Galicia lidera as denuncias e sancións por incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

Galicia é a comunidade autónoma de onde chegan máis denuncias por posibles incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria e tamén a que máis propostas de sanción acumula, a maioría no sector lácteo. Esas son as conclusións do informe que vén de publicar a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se encarga do correcto funcionamento das relacións de compra-venda no sector agroalimentario.

Galicia é a autonomía de onde chegan máis denuncias por posibles incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria e tamén a que máis propostas de sanción acumula

Segundo o estudo que analiza o labor realizado polos inspectores de AICA e os resultados obtidos nos seus controis desde que comezara a funcionar -en setembro de 2014- ata o 31 de decembro de 2015, Galicia é a autonomía de onde chegan o maior número de denuncias por posibles incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria, máis de 3 de cada 10 (31%). En concreto, 30 das 95 denuncias recibidas na Axencia durante ese período de 16 meses xurdiron desde Galicia, case dúas ao mes

Máis de 3 de cada 10 denuncias por incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria chegan desde Galicia

De entre estas denuncias, destaca que tan só tres delas refírense á venda a perdas fronte ás 33 presentadas polo mesmo motivo no conxunto do Estado, aínda que AICA xa aclara que esta práctica, prohibida pola Lei de Comercio Minorista, é competencia das comunidades autónomas, administracións ás que a Axencia "traslada estas denuncias unha vez determinados o ámbito territorial". 

Ademais, Galicia é tamén a comunidade autónoma que acumula maior número de multas propostas no conxunto do Estado (22%). Foron 65 dun total de 294, logo de que se abrisen 12 expedientes sancionadores, xa que un mesmo expediente pode conlevar diferentes multas. Malia que os datos non especifican as cifras, AICA aclara que en global é o sector lácteo o que acumula o maior número de denuncias e que, tendo en conta as estatísticas a nivel estatal, é o de froitas e hortalizas o que maiores inspeccións suma. Pero este último dato non é así en territorio galego, onde é o leite o máis vixiado con moita diferenza. 

Actuacións da AICA en Galicia
  Galicia España
Denuncias recibidas 30 95
Inspeccións realizadas 67 1207
Inspeccións en leite envasado 44 158
Expedientes sancionadores 12 180
Sancións 65 294

Galicia tamén é o territorio con máis multas propostas (22%), 65 dun total de 294 no Estado

Así, máis do 65% de inspeccións realizadas pola AICA en Galicia desde a súa posta en marcha foron en leite envasado, 44 das 67 levadas a cabo na comunidade autónoma, fronte as sete en froitas e hortalizas, dúas en polo, catro en aceite de oliva ou dez no sector vinícola. Do total de inspeccións realizadas no sector lácteo no Estado (158), case o 28% tiveron lugar en territorio galego. 

Máis do 65% das inspeccións realizadas pola AICA en Galicia foron no sector lácteo

 

O lácteo, no punto de mira

En plena crise láctea, con baixos prezos do leite en orixe e a presión dos gandeiros, o sector centrou moita da actividade inspectora de AICA, pero tanto organizacións agrarias como gandeiros seguen a reclamar máis inspeccións de oficio, así como a publicación do nome das industrias e cades de distribución que cometen as infraccións. No entanto, desde a Axencia insístese na necesidade de que os gandeiros demanden máis destas inspeccións e lembran que a publicación da listaxe de infractores non é posible sen a modificación da Lei da Cadea Alimentaria. 

Con todo, nunha das últimas xuntanzas do sector coa Xunta, a Consellería de Medio Rural informou das súas propias inspeccións, así como das da ACAI, e lembrou que pode chegar a impoñer sancións de ata 200.000 euros por violacións da Lei da Cadea Alimentaria. Así, advertiu aos sindicatos de que se investigaban dúas empresas galegas, pero que se dubidaba sobre impoñer elevadas multas que puidesen forzar o peche das compañías e trasladar o peor do impacto negativo ás explotacións que lles fornecen leite. 

Por outra banda, e en canto ao seu estudo, AICA aclara que a causa máis habitual de sanción é non respectar os prazos de pagamento, seguida do non envío da documentación requirda pola Axencia ou a ausencia de contratos de compra-venda. Ademais, a distribución maiorista é a parte da cadea alimentaria que concentra maior número de incumprimentos da Lei, menters que o sector lácteo é o que acumula máis denuncias no Estado e o de froitas e hortalizas máis expedientes sancionadores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.