O sector lácteo galego atravesa unha situación insostible. Aos moi baixos prezos que os produtores estaban percibindo, entre 26 e 28 céntimos por litro (18 céntimos en moitos casos), moi lonxe dos máis de 34 pagados noutras comunidades autónomas, uníronse nas últimas semanas os anuncios de Pasccual, Leite Río ou Leitegal de que ía deixar de recoller o leite en moitas granxas. Os sindicatos agrarias denuncian que “estamos a vivir o desmantelamento do sector lácteo galego e a deslocalización da produción leiteira do noso país cara a outras zonas do Estado onde está o groso do consumo, como a franxa mediterránea”, como sinalou hai uns días o SLG. E tanto as centrais coma os partidos da oposición subliñan a "inacción" do Goberno galego nun asunto gravísimo para a mesma supervivencia do sector.
Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Asaja Galicia convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de xullo en Compostela
Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Asaja Galicia convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de xullo en Compostela. Como recolle o xornal Campo Galego, para Unións Agrarias, “o problema non é tanto de dificultades de recollida, que tamén, como de prezos. As industrias están a utilizar a cancelación da recollida de leite como unha estratexia para abaratar o leite no campo”. As organizacións agrarias salientan que "hai un pequeno grupo de primeiros compradores intermediarios que están a ofrecer contratos de 16-18 céntimos a partir do 1 de xullo".
Besteiro esixiulle ao presidente da Xunta que supere a súa “falla de decisión” para “liderar a resposta a un problema que teñen os nosos gandeiros e que polo tanto ten o noso país”
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este mércores que “a irresponsabilidade de Feijóo comeza a pesar como unha lousa” e esixiulle ao presidente da Xunta que supere a súa “falla de decisión” para “liderar a resposta a un problema que teñen os nosos gandeiros e que polo tanto ten o noso país”. O líder dos socialistas galegos criticou a ausencia absoluta do goberno galego no apoio ao sector galego diante da desaparición do sistema de cotas lácteas e a liberalización do mercado. Besteiro sinalou que Galicia ten que afrontar esta traumática situación cos prezos do leite por debaixo do custe de produción mentres “non hai un papel activo da nosa administración” e “non hai quen defenda a produción láctea nin o modelo industrial de Galicia”.
Os rexedores de Mazaricos, Boimorto e San Sadurniño emprazaron os alcaldes de toda Galicia a unha xuntanza aberta, que se celebrará o vindeiro luns en Boimorto
Pola súa banda, alcaldes do BNG de concellos da zona rural fixeron un chamamento á creación dunha fronte "sen distinción ninguna de cor política" en defensa do sector. Os rexedores de San Sadurniño (Secundino García), Mazaricos (Juan José Blanco Riveiro) e Boimorto (Xosé Luís Rivas Cruz, Mini) ofreceron unha rolda de prensa en Compostela na que emprazaron os alcaldes de toda Galicia a unha xuntanza aberta, que se celebrará o vindeiro luns ás 11 horas en Boimorto. "Se morre o sector lácteo, morre o rural", alertou Mini.
“Temos 360 explotacións gandeiras, se fallan as explotacións fallan os talleres, falla a hostalería, fallan as empresas de servizos, cando falla a gandería, cando falla o sector leiteiro falla todo”, explicou o rexedor de Mazaricos, que alerta de que “non seríamos capaces nin de manter os servizos básicos”. “Desde os concellos temos unha responsabilidade directa, e podemos prestar apoio ante os abusos das industrias que poñen en perigo a explotacións que fixeron os deberes, que investiron e que son produtivas pero que non poden ca política de prezos abusivos da industria”, engadiu Blanco. De igual xeito, o BNG solicitou hoxe a convocatoria "urxente" da Deputación Permanente do Parlamento para que Núñez Feijoo compareza na cámara "ante a grave situación do sector lácteo".
Finalmente, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, denunciou en Bruxelas "a situación crítica do sector lácteo galego" no marco do Observatorio Europeo do Mercado do Leite. Vilalba debullou os "resultados catastróficos de termos un sector completamente desregulado dende o final do sistema de cotas", sen ningún tipo de control sobre a produción "e con marcos lexislativos que deixan as granxas completamente indefensas diante das prácticas comerciais abusivas das industrias". Para a secretaria xeral do SLG “é un auténtico escándalo que se estea a traballar nunha política que se basea na desaparición de miles de explotacións para sobredimensionar e concentrar a produción nas restantes. O máis triste é que os nosos dirixentes, nomeadamente dende o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural, estean enganando ao sector ao defender as bondades da desregulación e da eliminación de calquera control sobre a produción e os mercados".
Isabel Vilalba debullou os "resultados catastróficos de termos un sector con marcos lexislativos que deixan as granxas completamente indefensas diante das prácticas comerciais abusivas das industrias"
Tamén a eurodeputada de AGEe Lidia Senra sinalou que "lamentabelmente as nosas peores predicións estanse cumprindo, estamos ante as consecuencias do fracasado paquete lácteo, que non é capaz de garantir nin a recollida, nin os prezos nin absolutamente nada para as produtoras e produtores". Senra denunciou a "gravísima deixadez de funcións e irresponsabilidade absoluta da que están a facer gala a Conselleira e a Ministra". "É gravísimo que tanto Rosa Quintana como Isabel García Tejerina estean a mirar para outro lado. Esta situación aclara o interese que o Partido Popular ten no medio rural galego, é dicir, absolutamente ningún", sinalou.