasen das votacións dos seus grupos, facendo máis exigua a maioría dos que apoian o TTIP ou mesmo botando abaixo algúns aspectos, coma o ISDS. Lidia Senra, eurodeputada de AGEe, rexeitaba facer "especulacións" neste senso, pero xa sinalaba que "si sería importante que houbese descolgues con respecto ás posicións marcadas polos partidos, e que os deputados e deputadas votasen poñendo os dereitos das persoas e dos pobos por riba dos intereses do capital e das multinacionais".

De igual xeito, Ana Miranda (BNG) anticipaba para Praza que "pode haber mesmo algunhas disidencias no partido socialista europeo e mesmo algunha sorpresa, así que a maioría a prol do TTIP pode non ser tan clara; se cadra o resultado se pode achegar a 400-300". Miranda salientaba que "no último ano está habendo un cambio de tendencia moi importante, hai uns meses os parlamentarios opostos ao tratado podían ser algo máis dun cento".

 

"Unha marea contra o TTIP"

Este martes representantes das forzas de esquerda do Estado convocaran unha rolda de prensa no Parlamento europeo para ofrecer unha posición unitaria de rexeitamento ao tratado, baixo o lema de "unha marea contra o TTIP". Porén, a convocatoria de Pablo Iglesias e Lola Sánchez (Podemos), Marina Albiol (IU), Lidia Senra (AGEe), Josu Juaristi (Bildu), Ernest Urtasun (ICV) e Jordi Sebastià (Compromís-Equo), serviu para anunciar a suspensión da votación, que lles fora comunicada apenas uns minutos antes.

Os eurodeputados e eurodeputadas das esquerdas do Estado celebraron unha decisión que entenden que amosa o "medo" dos grupos popular e socialista a un fracaso da votación

Os eurodeputados e eurodeputadas das esquerdas do Estado celebraron unha decisión que entenden que amosa o "medo" dos grupos popular e socialista a un fracaso da votación. Porén, ao mesmo tempo criticaron que os dous grandes grupos utilicen as normas da cámara "no seu beneficio" porque ven "que día a día se está incrementando a oposición a este tratado". Lola Sánchez sinalou a este respecto que "paralizaron un proceso democrático cando viron que o resultado non era o que a gran coalición quería, e cando viron que mañá ía quedar exposta a grandísima división que o TTIP provoca, mesmo dentro dos seus grupos parlamentarios, coma é o caso dos socialdemócratas. Esa imaxe non lles conviña". "A mobilización social fixo que o grupo socialdemócrata cambiase de opinión nos últimos días, forzando unha ruptura da gran coalición", engadiu, esixindo "que se abra o debate á cidadanía", sometendo o tratado a referendo. 

Neste senso, Pablo Iglesias apuntou que "semella que a algúns lles gusta a democracia só cando gañan eles, e cando non pois utilizan distintos mecanismos para evitar que se vote. Que mañá non haxa debate e votacións sobre o TTIP e se sigan levando a cabo estas conversas a porta pechada é algo escandaloso". O líder de Podemos esixiu que a UE "suspenda inmediatamente as negociacións" ata que se pronuncie o Parlamento. "O TTIP é unha pista de despegue para o lanzamento de novas medidas enmarcadas nas mal chamadas políticas de austeridade que nos levaron ao desastre e que puxeron en cuestión o conxunto do proxecto europeo", engadiu. 

Pablo Iglesias (Podemos) esixiu que a UE "suspenda inmediatamente as negociacións" ata que se pronuncie o Parlamento

"Sempre dixemos que cando a cidadanía soubese o que se estaba negociando, comezaría a opoñerse de forma maioritariamente ao TTIP" - destacou Lidia Senra- "este movemento incrementouse nas últimas semanas, e esta presión parece que fixo efecto sobre moitos eurodeputados e eurodeputadas". "A gran triunfadora de hoxe é a mobilización social", dixo a eurodeputada galega. "O que non sei" -engadiu- "é se fixeron ben adiando a votación, porque algún día se terá que votar e na medida en que sigamos sacando isto á luz, e que a cidadanía sexa máis consciente dos efectos do tratado, o rexeitamento será maior". "O noso obxectivo ten que ser acompañar esas mobilizacións e seguir sendo a voz da rúa neste Parlamento", concluíu. Ao igual que os outros eurodeputados e eurodeputadas, Senra reiterou a esixencia de que a Comisión europea paralice as negociación sobre o TTIP.

 

O ISDS, un tribunal privado a conveniencia das empresas

Lidia Senra: "A gran triunfadora de hoxe é a mobilización social"

O ISDS é un mecanismo que nos últimos anos se vén introducindo nos acordos comerciais e que lles permite ás multinacionais denunciar os Estados cando as súas regulacións as prexudiquen. Son un mecanismo totalmente opaco (unha das partes pode pedir que non haxa comunicación pública), sen control cidadán, e totalmente unidireccional, pois as multinacionais poden demandar un Goberno se considera que unha decisión prexudica os seus posibles beneficios presentes ou futuros, pero os gobernos non poden actuar contra as empresas aínda que estas incumprisen a lexislación.

A posición adoptada polos socialdemócratas europeos a pasada semana con respecto ao tribunal de arbitraxe xerou unha gran polémica, pois nos últimos meses sempre se opuxeran ao ISDS. Nos últimos días tentaron explicar a súa decisión, argumentando en primeiro lugar que é importante que o Parlamento aprobe o informe, de xeito que lle marque unhas liñas vermellas á Comisión europea para as negociacións; defenden que sen el, a Comisión terá vía libre para chegar a calquera acordo.

En segundo lugar, reiteran a súa oposición aos tribunais privados, de xeito que a eurodeputada do PSOE Iratxe García afirmou este luns que "o noso grupo non votará ningún informe que conteña referencias a un sistema de arbitraxe privada". Tentan explicar que a emenda aprobada: “En potenciais conflitos, estes serán abordados de maneira transparente con xuíces profesionais independentes designados publicamente en audiencias públicas que inclúen un mecanismo de apelación” introduce unha diferenza real coa natureza do ISDS, polo carácter "público" da designación, un argumento que foi posto en dúbida polos grupos contrarios ao TTIP. Nos tribunais internacionais de arbitraxe un experto en comercio internacional do sector privado adoita ter a última palabra sobre a composición do tribunal.

Finalmente, os socialistas defenden que a cambio da súa posición a favor destes tribunais, puideron facer presión a prol de esixirlle a EEUU a ratificación dos dereitos esixidos pola OIT ou a exclusión dos servizos públicos. En principio a posición adoptada pola Eurocámara a través do informe Lange establece outras liñas vermellas, coma o respecto aos estándares medioambientais na UE, unha maior transparencia nas negociacións e unha maior inclusión no proceso da sociedade civil.

Este martes a eurodeputada Inmaculada Rodríguez-Piñero -xunto a outros responsables da formación en materia económica- asina en El País un artigo no que deixa clara a posición do PSOE favorable ao TTIP e o obxectivo de opoñerse á inclusión do ISDS. Con argumentos tan simplistas como "respectamos a quen non cren na economía de mercado, no comercio como un instrumento a favor do crecemento, ou a quen creen que EEUU está ao outro lado do telón de aceiro", os representantes socialistas ligan a aprobación do TTIP á continuidade das relacións comerciais con Norteamérica ou ao mantemento das redes sociais: "a nosa vida cotiá sería moi diferente sen os produtos e servizos que comercian, coma as redes sociais, nacidas e radicadas nos EEUU, dende as que se fan campañas en Europa contra o Tratado".

A posición do grupo socialdemócrata é criticada por todos os grupos de esquerda e ecoloxistas da eurocámara, os acusan de ter chegado ao unha "gran coalición" cos grupos conservadores. De igual xeito, sinalan que nin sequera a posición das empresas europeas é unanimemente favorable ao TTIP, pois as pequenas e medianas corporacións xa manifestaron as súas críticas polos prexuízos que o tratado lles pode traer. No extremo oposto, as grandes multinacionais e a patronal europea Business Europe manifestan a necesidade de aprobar o TTIP, e piden que tamén se inclúan nas negociacións a liberalización dos servizos públicos. 

Lidia Senra (AGEe) alerta sobre a perigosidade da aplicación do ISDS: "implicaría configurar unha xustiza privada ao servizo das grandes corporacións. Tería uns efectos brutais". "Se conseguimos aprobar a emenda que pide a supresión destes tribunais privados de arbitraxe isto sería un paso adiante importantísimo", destaca. Así mesmo, para Ana Miranda (BNG), o tribunal privado "supón unha vulneración da democracia e pasar por riba dos procedementos legais e das habituais resolucións de conflitos, que debería ser a vía xudicial".

Ana Miranda denuncia así mesmo en conversa con Praza que o TTIP "non é un acordo de comercio" pois "hai outras regulacións tarifarias e acordos de libre comercio que xa están funcionando entre Estados Unidos e Europa". "Estase vendendo isto como un acordo de comercio cando en realidade é un acordo regulatorio para baixar os estándares en materia de protección social, de saúde, medioambientais ou aquelas normas que protexen as pequenas e medianas empresas", salienta

Ana Miranda: "Estase vendendo isto como un acordo de comercio cando en realidade é un acordo regulatorio para baixar os estándares en materia de protección social, de saúde ou medioambientais"

Tanto unha coma outra conclúen salientando a necesidade de incrementar a transparencia, a concienciación e o debate público sobre o tratado. "É fundamental seguir dando a batalla, que as persoas coñezamos que é o que está en xogo. Aínda a estas alturas non coñecemos todo o que se está negociando, e moitos documentos coñecémolos grazas a filtracións. É fundamental o papel que os medios que comunicación poden ter, sacando este tema á luz", afirma Lidia Senra. "A base do TTIP é que as transnacionais, europeas e americanas, campen ás súas anchas pola UE. Isto pode afectar mesmo a unha concesión de augas nunha vila, que pode ir parar a unha multinacional norteamericana, e pode ser dramático para o sector agrogandeiro galego, que non poderá competir coas grandes multinacionais norteamericanas do leite. Cando a xente se decate destes efectos, aí si que si se pode concienciar", engade Miranda.

 

O TTIP, efectos mesmo na política local

E é que o acordo -de aprobarse- terá un grande impacto na economía europea, pero non só nas grandes operación comerciais e financeiras, senón en todos os niveis da economía, mesmo no ámbito máis local. En xeral, o TTIP reducirá -en beneficio do sector privado- a capacidade dos poderes democráticos de xestionar a economía e a vida das persoas. 

O TTIP podería permitir a entrada das multinacionais neste mercado, na licitación municipal e autonómica de contratos públicos, impedindo a aprobación de cláusulas que favorecen as empresas locais

O CESA, acordo de libre comercio entre a UE e Canadá, pendente de ratificación e que sirve de modelo ao TTIP, incorporará a chamada ratchet clause (cláusula de roquete), un mecanismo que implica que un país non pode reintroducir un obstáculo ao comercio xa eliminado de forma unilateral nun ámbito no que asumira un compromiso. Isto pode dificultar os procesos de remunicipalización de servizos públicos (coma os que propoñen algunhas das candidaturas que accederon aos gobernos locais o 24M). Ademais, permitiría a entrada das multinacionais neste mercado, na licitación municipal e autonómica de contratos públicos, impedindo a aprobación de cláusulas que favorecen as empresas locais. Tamén suporía un grave prexuízo para as cooperativas e empresas de economía social, que non poderían beneficiarse da inclusión de cláusulas específicas nos contratos de compra pública e na adxudicación de servizos.

 

Un cabalo de troia en Vigo e Ourense

Coincidindo cos debates que están tendo lugar no Parlamento europeo, Amigos da Terra está a levar a cabo unha serie de accións públicas de información e concienciación sobre os seus efectos, levando por distintas cidades do Estado un cabalo de troia inchable, de oito metros, que este martes estará en Vigo e o mércores en Ourense. Dende que se comezaron a coñecer os primeiros detalles do contido do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP), os seus críticos apuntaron a imaxe de Cabalo de Troia para explicar os seus efectos: un acordo legal, aprobado polos Estados europeos, que na práctica servirá para baleirar de competencias estes mesmos Estados, cedéndolle ás grandes multinacionais o control da economía e dos servizos públicos.

A acción de Vigo está convocada para as 17 horas deste mércores, na Porta do Sol. E a de Ourense para as 11 horas deste xoves, ante a Subdelegación do Goberno, fronte ao Parque de San Lázaro.

O 'Cabalo de Troia' que pasará por cidades de todo o Estado, entre elas Vigo e Ourense CC-BY Greens-Efa
Ana Miranda © Delmi Álvarez
Lidia Senra, nunha intervención contra o TTIP no Parlamento europeo Dominio Público AGEe
Rolda de prensa de AGEe, IU, Podemos, Bildu e Compromís-Equo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.