O gasto medio dos fogares galegos caeu en 2014 por sexto ano consecutivo, segundo recolle a Enquisa de Orzamentos Familiares publicada este mércores polo INE. Sitúase en 25.921 euros, lixeiramente por debaixo dos 26.089 do ano anterior e moi lonxe dos 29.978 euros de 2008. A caída (de 31.711 a 27.038 euros) segue unha tendencia semellante no conxunto de España.
Porén, analizando as cifras polo miúdo pódense observar que esta sangría é máis acusada nas familias máis novas, naqueles fogares nos que o sustendador ou sustentadora principal ten menos de 45 anos (pasou de 30.746 en 2008 a 24.949 en 2014). A caída é moi importante, igualmente, nos fogares nos que os ingresos son achegados primordialmente por persoas entre 45 e 64 anos (de 35.510 a 30.418 euros). Pola contra, o consumo mantívose estable unicamente naquelas familias que dependen da pensión de xubilación de persoas de máis de 65 anos; neste caso, partindo dun nivel de gasto moi inferior en 2008 (22.826), este apenas descendeu un 3% (ata os 22.176) acadando mesmo o seu máximo en 2012, no máis duro da crise (24.110).
O gasto medio por persoa é superior nos galegos e galegas de máis de 65 anos (10.471 euros anuais) que entre aqueles e aquelas de 16 a 45 anos (9.550 euros anuais) e achégade ao da xeración entre 45 e 64 anos (10.626). Ademais, ao longo da crise, mentres os maiores de 65 anos si puideron manter este nivel de gasto (era de 10.456 euros anuais en 2008), nas restantes franxas de idade o desecenso foi moi importante: de 10.686 a 9.550 para os menores de 45 anos e de 11.659 a 10.626 para aqueles que teñen entre 45 e 64.
2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|
De 16 a 44 | 30.746 | 29.538 | 28.012 | 29.098 | 25.845 | 24.452 | 24.949 |
De 45 a 64 | 35.510 | 34.283 | 33.729 | 33.135 | 30.927 | 30.269 | 30.418 |
Máis de 65 | 22.826 | 22.430 | 22.327 | 22.150 | 24.110 | 23.103 | 22.176 |
Gasto anual medio dos fogares galegos, en función da idade do ou da sustentadora principal. Fonte: INE
Mentres os maiores de 65 anos puideron manter este nivel de gasto, nas restantes franxas de idade o desecenso foi moi importante
Polo tanto, non é aventurado asegurar -como moitas veces foi postos de relevo- que foron as pensións de xubilación as que nos últimos anos serviron de sostén a moitas familias e, en consecuencia, a economía no seu conxunto. Esta situación explícase polo incremento do desemprego e do número de parados e paradas que quedan sen ningún tipo de prestación e tamén polo estancamento xeral dos salarios. Hai unhas semanas coñecíamos o dato (Enquista de Condicións de Vida do INE) de que en 2014 o poder adquisitivo dos xubilados e xubiladas en España superaba por vez primeira aos dos ocupados e ocupadas, superando a renda media dos primeiros -uns 20.720 euros anuais (por unidade de consumo)- lixeiramente ao dos segundos (20.220).
A pesar de que o importe das pensións en Galicia está moi por debaixo da media española, a súa contía seguiu incrementándose nos anos de crise. Así, por exemplo, a pensión media anual pasou de 9.799 euros en 2008 a 11.575 en 2013 (e no conxunto do Estado de 11.069 a 12.954). Mentres, os salarios están estancados dende o 2010, canda acadaban os 1.556 euros ao mes de media. Os datos coñecidos este mesmo mércores (1.582 euros de media no primeiro trimestre de 2015) constatan este estancamento.
O salario medio en Galicia (1.582 euros de media no primeiro trimestre de 2015) está estancado dende 2010 (1.556 euros)
Isto é o que nos últimos anos determinou, igualmente, que mentres se incrementaba notablemente a porcentaxe de persoas en risco de pobreza e exclusión social (do 24,7% de 2009 ao 29,2% de 2014), esta condición afectase cada vez menos aos xubilados e xubiladas (pasou do 22,4% ao 11,9%), en datos para o conxunto de España. De igual xeito, mentres estas taxas de pobreza superan o 30% entre os menores de 30 anos e roldan esa porcentaxe entre os 30 e os 65 anos, para os que superan esa idade a cifra é do 13%, case a metade do inicio da crise.