Banco Popular: as outras preferentes de Galicia

Oficina do Banco Popular © Grupo Banco Popular

Son as outras preferentes. Uns produtos comercializados entre os seus clientes polo Banco Popular en 2009, "bonos subordinados necesariamente canxeables en accións", un investimento en Galicia que supera os 40 millóns de euros e que podería afectar máis de 1.500 persoas no país, segundo os cálculos do despacho de avogados Caruncho, Tomé & Judel, que xa ten presentadas 150 demandas. 

Máis de 1.500 persoas están afectadas en Galicia por uns bonos que o Popular vendeu como investimento seguro e sen risco 

"O perfil do investidor é moi semellante ao dos preferentistas, persoas maiores, sen ningún tipo de formación e información respecto ao que asinaban ou investían. Trátase dun produto complexo que se contratou pola confianza e porque se vendeu como un investimento seguro", segundo conta o avogado Carlos Tomé. Pero non o era. Un dos afectados, cuxo pai meteu uns 20.000 euros, cóntallo a Praza. "El xa faleceu e eu, como herdeiro, atopeime co problema; un xestor da oficina de toda a vida empezoulle a falar destes bonos, dicíndolle que era un produto sen risco ningún e convencérono, en outubro de 2009 e en plena crise", explica este home que prefire manter o anonimato e que advirte do complexo non só do produto que vendía a entidade, senón do texto que o explicaba.

"Vendían os bonos a persoas maiores, sen formación nin información sobre o que asinaban; o perfil é como o dos preferentistas", di un avogado

"Teño formación xurídico-económica e, aínda léndoo oito veces, non es quen de saber como funciona", insiste un dos que se considera "estafado". "Porque é unha estafa, si, e moi parecida ás preferentes porque tamén se aproveitaron da confianza de clientes de toda a vida". Seu pai tiña varios produtos contratados no Banco Popular. 

“Case todos os afectados que coñezo son do mesmo perfil: xente maior e cliente de moitos anos. Meu pai tiña 82 anos e o seu caso parécese moito ao que conta calquera preferentista. Ademais, el sempre sabía diferenciar perfectamente que era o que tiña risco e o que non, pero nisto fiábase de quen lle dicía que non tiña ningún. E non era certo”, engade.

Foi no outono de 2009 cando o Banco Popular comercializou estes bonos. Anos máis tarde, a entidade efectuou unilateralmente un troco que afectou a todos os titulares destes bonos subordinados necesariamente convertibles e que vencían en outubro de 2013. Con este cambio, os titulares recibiron bonos convertibles polo mesmo prezo que os orixinais pero con vencemento en novembro de 2015 e co obxectivo de limitar as perdas patrimoniais dos aforradores que apostaran polo devandito produto.

Os 'bonos subordinados necesariamente canxeables en accións' outorga interese fixo... ata que se converte en accións e convértese nun investimento de renda variable

Mentres dura o bono, outorga un interese fixo, pero unha vez convertido en accións, a achega adquire as características dun investimento de renda variable. O Banco Popular colocou entre os seus clientes unha emisión de 700 millóns de euros nestes bonos, que terían que terse multiplicado por catro veces para que recuperasen o seu investimento en novembro de 2015, momento da conversión definitiva. Pero iso non vai pasar, xa que hoxe en día o prezo sitúase en arredor dos 4,4 euros por acción, moi lonxe dos 17,69 euros do prezo de conversión.

As perdas patrimoniais son do 80%; no caso do afectado que explica o caso a Praza, o investimento de 20.000 euros quedará en pouco máis de 4.000

Tal e como explican os afectados, o Popular, en plena polémica coas preferentes en Galicia, decidiu “pegarlle unha patada cara adiante ao vencemento, que adiaron a novembro deste ano”. “Viron que tiñan un grave problema ante a repercusión mediática destes temas e quixeron afastalo”, di. Pero agora non lles dan opción e efectuarase o troco. E iso é o que provoca a avalancha de denuncias que está a afrontar a entidade bancaria, xa que o límite é o vindeiro 25 de novembro, data de vencemento. “Agora si que se están a decatar do que se lles vén enriba”.

O Popular aprazou o vencemento do produto dous anos, en plena polémica das preferentes, pero agora non dá opción

O pasado mes de xuño, Banco Popular anunciou unha solución, pero a única opción é que se contraten depósitos de destacada rendibilidade con vencementos superiores aos cinco anos. En ningún caso se ofrece a devolución íntegra do investido. “Non se ofrece unha fórmula xenérica para os milleiros de clientes afectados, mesmo en ocasións teñen que investir máis cartos dos achegados antes para poder acceder ás condicións ofrecidas. Nunca ofreceron devolver o diñeiro”, lembra o avogado Carlos Tomé. As perdas patrimoniais, como lembran os letrados, sitúanse no 80%.

No caso do afectado que conta o seu caso, os 20.000 euros investidos polo seu pai quedarían en pouco máis de 4.000. “Sempre se pensou nun risco cero, pero non nunha fórmula kafkiana que non entende ninguén. Dubido moito que explicasen todo con detalle e o que querían era vendelo. No fondo, é un investimento bursátil puro e duro”, remata.

Oficina do Banco Popular © Grupo Banco Popular

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.