Unha decisión "indignante", "intolerable" e "incomprensible" que Alfonso Rueda definiu como "un agravio máis" do Goberno de España a Galicia. "Non hai dereito", chegou a dicir o presidente da Xunta ao comprobar que o hidroduto entre Guitiriz e Zamora para o transporte de hidróxeno verde non figuraba na lista da Comisión Europea dos Proxectos de Interese Común (PCI) que optan ao financiamento comunitario. O país quedaba "desconectado", insistiría a final do pasado novembro.
Rueda cualificou de "intolerable" e "indignante" que o hidroduto galego non figurase entre os proxectos a financiar pola UE
Axiña, en coro, o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, uníase á Xunta para sinalar o Executivo de España por unha decisión que condenaba Galicia "ao illamento" e que, argumentaba, supoñía "negarlle un desenvolvemento igualitario con respecto a outras comunidades", "darlles as costas aos proxectos galegos" e "poñer en risco investimentos millonarios" nas plantas previstas para o desenvolvemento do hidróxeno verde nas Pontes, Meirama ou Arteixo. "Digo unha cousa que todos temos na cabeza: se Catalunya quedase excluída destas conexións, o Goberno central estaríase movendo", completou Rueda, volvendo tirar de aldraxe e comparación coa comunidade catalá, como outras veces antes.
Lanzou a Xunta outra idea de agravio ao tempo que Enagás, a empresa que promove o hidroduto, apuraba a aclarar que o proxecto seguía sendo "prioritario", que presentaría a iniciativa á seguinte convocatoria de PCI en 2024 e que era mesmo entendible que o corredor de hidróxeno verde galego non estivese nesa primeira listaxe de 166 proxectos estratéxicos comunitarios que recibirán financiamento da UE. Tardou só horas en desmentir os temores impulsados pola Xunta e a patronal, pero o balbordo xa estaba creado. Malia que a empresa, como recoñeceu Rueda en rolda de prensa, xa lle trasladara ao Goberno galego que o proxecto seguía adiante.
Enagás, promotora do hidroduto, tardou horas en aclarar que o proxecto era "prioritario" e que se levaría a cabo tras acusar Rueda o Goberno de España de deixar Galicia "desconectada"
Enagás explicou nun comunicado, o mesmo día que Rueda advertía dunha suposta afronta, que a Comisión Europea elixiu "só aqueles proxectos que, logo da análise realizada, considerou que son necesarios neste momento para as interconexións". Neste caso, engadía, "para levar hidróxeno renovable producido en España ata o corredor H2Med".
Xa que logo, a empresa aclaraba que a UE priorizou nesta primeira liña de axudas os hidrodutos claves para transportar a Europa o hidróxeno verde xerado en España, algo para o que non é vital o tramo galego. Si o será "para atender a demanda nacional", polo que, como no caso de varios proxectos noutros Estados, agardará a súa futura inclusión en proxectos a financiar pola Unión Europea. En todo caso, insiste, promoverao "independentemente da súa inclusión na lista de PCI".
Antes, incluso, o conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo Aizpiri, tiraba da rede social Linkedin para aclarar que o hidroduto desde Guitiriz estaba nas "previsións" da empresa, que estaba "convencida" da súa "relevancia para conectar Galicia co resto da rede española e apuntalar o que será o hub enerxético do noroeste". O pasado xoves, nunha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, insistiu en que o corredor galego será incluído na rede troncal.
Enagás advertiu que construirá o hidroduto, que Galicia non quedará desconectada e que a UE priorizou as interconexións e non os proxectos de demanda interna
En resumo, con maior ou menor claridade, Enagás advertiu de que fará o hidroduto, que Galicia non quedará desconectada en ningún caso, que a Comisión Europea prioriza os proxectos para as interconexións e non os de demanda propia de cada Estado e que a futura inclusión do corredor Guitiriz-Zamora entre os PCI non está para nada descartada. Unha emenda ao argumento da Xunta e da patronal.
A compañía, que en setembro chegou a un acordo con Reganosa para ser o promotor do hidroduto galego —que ten un orzamento de 250 millóns—, insistiu en que "continuará impulsando e desenvolvendo os traballos necesarios para poñelo en marcha" e en que é "prioritario" porque hai demanda. Así o comprobou logo do proceso aberto hai tres meses para estudar o interese do sector enerxético nesta infraestrutura. Máis de 200 compañías participaron nesta primeira fase.
Mentres, desde Bruxelas, o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, denunciaba que Rueda "non se entera" do que ocorre nas institucións comunitarias, aclarando que a decisión sobre a inclusión do hidroduto galego nos PCI é "puramente europea", malia as insinuacións ou acusacións directas da Xunta ao Estado. O Executivo comunitario incluíu máis de 160 proxectos transfronteirizos, entre eles o H2Med de España, que está formado por unha conexión entre Portugal e Zamora e outra marítima entre Barcelona e Marsella, cun investimento previsto de 2.500 millóns de euros.
O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, pola súa banda, avisou tamén de que "Galicia terá hidroduto" e reprochou que a Xunta faga un uso "partidista" do tema cando "sabe que a infraestrutura se vai construír". “É hora de que asuman as competencias en Industria, deixen o enfrontamento a un lado, e se poñan a traballar polo desenvolvemento do tecido industrial de Galicia", dixo.
Cinco proxectos de hidróxeno en Galicia recibiron máis de 50 millóns en axudas de diversas convocatorias do Estado
Desde o Goberno de España non ocultan o seu malestar polo que consideran un intento da Xunta de vestir de agravio calquera noticia e que vinculan claramente a unha estratexia de precampaña. Fontes do Executivo central, ademais, lembran que o PERTE ERHA (Proxecto Estratéxico para a Recuperación de Transformación Económica de Enerxías Renovables, Hidróxeno Verde e Almacenamento) ten asignados xa 1.555 millóns de euros para fomentar o hidróxeno en toda España, ao que hai que engadir outros 1.600 da addenda do Plan de Recuperación.
Foron resoltos xa, lembran, seis convocatorias relacionadas con hidróxeno verde e adxudicados 413 millóns para 67 proxectos. En Galicia foron 38 millóns para catro, un 9% do total, aos que se suman outros 15 millóns —que elevarán o total a 53— cunha iniciativa que supón o 10% da dotación da última convocatoria, de 150 millóns.
É a achega recibida polo proxecto do grupo sueco Universal Kraft para a planta de amoníaco verde das Pontes de entre un total de doce aos que o Goberno central vén de adxudicar axudas. Rueda denunciou tamén como "un agravio máis" que só esta iniciativa galega se incluíse na última convocatoria do PERTE ERHA.
"Rueda debería saber que os programas estatais avalíanse en base a criterios técnicos e obxectivos e non a unha repartición territorial", di o delegado do Goberno
"Non entendemos a opinión do presidente da Xunta cuestionando as axudas do Goberno cando debería saber que os programas estatais avalíanse en base a criterios técnicos e obxectivos e non a unha repartición territorial", lembroulle Blanco. "Non hai unha repartición territorial, senón unha que prioriza os proxectos máis firmes segundo criterios técnicos", insisten fontes do Executivo.
Desde o Goberno de España lembran as claras posibilidades doutros proxectos galegos en futuras convocatorias por ser Galicia "unha das comunidades mellor colocadas para o desenvolvemento do hidróxeno verde, como demostran os proxectos e as axudas que xa recibiu e que pode seguir recibindo nas próximas convocatorias". As plantas previstas en Arteixo, Meirama e As Pontes, esta última cunha declaración de impacto ambiental positiva xa, así o demostrarían.
O Executivo lembra, ademais, que varios proxectos en Galicia xa foron seleccionadas noutras liñas dentro do PERTE ERHA, como cinco de comunidades enerxéticas ou os que teñen que ver con renovables mariñas, por exemplo.
Pero o discurso mantense. Aínda este pasado mércores, nun artigo en La Voz de Galicia, Juan Manuel Vieites, presidente da patronal galega, insistía na "exclusión de Galicia do corredor do hidróxeno" e denunciaba que os proxectos galegos pasasen "a un segundo plano" ou que o suposto veto ao hidroduto entre Guitiriz e Zamora relegaba o país "a ocupar o vagón de cola na carreira do hidróxeno". Unha tese afastada do que di a propia Enagás, a empresa xestora do sistema gasista e que ten comprometida a construción do corredor.