Galicia conserva case 30.000 vivendas novas sen vender tras sete anos de crise

Promoción inmobiliaria nunha cidade galega CC-BY-NC-SA PSdeG

No primeiro trimestre do ano 2007 prevíase que Galicia contase con 12.360 vivendas de nova construción. Nos primeiros tres meses do ano seguinte esta cifra baixara a 6.890. En todo 2014 o mercado inmobiliario galego rexistrou un incremento neto do parque de vivendas de apenas 1.200 e no primeiro trimestre deste 2015 construíronse 355 pisos, uns 40 menos que un ano antes. Estas cifras retratan o estourido en Galicia dunha burbulla inmobiliaria que, se ben non inchou tanto como noutros puntos do Estado, tiña un contido que aínda non foi absorbido por completo. Non en van, a vivenda nova sen vender aínda rolda os 30.000 pisos.

O Ministerio de Fomento vén de facer públicos os datos do stock de vivenda datados a 31 de decembro de 2014 e nesa data acumulábase aínda un total de 28.852 pisos máis que a comezos de 2004, data de referencia a partir da cal a Administración realiza os seus cálculos. Este stock pendente supón unha redución de algo máis do 8% a respecto de finais de 2013 e implica que foron colocados algo máis de 4.500 pisos dende finais de 2012.

Mentres o último censo recompilado polo INE e o IGE indicaba que Galicia contaba con case 300.000 vivendas baleiras e cando a Xunta comeza, tras o 24M, a asinar convenios para a cesión de pisos que poidan utilizar a baixo prezo familias con poucos recursos, unha ollada panorámica indica como, na súa medida, Galicia non foi allea ás alegrías inmobiliarias. Cando o crédito fluía dende as entidades bancarias ata acadar niveis históricos e mentres as desaparecidas Caixanova e Caixa Galicia se embarcaban en incertas aventuras inmobiliarias -cuxo produto foi asumido, en boa medida, polo erario- o aumento do parque galego de vivendas era exponencial, ata chegar a sumar nun único ano, o 2007, máis de 45.000 novos pisos.

O incremento do parque galego de vivendas pasou de 45.000 en 2007 a 1.200 en 2014

Como é posible observar na gráfica que acompaña esta información a freada non puido ser máis drástica. Mentres a caída de Lehman Brothers desataba o pánico no sector bancario internacional e cando o paro comezaba a golpear con dureza tamén en Galicia o mercado inmobiliario axustouse dun xeito case brutal. O incremento neto do parque galego de vivendas pasou das 45.000 de 2007 a 7.700 en 2009, unha caída do 82%. Tras esa primeira gran caída a redución continuou a un ritmo menor pero constante ata chegar a un incremento de apenas 1.200 vivendas en 2014. A diferenza con 2007 é do 97%.

Todos estes números conforman un panorama que ten, obviamente, a súa tradución no parque total de vivendas de Galicia, conformado a finais de 2014 por 1,6 millóns, segundo datos de Fomento. Esta cantidade mantense practicamente inalterada dende o ano 2011 e contrasta coas vivendas rexistradas no ano 2002, xusto antes de que o Goberno de José María Aznar negase a burbulla por boca do actual ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que daquela exercía responsabilidades semellantes. Así, nese ano Fomento contabilizaba en Galicia 1,3 millóns de vivendas.

Promoción inmobiliaria nunha cidade galega CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.