A fin das marcas Fenosa e Pastor dilúe o derradeiro vestixio galego do imperio empresarial de Barrié

Gas Natural Fenosa anunciou así o seu cambio de nome © Naturgy

Gas Natural Fenosa non se volverá chamar así. Neste mércores, a compañía enerxética mudou a súa denominación pola de Naturgy, coa que pretende, segundo o seu presidente, Francisco Reynés, amosar "as aspiracións internacionais" da empresa. Desaparece así a palabra gas, denominadora nas diferentes denominacións dunha firma con 175 anos de historia, pero tamén Fenosa, o último vestixio da eléctrica galega, absorbida pola catalá hai case unha década. Dentro dun ano, e logo da compra do Banco Popular por parte do Santander, Pastor, a outra gran marca que quedaba do imperio empresarial impulsado por Pedro Barrié de la Maza, tamén será historia. A Galicia xa non lle quedará nin o seu rastro. 

Gas Natural Fenosa pasa a chamarse Naturgy e o último vestixio que quedaba da eléctrica galega desaparece tamén

O presidente de Gas Natural anunciou o cambio na xunta de accionistas, a primeira celebrada desde que a sede da compañía se establecera en Madrid. Mudou a sede e agora o nome, que fai desaparecer o único que quedaba da antiga Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A. (Fenosa). Creada en 1943 por Pedro Barrié de la Maza, foi resultado da fusión forzada da Fábrica de Gas y Electricidad, que Barrié tiña na Coruña, con Electra Popular Coruñesa, do empresario e político José Miñones, fusilado polos fascistas a finais de 1936 logo de que lle expropiasen todas as súas firmas e que esta última fose cedida ao empresario de afinidade franquista, o mesmo que impulsou a Junta pro-Pazo del Caudillo e o agasallo de Meirás ao ditador. 

Logotipo da antiga Gas Natural Fenosa © Gas Natural Fenosa

Fenosa foi resultado da fusión forzada de dúas eléctricas: a de Barrié, afín ao franquismo, e a do político e empresario Miñones, fusilado polos fascistas tras expropiarlle as empresas

Xa a principios dos anos 80, Fenosa únese coa madrileña Unión Eléctrica para conformar Unión Fenosa e comeza unha etapa de expansión que a leva, a principios dos 2000, a contar con presenza en 15 países. En xullo de 2008, o principal accionista da empresa, o grupo ACS, recibe unha oferta de compra de Gas Natural que é aceptada. Tras a liquidación da OPA, a eléctrica catalá pasou a ser titular de máis do 95% do capital social da galega. En setembro de 2009, a firma orixinada na Coruña integrouse por completo en Gas Natural, que mantivo ata este mércores o seu nome

O Pastor, integrado no Popular, foi absorbido polo Santander, que prescindirá da súa marca desde o vindeiro verán

Fenosa era, xunto co Banco Pastor, o gran símbolo do imperio empresarial creado por Barrié de la Maza e no que tamén destacaron Astilleros y Talleres del Noroeste (Astano), Aluminio de Galicia, La Toja ou Pebsa. De todo aquilo, case nada queda. Tampouco o Banco Pastor, que perderá a súa marca galega dentro dun ano. 

O pasado mes de abril, o Banco Santander absorbeu definitivamente o Banco Popular e, ao tempo, o histórico Banco Pastor, que mantiña aínda a súa propia ficha bancaria e a súa sede social na Coruña, ademais dun consello de administración. Nada diso existe xa, tan só unha marca comercial á que lle queda pouco tempo.

Cartel da antiga Unión Fenosa CC-BY-SA Praza Pública

O Santander era, desde o pasado 7 de xuño de 2017, o propietario do Pastor logo de que o Estado, a través do seu brazo financeiro, o Fondo de Resolución Bancaria (FROB), anunciara a decisión de vender o Grupo Popular, onde se integraba a entidade galega, á presidida por Ana Botín polo prezo de un euro. Logo completouse a absorción definitiva que diluirá ata á desaparición o banco con sede na Coruña. 

Logo de reducir os servizos centrais, prescindir de 1.100 empregados e de varios centos en Galicia, o Santander prevé que de aquí a un ano estea completa a integración e o redimensionamento da súa rede. A finais deste ano comezará o proceso co amigración das oficinas do Popular aos sistemas do Santander. E rematará a principios do próximo verán, cando o banco suprima definitivamente as marcas Popular e Pastor. Daquela, todas as sucursais lucirán a marca Santander e a do Pastor, como a de Fenosa, será historia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.