Ano de seca: De decembro a xullo choveu un 50% menos

Encoro de Portomarín CC-BY-NC Francisco Martins

Galicia ten sede. O 2015 está a ser un ano moi seco e as consecuencias comezan a deixarse notar, tanto no nivel dalgúns encoros, as primeiras recomendacións para racionalizar o uso de auga ou no maior risco de incendios nos montes galegos. Foi seco o inverno, cun nivel de precipitacións lixeiramente inferior á media das últimas décadas, e por debaixo da metade do rexistrado no comezo de 2014 (un inverno especialmente húmido). E foi seca a primavera, cunha media de 206 l/m2 acumulados en marzo, abril e maio, fronte aos 311 habituais nesta estación (datos medios entre 1971 e 2000). O problema persistiu cun mes de xuño de novo case exento de chuvias (apenas 14 l/2, fronte aos 51 litros do 2014 e aos 53 litros medios). E o mes de xullo que está a piques de rematar repite esta tendencia.

Este luns a sede de Augas de Galicia acolleu a Oficina Técnica da Seca, composta por persoal de Augas de Galicia, Meteogalicia e Medio Rural, que decidiu manter activada a prealerta por seca hidrolóxica e instar a poboación e concellos a "facer un consumo responsable do recurso hídrico e intentar reducir o consumo de auga na medida que sexa posible". Dende a Xunta sinálase que "o nivel dos encoros segue sendo suficiente para garantir o abastecemento aos maiores núcleos de poboación", pero recomenda que a poboación realice un consumo responsable, intentado aforrar auga nas actividades cotiás, tendo en conta que aínda que esta semana se prevén algunhas chuvias, "no comezo do mes de agosto terase elevadas probabilidades de ver outro período anticiclónico, seco e soleado".

  2015 2014 1971-2000
Xan 164 312 165
Feb 122 268 148
Mar 48 101 98
Abr 90 85 111
Mai 68 62 102
Xuñ 14 51 53
Xul - 50 32

Precicipitación media mensual en Galicia. En l/m2. Fonte: Meteogalicia

En conxunto, nos seis meses de inverno e primavera (dende decembro de 2014 ata maio de 2015) a precipitación media acumulada foi de 555 litros por metro cadrado, a metade da caída en 2013 e 2014. Si supera, por exemplo, os niveis de 2012 (500). Porén, nesa ocasións a relativa seca do inverno e a primavera foi aliviada por uns meses de xuño e xullo máis húmidos do habitual. En 2012 en xuño caeron 79 litros por metro cadrado e outros 21 en xullo. Pola contra, este mes de xuño a precipitación media en Galicia foi de tan só 14 litros/m2 (fronte a unha media de 53 litros nos últimos anos). E neste mes que xullo que estamos a piques de rematar, as cifras van ser igualmente inferiores aos niveis medios. Nas estacións meteorolóxicas das sete cidades galegas as chuvias recollidas nos primeiros 27 días do mes van dende os 21 litros de Compostela ou os 19 de Pontevedra, ata os 11 de Ferrol, os 7'5 de Vigo, ou 5 da Coruña, os 4 de Lugo ou os 0'2 de Ourense. Se entre decembro e maio deste ano as precipitacións eran case un 50% inferiores ás de 2014, os datos de xuño e xullo confirman esa tendencia.

2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
417 658 682 785 695 927 650 500 1102 1012 555

Precipitacións totais nos seis meses de inverno e primavera. En l/m2. Fonte: Meteogalicia.

Os encoros galegos, no entanto, rexistran aínda datos elevados. O nivel medio sitúase esta semana no 75,59%, con 2,428 hm3, unha cifra situada lixeiramente por riba da media dos últimos dez anos (74.17%), aínda que xa por debaixo dos anos 2013 e 2014 a finais de xullo (81,23% en 2014). Presas tan importantes coma Portodemouros, Belesar ou Portas manteñen ao redor de tres cuartas partes da súa capacidade. Si pode ser máis preocupante a situación dalgúns encoros da provincia de Ourense, que xa se atopan por debaixo do 50 por cento da súa capacidade ou próximos a ese nivel; é o caso de Albarellos (37 hm3 de 91), Cenza (12 de 40), Edrada (7 de 14), Chandrexa (36 de 61), Salas (39 de 87) ou Santo Estevo (137 de 213). A pasada semana a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil activou a prealerta por seca e o consumo de auga está limitado en Cualedro, Baltar e Barbantes.

Encoro de Portodemouros en 2007 CC-BY-NC-ND Pilar Ponte
Encoro de Portomarín CC-BY-NC Francisco Martins

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.