O investimento en Galicia por parte do Estado diminuirá nun 1,62% con respecto ao anterior exercicio, segundo as cifras que vén de presentar o ministro de Facenda, Cristóbal Montor, para os Orzamentos Xerais do Estado (PGE). A galega será unha das autonomías nas que se reduce o investimento, quedando nun total de 1.363,95 millóns de euros, que supón un 12,3% do total do presuposto destinado ás comunidades. Nesta clasificaicón, só Andalucía (16,5%) e Castela e León (13,1%) a superarían.
O investimento do Estado en Galicia elévase a 1.364 millóns de euros, cun descenso do 1,62% respecto ao 2015
Será o tren o que siga a marcar o investimento do Estado en Galicia. De feito, bastante máis da metade do gasto real no país que se detallan nos PGE vai destinado ao novo acceso ferroviario e outras partidas vinculadas coa alta velocidade: máis de 800 millóns en Fomento. O resto, estradas e autovías, como os investimentos na A-8, na A-82 ou a ampliación da onte Pasaxe na Coruña, a autovía Santiago-Lugo, a circunvalación de Ponteveddra e a reforma da autovía Vigo-O Porriño.
O ferrocarril leva bastante máis da metade do gasto real do Estado no país
Por outra banda, o fondo de compensación interterritorial -a cantidade coa que se compensa as autonomías que obteñen menos recursos- deixará en 2016 a Castela-A Mancha, Estremadura e Andalucía con menos fondos dos previstos no proxecto de orzamento de 2015, mentres que Galicia -xunto a Asturias e Cantabria- atópanse entre os territorios que ven incrementada a cantidade.
Así, Galicia, no ano no que celebrará eleccións autonómicas, recibirá máis fondos que no exercicio anterior e aumentará as súas arcas con 45 millóns de euros do fondo de compensación interterritorial, pasando dos 42,91 aos 45,03.
O gasto en desemprego cae un 22% nos orzamentos do Estado para 2016
En xeral, un ano máis, a principal partida dos PGE estará destinada a pagar as pensións, con 135.449 millons de euros. O proxecto de Orzamenos aumenta o gasto total un 1,15% respecto a 2015. O borrador dos Orzamentos Xerais anticipa as subas dalgunhas partidas de gasto no exercicio de 2016, contidas para unha economía que crecerá (previsiblemente) a un ritmo superior ao 3% no Estado. Así, no epígrafe de Servizos Públicos Básicos, onde se inclúen os gastos nos programas de Xustiza, Defensa e Seguridade Cidadá, a subida será dun 1,4%. Cómpre destacar que será Xustiza a que logre captar máis fondos novos nestes apartados, un 6, 31% máis que o ano pasado.
O Goberno prevé aforrar até un 21,66% en gastos de prestacións pola baixada do paro
En desemprego, o Executivo prevé que a caída do paro lle aforrará até un 21,66% en gastos de prestacións, case 6.000 millóns menos do orzamentado en 2015 até os 19.820 millóns. As boas expectativas do Goberno en materia de emprego reflíctense tamén en que ao Fomento do Emprego só lle dedique un 1,2% máis de orzamento.
No programa para mellorar o "acceso á vivenda" non se fará ningunha mellora e quedará coa mesma dotación que en 2015, en 587 millóns de euros.En sanidade, educación e cultura a suba media será do 5,86%.
Ao tempo, o Goberno central subiu o seu soldo por primeira vez desde que tomou posesión en 2011. O proxecto dos PGE recollen un aumento do salario dos membros do Executivo do 1%, o mesmo incremento previsto para os funcionarios. Así, o presdiente Mariano Rajoy gañaría 78.996 euros brutos ao ano en 12 pagos, 781 euros máis que en 2015.
Rajoy e os membros do Goberno aumentan o seu soldo nun 1%
Desde que lidera o Executivo, o salario de Rajoy estaba conxelado en 78.185 euros. A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, gañará 74.221 euros o ano que vén, segundo o proxecto, fronte aos 73.486 euros deste ano, un aumento de 735 euros. Por outra banda, o soldo dos ministros do Gabinete sufrirá igualmente un incremento do 1%, ata os 69.671 euros.
En canto á Casa Real, o Executivo mantén conxelada a súa achega: 7,7 millóns. Os PGE destinan o mesmo diñeiro á Coroa por terceiro ano consecutivo.
Optimismo do Goberno
Segundo o Goberno, a economía española vai protagonizar unha milagre económica e o seu crecemento será "o maior das principais economías desenvolvidas", creándose 600.000 empregos neste 2015 e co Estado financiándose a tipos mínimos. No entanto, as contas públicas seguirán sendo "austeras", segundo Montoro. Os millonarios aforros no paro e en servizo da débeda destinaranse a intentar cumprir os obxectivos de déficit público de Bruxelas e case non se notarán nas partidas que gasto que mellor se traducen no Estado de Benestar.
O Goberno segue a apostar pola austeridade moi por riba das políticas sociais
Dos 8.000 millóns que pretende aforrar o Estado en 2016, pouco ou nada se traducirá en bolsas, prestacións ou outro tipo de políticas cara aos máis desfavorecidos. Facenda insiste en que o principal vai ao gasto social, pero porque nesta partida inclúe as pensións. No entanto, estas só subirán un 0,25%, pero o gasto sobe un 2,4%, debido a que cada vez hai máis pensionistas con mellores prestacións derivadas de que entran xubilados ao sistema con mellores prestacións.
De reparar nos detalles, a suba de bolsas que anunciou o novo ministro de Educación queda nun precario 0,2%, mentres o orzamento en Defensa crece un 0,4%. Ademais, a partida para a dependencia estará dotada de 75 millóns máis que en 2016, unha suba insuficiente tras os recortes dos últimos anos. En canto aos cartos para Sanidade, recupera só un 3,6% logo do recorte do 35% de 2014.
Por outra banda, a Igrexa recibirá a mesma cantidade a conta do Estado: 13,2 millóns ao mes. O Goberno central concede 159,2 millóns de euros aos bispos a conta da recadación polo cadriño do IRPF.
>> Información elaborada con achegas da redacción de eldiario.es