Anticorrupción querélase contra cinco directivos de NCG e Mauro Varela dimite como presidente

Gayoso, Varela e Feijóo © Xunta

Novacaixagalicia en todas as portadas. Nun mesmo día, a Fiscalía Anticorrupción presenta unha querela contra catro ex directivos e Julio Fernández Gayoso, actual copresidente da entidade, mentres que o outro copresidente, Mauro Varela, presenta a súa dimisión "irrevocable" tras as súas desafortundadas palabras contra os afectados polas preferentes. Os dous foron os protagonistas simbólicos da famosa fusión das caixas galegas con aquela fotografía na que estreitaban a man xunto á do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Agora, un abandona e o outro afronta unha querela cuxo texto é especialmente duro coas súas decisións.

A primeira noticia chegou a última hora da mañá. A Fiscalía Anticorrupción viña de presentar ante o Xulgado Central de Instrución Número 2 da Audiencia Nacional a querela contra cinco exdirectivos de Novacaixagalicia polas cantidades adxudicadas en concepto de prexubilacións, "ocultando os importes tanto ao Consello de Administración como ao Banco de España".

Segundo recolle a querela, á que tiveron acceso varias axencias, a Fiscalía, tras practicar dilixencias de investigación nas últimas semanas, considera que os feitos poden ser constitutivos dun delito de administración desleal ou, de modo alternativo, dun delito de apropiación indebida.

A Fiscalía cre que os directivos puideron cometer delitos de administración desleal ou apropiación indebida

A querela foi formalizada contra Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza, Óscar Rodríguez Estrada e Francisco Javier García de Paredes Mouro.

"Os directivos actuaron con abuso das súas funcións para dispor fraudulentamente de bens da entidade crediticia"

Para Anticorrupción, todos estes directivos actuaron "con abuso das funcións do seu cargo e pleno coñecemento da dificilísima situación económica pola que atravesaba a entidade crediticia, a dispor fraudulentamente de bens da mesma, ocultando ao Consello de Administración e ao Banco de España o importe das súas prexubilacións".

Incluso a querela engade que os xestores das caixas galegas "non tiñan dereito" a cobrar estas prexubilacións, o que se fixo "en menoscabo da entidade crediticia que administraban e do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB)". Por todo iso, pide tamén a devolución das cantidades. José Luis Pego deberá devolver 1,5 millóns de euros; Rodríguez Estrada, 260.000; Gorriarán Laza, case 1 millón; e García de Paredes, 5,27 millóns.

García de Paredes debe devolver a NCG máis de 5 millóns de euros

Novagalicia pagou preto de 30 millóns de euros brutos a catro directivos en indemnizacións, tal e como se comunicou á CNMV. Segundo os datos, tres deles recibiron máis de 13 millóns en concepto salarial e case 7 polos plans de pensións.

Dimisión de Mauro Varela

Ademais, e a primeira hora da tarde, coñecíase a dimisión de Mauro Varela, que vén de presentar a súa "dimisión irrevocable" como presidente de Novacaixagalicia logo das declaracións realizadas a pasada semana tras a asemblea xeral da entidade e na que aseguraba que a campaña das preferentes "fora perfectamente legal" e que a xente que as contratara fixérao "sabendo todo o que estaba tomando". Agora, o alto directivo de NCG lamenta que as súas verbas "puidesen ofender" a persoas afectadas.

    Varela comprende que as súas palabras ofendesen "a aqueles angustiados por un problema económico grave"

Nunha carta, Varela lamenta "profundamente" que as súas declaracións "tiveran ofendido a aquelas persoas que estean angustiadas por un problema económico grave". "Comprendo e son consciente que o que dixen doeu; non era esa a miña intención nin é a miña forma de comportarme e actuar", di na misiva, logo de desexar "que o problema teña unha solución satisfactoria".

O xa ex copresidente recoñece que "estes tres últimos anos foron convulsos para as caixas galegas, para a entidade resultante da mesma e, en definitiva, paraa sociedade galega". "Tamén o foron para min", aclara.  

Así, Mauro Varela anunciou su "dimisión irrevocable" como conselleiro xeral de Novacaixagalicia, o que implica a renuncia como membro do Consello de Administración e a presidencia deste.

 

Alberto Núñez Feijóo e Julio Fernández Gayoso © Xunta
Carta de dimisión de Mauro Varela Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.