O Consello de Contas reprocha á Xunta deficiente control das denominacións de orixe, nas que ve falta de transparencia

Produtos galegos con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida nunha imaxe divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O ente fiscalizador pide ao Goberno galego que analice a conveniencia de eliminar algún dos consellos reguladores da trintena de produtos protexidos que hai en Galicia, dos que constata o seu elevado grao de dependencia das subvencións públicas

A Xunta, sexa a través da súa Intervención Xeral ou da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, debería "reforzar o papel de supervisión pública" dos consellos reguladores da trintena de denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas que hai en Galicia. Así o reflicte o informe específico sobre ese sector que vén de divulgar o Consello de Contas, ente fiscalizador independente que tamén constata a falta de transparencia e o elevado grao de dependencia das subvencións públicas por parte deses consellos reguladores. Tamén pide á Xunta que analice a conveniencia de eliminar os consellos reguladores que non teñan capacidade para realizar as súas actividades. 

Valor económico das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas © Consello de Contas

En Galicia hai actualmente 11 denominacións de orixe protexidas (DOP) e 24 indicacións xeográficas protexidas (IXP) que engloban todo tipo de produtos agroalimentarios e viños. A maioría delas están rexidas internamente por consellos reguladores, "entidades de xestión que verifican o respecto das normas de produción e realizan funcións de defensa e promoción dos produtos que protexen". E a elas hai que engadir unha denominación de calidade de carácter non xeográfico, a da agricultura ecolóxica de Galicia.

O valor económico de cada produción protexida é moi dispar e en 2019, ano analizado polo Consello de Contas, foi desde os 142 millóns de euros dos viños Rías Baixas, os 123 millóns de Ternera Gallega ou os 93 millóns da agricultura ecolóxica a cifras por baixo do millón de euros en casos como o pemento de Herbón, o queixo do Cebreiro, a faba de Lourenzá ou o augardente de herbas de Galicia. 

Moi inferior é o gasto directo realizado nas súas actividades por cada consello regulador, unha media de medio millón de euros ao ano na que a maioría non chega aos 100.000 euros mentres algúns como Rías Baixas ronda os catro millóns. Pero con independencia do tamaño Contas aprecia similares debilidades e deficiencias no seu funcionamento. 

Transparencia das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas © Consello de Contas

"Non renden contas anuais ao Consello de Contas tal e como é o obrigatorio" e, agás Rías Baixas, "non publican información contable nas súas páxinas web", di o ente fiscalizador duns consellos reguladores dos que salienta que "o nivel de dependencia pública é alto xa que, en termos globais, o 60% dos seus ingresos proceden de transferencias públicas"

O ente fiscalizador sinala que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria "realiza actividades de apoio e xestión económica nos consellos reguladores e asemade ten encomendadas as funcións de supervisión e tutela deles", pero aínda que a Xunta pode "exercer o control financeiro necesario" sobre estas entidades, "nos anos analizados non se realizaron" esas supervisións. A Intervención Xeral da Xunta limitouse a vixiar o destino das cantidades achegadas pola administración autonómica, pero non o conxunto de ingresos e gastos dos consellos reguladores.

Contas recomenda á Xunta que analice "a conveniencia de continuar mantendo consellos reguladores que non teñen capacidade para levar a cabo as súas actividades"

Ante esta situación, o Consello de Contas reclama aos consellos reguladores que lle rendan contas anualmente e recomenda á Xunta que regule o réxime contable desas entidades e reforce o seu "papel de supervisión pública" con "auditorías e/ou controis financeiros".

Contas mesmo recomenda á Axencia Galega de Calidade Alimentaria que analice "a conveniencia de continuar mantendo a actividade daqueles consellos reguladores que non teñen a dimensión e capacidade para levar a cabo de xeito eficiente as súas actividades".

Recomendacións do Consello de Contas á Xunta sobre os consellos reguladores CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.