Enagás confirma a inclusión do corredor galego de hidróxeno na rede europea tras poñelo en dúbida a Xunta

Enagás presenta a futura rede de hidróxeno española © Enagás

Galicia contará cun hidroduto que permitirá dar saída ao hidróxeno que se produza no país e que formará parte da rede que situará a Península Ibérica como base do proxecto europeo para esta enerxía verde e clave na distribución para toda Europa. Así o confirmou este mércores Arturo Gonzalo, conselleiro delegado de Enagás, empresa promotora da infraestrutura á que manifestou o seu total "apoio", tal e como asegurara cando fora excluída dos proxectos prioritarios para a UE a finais de ano. 

Daquela, a Xunta respondera alporizada ao comprobar que que o hidroduto entre Guitiriz e Zamora para o transporte de hidróxeno verde non figuraba na lista da Comisión Europea dos Proxectos de Interese Común (PCI) que optan ao financiamento comunitario. Falara de decisión "indignante", "intolerable" e "incomprensible" que Alfonso Rueda definiu como "un agravio máis" do Goberno de España a Galicia, que quedaría "desconectada". 

lfonso Rueda e o conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo, en abril de 2023 CC-BY-SA Xunta

Enagás confirma que o corredor galego estará incluído na futura rede europea e logo de que a Xunta o puxese en dúbida e advertise dun novo "agravio" do Goberno central a Galicia

Xa entón, ás poucas horas, Enagás explicaba a exclusión do tramo galego da listaxe da UE e o propio conselleiro delegado de Enagás aclaraba que o hidroduto galego estaba nas "previsións" da empresa, que estaba "convencida" da súa "relevancia para conectar Galicia co resto da rede española e apuntalar o que será o hub enerxético do noroeste". 

Este mércores, co gallo do Día do Hidróxeno, a empresa operadora presentou os resultados das manifestacións de interese (Call for Interest) da rede española, entre a que incluíu o treito Guitiriz-Zamora, no que participaron 206 empresas, con 650 proxectos, e cuxos resultados conclúen que a oferta e consumo previsto ratifican a infraestrutura. 

Enagás presentará á UE, así que se abra unha nova convocatoria, o eixo Guitiriz-Zamora para que sexa considerado tamén un dos Proxectos de Interese Común na UE que integren a rede ibérica e, en global, a rede europea que facilitará o transporte e distribución do hidróxeno, cuxo desenvolvemento se prevé nas plantas previstas nas Pontes, Meirama ou Arteixo. 

Besteiro amosa a súa "satisfacción" tras confirmarse que o hidroduto galego estará conectado á rede europea: "As xestións deron os seus froitos"

Desde o PSdeG, o seu candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, amosou a súa "satisfacción" ao comprobar que "dous meses despois" de ter "confirmado que o hidroduto ía estar si ou si conectado á rede europea" fose este mércores o conselleiro delegado de Enagás quen o ratificase. 

"Iso confirma que as xestións que fixen hai dous meses deron os seus froitos", dixo Besteiro, que lembrou que a infraestrutura comprometida "permitirá exportar o hidróxeno galego por España e por toda Europa" desde 2030. 

A ministra Ribera, xunto a Abel Caballero, na xuntanza co sector empresarial en Vigo CC-BY-SA PSdeG

A moi alta tensión para Stellantis estará en "tres ou catro anos"

Por outra banda, a ministra Ribera, durante un encontro con representantes empresariais en Vigo, anunciou que nun prazo de "tres ou catro anos" a moi alta tensión estará operativa na factoría de Stellantis en Vigo. Así, aclarou que a instalación dunha nova subestación foi incluída dentro das modificacións puntuais ao Plan de Desnevolvemnto de Transporte de Enerxía Eléctrica no horizonte de 2026. 

Agora, segundo a ministra e tamén vicepresidente terceira do Goberno de España, a infraestrutura deberá ser apoiada polo Consello de Ministros para que logo Red Eléctrica leve a cabo o seu deseño, pase a tramitación ambiental e inicie a súa licitación. "Pasarán tres ou catro anos ata que estea operativo", dixo Ribera, que garantiu a súa chegada ante representantes do sector da automoción. 

Así, asegurou que a tramitación desas modificacións puntuais da alta tensión se atopan xa na "última fase" e que o Consello de Ministros darlles o visto e prace "nas vindeiras semanas". Unha infraestrutura que, lembrou, beneficiará a Stellantis pero tamén a toda a industria asentada en Balaídos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.