O estancamento da economía galega e a súa diverxencia a respecto da contorna, ratificada por un indicador máis. O INE vén de facer públicos os datos de custos laborais correspondentes ao primeiro trimestre do ano e Galicia, como noutros datos económicos, está no grupo do crecemento, pero á a que menos medra. Non en van, ao debullar os datos e observar os custos salariais, isto é, o que recibe cada persoa polo seu traballo -sen contabilizar cotizacións sociais, por exemplo-, os soldos galegos son os que menos medran de todo o Estado e a súa evolución non chega á metade da media estatal.
Segundo o organismo estatístico estatal o custo salarial galego nos primeiros tres meses do exercicio situouse nunha media de 1.582 euros por persoa e mes. Son apenas 10 euros máis que hai un ano, un incremento do 0,6% interanual que deixa a suba galega só por diante das tres autonomías nas que os custos salariais se reduciron neste período -Castilla-La Mancha, Asturias e Cantabria- e xusto por diante de Euskadi, na que a variación foi practicamente nula.
O escaso dinamismo da evolución salarial galega deixa o aumento por tras da media estatal, que se situou no 1,44%. A distancia é aínda maior coas comunidades nas que os soldos subiron máis durante este ano. As maiores subas foron as de La Rioja e Aragón, seguidos polas turísticas Balears e Canarias, todas elas por riba do 2,5% de incremento.
Este datos fan, así e todo, que os custos salariais galegos estean un chisco máis arriba que hai un ano en relación ao resto de autonomías. No primeiro trimestre de 2014 os soldos que recibían as traballadoras e traballadores galegos eran os terceiros máis baixos do Estado, só por diante de Canarias e Extremadura. Desta volta o mal comportamento dos salarios en Castilla-La Mancha fai que Galicia ascenda un posto, ata o cuarto comezando polo final.
O comportamento dos soldos galegos fai que aumente a fenda coa media salarial do Estado
Este panorama provoca que, no marco da suposta saída da crise, a fenda salarial entre Galicia e a media estatal tenda á diverxencia. Se hai un ano a diferenza entre os salarios galegos e os do conxunto do Estado era duns 230 euros agora achégase xa aos 260. As persoas que traballan en Galicia reciben cada mes, como media, uns 600 euros menos que se o fixesen en Euskadi ou Madrid, onde as rendas son tamén máis altas.
O devandito comportamento dos salarios prodúcese mentres as horas efectivas traballadas en Galicia aumentan máis que no Estado. Segundo o INE a media de horas traballadas en Galicia durante o primeiro trimestre do ano foi de 137, un 1,6% máis que hai un ano. Mentres, a media estatal de horas traballadas ao mes é de 134,90, un aumento do 0,7% a respecto de hai doce meses.