Galicia crea case 9.000 empregos en maio entre subas da temporalidade e dos contratos

Dominio Público Praza Pública

O paro rexistrado descendeu en Galicia en 5.595 persoas no pasado maio, ao tempo que medrou tamén o número de afiliados á Seguridade Social en 8.675. Como é habitual neste mes, a cifra de persoas paradas nas oficinas de emprego descende e créase emprego con respecto ao mes anterior, situándose Galicia cun total de 176.696 desempregados e rozando, pero sen alcanzar aínda, o millón de cotizantes, 998.091.

 O paro rexistrado descende en 5.595 persoas ao tempo que o emprego aumenta en 8.675 no mes de maio

Nun ano, o número de afiliados á Seguridade Social subiu en 26.786 persoas en Galicia, un incremento do 2,76%, mentres que en canto ao paro rexistrado, descendeu en 22.942 persoas desempregadas con respecto a maio de 2017, o que supón un descenso do 11,5%. 

O aumento do emprego, e xa que logo de cotizantes, deuse en maio en todas as provincias, ao igual que o descenso do paro rexistrado. Tamén se dá en todos os sectores económicos, aínda que en moita maior medida nos servizos, onde o desemprego descendeu en maio en 3.275 persoas, fronte á baixada de 261 na agricultura, 879 na industria, 912 na construción e 268 no colectivo sen emprego anterior. 

O descenso do paro rexistrado dáse sobre todo no sector servizos, cunha baixada en 3.275 persoas

Con estes datos, o paro rexistrado confirma que está a volver, aos poucos, a niveis previos á crise nun mercado laboral que, non obstante, presenta unha diferenza fundamental ao de hai unha década: faltan uns 70.000 postos de traballo. Son en total, 998.091 as persoas afiliadas á Seguridade Social en Galicia a tal hora ou, o que é o mesmo, 68.674 menos que en maio de 2007, ano considerado o previo ao estourido da crise. 

Do total de persoas paradas en Galicia ao final do mes de maio, 101.617 son mulleres (representan o 57,5 % do desemprego) e 75.079 homes. Dese total, 8.505 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan o 4,81 % deste paro rexistrado, que baixa máis nos homes que nas mulleres, tanto na comparación mensual (2.994 parados menos fronte a 2601 paradas menos) coma na anual (12.921 parados menos fronte a 10.021 paradas menos). Os descensos máis acusados, como destacan os sindicatos, danse nos sectores que teñen máis presenza de homes, como a construción e a industria.

En Galicia asináronse en maio máis de 96.000 contratos, once por cada emprego creado

En canto aos contratos, asináronse en Galicia no mes de maio 96.189, 14.345 máis que no mes anterior e 8.594 con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Esta elevada cifra dá conta da alta rotación no emprego, un dato que os sindicatos destacan sempre como un síntoma máis da importante precariedade laboral, ao asinarse cada vez máis contratos, pero non reflectirse en emprego estable.

Así, destes case 100.000 contratos firmados nun só mes en Galicia, máis do 90% foron temporais. Son once contratos por cada emprego creado no país e máis de 17 por cada parado que abandona a listaxe. 

En comparación co mes de abril, avanzou máis a contratación temporal (+19,5 %) que a indefinida (+0,23 %). En termos anuais, pola súa banda, subiu máis en proporción a contratación indefinida (+22,2 %) que a temporal (+8,8 %). Non obstante, o número de contratos indefinidos segue sendo moi baixo: en maio rexistráronse 8.236 contratos indefinidos (8,56 % da contratación total).

En canto ás prestacións por desemprego, no mes de abril en Galicia só o 52,82 % das persoas paradas con experiencia laboral perciben prestacións por desemprego. En total, hai unhas 78.500 persoas paradas con experiencia laboral que xa carecen de cobertura por desemprego.

Neste mes, último con datos respecto da cobertura, había 87.892 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 39.147 percibían un subsidio por desemprego (o 44,5 % do total das prestacións), 37.531 contributivas (o 42,7 %), 8.992 a renda activa de inserción (o 10,23 % do total) e 2.222 correspondían ao programa de activación de emprego (o 2,53 % do total).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.