A contratación temporal baixa o paro en Galicia, que segue a perder poboación activa

Oficina de emprego en Ferrol, unha das cidades con máis paro do país © Google

O paro descendeu en Galicia en 23.200 persoas no segundo trimestre deste ano, quedando así o número de desempregados en 252.500 segundo os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), o que supón unha caída do 8,4% con respecto ao trimestre anterior e que sitúa a taxa de paro no 20%. O inicio da campaña de verán e a contratación temporal fixo descender unhas cifras que en España tamén descenderon en 295.600 cidadáns (-5,4%). 

O paro descendeu en Galicia en 23.200 persoas no segundo trimestre deste ano

Ademais, e con respecto ao mesmo trimestre de 2014, o número de parados en Galicia baixa en 31.800 persoas (-11,2%) e a taxa de paro descende en 2,3 puntos, aínda que segue a haber diferenzas entre os datos para os homes e para as mulleres. Con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino, pero número total de homes parados sitúase en 128.800 persoas (14.100 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 123.700 persoas (9.100 menos). A taxa de paro masculina baixa 2 puntos e a feminina 1,6 puntos, situándose a primeira no 19,5% e a segunda no 20,6%.

En canto á creación de emprego, os datos son moito peores que no caso do paro. A ocupación increméntase en Galicia en 22.400 persoas no segundo trimestre e sitúase en 1.009.900 ocupados, superando a barreira do millón da que baixara nos anteriores datos da EPA. Nos últimos doce meses, o número de ocupados aumentou en 18.400 persoas no país, o que supón unha suba do 1,9% en termos relativos, un incremento moito menor ao que se deu en España, onde a ocupación creceu un 3% e en 513.500 persoas. A creación de emprego, xa que logo, continúa a un ritmo moito menor ao do conxunto do Estado, ao igual que a destrución que se dera tres meses antes tamén duplicaba ao ritmo estatal. 

Case 32.000 persoas deixarono paro en Galicia nun ano, pero só 18.400 atoparon traballo no país; a poboación activa caeu en 13.400 persoas

En definitiva, case 32.000 persoas deixaron o paro en Galicia nun ano pero, delas, tan só 18.400 atoparon un traballo en Galicia. Practicamente a metade e o que supón unha redución en 13.400 persoas da poboación activa. É unha diferenza moito menor á que se dá no conxunto do Estado, onde a cifra de aumento de ocupados é moi semellante á do descenso de parados.  Así, mentres a taxa de ocupación sobe un escaso 0,9%, ata o 42,8%, a de actividade descende un 0,4%, quedando no 53,5%

Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos diminúe en Galicia en 800 persoas e a taxa de actividade mantense no mesmo valor. Comparado con hai un ano, o número de activos no país diminúe en 13.400 persoas e a taxa de actividade faino en catro décimas. Este descenso é especialmente grave entre a xente de 25 a 35 anos: 5.800 persoas menos no último trimestre e 15.500 con respecto ao ano pasado.

A poboación activa entre 25 e 35 anos descendeu en 5.800 persoas en Galicia no último trimestre

Por outra banda, a temporalidade segue a ser a característica principal dos contratos en Galicia, onde esta taxxa aumenta 1,4 puntos neste segundo trimestre e sitúase xa no 25%. Xa que logo, un de cada catro asalariados ten contrato temporal, unha cifra que semella que seguirá aumentando. 

Os asalariados indefinidos aumentaron un 0,9% nun ano, fronte ao incremento de máis do 8% dos temporais

Así, Galicia conta con 793.200 asalariados. Con respecto ao primeiro trimestre do ano, hai 3.200 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento do 0,5%. Pero o número de asalariados suxeitos a un contrato temporal sobe en 16.000 persoas (unha suba do 8,8%). No que respecta á variación interanual, os asalariados con contrato indefinido aumentaron un 0,9% e os asalariados con contrato temporal medraron un 8,1%.

Xa por último, cómpre destacar tamén o tempo que moitos dos parados levan nesa situación de desemprego en Galicia. Dos 252.500, 154.200 acumulan máis dun ano nesta situación, pero son xa case 110.000 os que levan dous anos na procura dun posto de traballo. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.