"Benvido sexa o goberno que veña", insiste a patronal ante Pontón tras asegurar ante Besteiro que non ten "medo a nada"

Juan Manuel Vieites, presidente da patronal galega, con Ana Pontón este mércores 14 de febreiro de 2024 CC-BY-SA BNG

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, amosa a súa dispoñibilidade a negociar medidas económicas cun goberno de esquerdas 

"Non temos medo a nada" e "benvido sexa o goberno que veña". As verbas son do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, tras as súas reunións o pasado 29 de xaneiro co candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e este mércores 14 de febreiro coa candidata nacionalista, Ana Pontón. Uns encontros nos que o presidente da patronal galega amosou a súa disposición a negociar medidas económicas cun posible goberno de esquerdas á fronte da Xunta.

Juan Manuel Vieites, presidente da patronal galega, con Ana Pontón e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín CC-BY-SA BNG

Tras o encontro deste mércores con Pontón o presidente da patronal, preguntado por un posible cambio na Xunta, dixo que "benvido sexa o goberno que veña, para nós o máis importante é que as medidas que se poñan enriba da mesa sexan amigables co mundo empresarial". E preguntado por esas características nas medidas contempladas polo BNG no seu programa de goberno a resposta de Vieites foi que "a maioría delas van na orientación, outras temos que traballalas e efectivamente se pode chegar... eu sempre son de consensos e de chegar a sumar e non restar".

En liña similar xa se pronunciara Vieites tras o encontro similar que mantivo con Besteiro, no que preguntado por un posible goberno BNG-PSdeG ou PSdeG respondeu que "o que necesitamos é un goberno estable, e polo tanto non temos medo a nada sempre e cando o goberno sexa estable, poña as medidas adecuadas para que as empresas poidan competir e poidan desenvolver e poidan crecer, e para iso necesitamos unhas medidas desde o punto de vista fiscal, laboral e doutra índole que non prexudiquen a actividade económica e o crecemento das empresas".

Vieites e Besteiro na reunión que mantiveron o 29 de xaneiro CC-BY-SA Praza Pública

Esa mesma mensaxe de "goberno estable" foi transmitida novamente por Vieites a Pontón este mércores. A CEG tamén trasladou que "entre o empresariado galego existe unha gran preocupación ante a desaceleración da actividade económica e a redución do investimento en Galicia nos últimos anos", unha situación da que vén advertindo o BNG, que considera que "o empresariado do país non está confiando no actual Goberno da Xunta, porque non está investindo en Galiza". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.