A superficie agrícola ecolóxica dispárase en Galicia, pero cun estancamento da facturación

Produción ecolóxica © CRAEGA

O CRAEGA celebra os datos como unha mostra de que "a curva da agricultura eco segue en ascenso en Galicia", destacando que malia "os atrancos sucedidos nestes últimos anos (como son a Guerra de Ucraína ou a pandemia), a agricultura ecolóxica certificada en Galicia goza de boa saúde"

2022 foi un ano de contrastes para as producións ecolóxicas en Galicia. Segundo a Memoria do Sector Ecolóxico, que vén de publicar o CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), o volume de facturación global sufriu un estancamento, ficando nos 112.900.268 euros, un 0,8% menos que o exercicio anterior, o que supón o primeiro descenso dende o ano 2012, unha década na que o sector experimentou un ascenso do 380%, duplicándose nos últimos cinco anos.

En cambio, o pasado ano a superficie certificada para as producións ecolóxicas agrarias e gandeiras medrou un 42%, acadando as 45.627 hectáreas, o nivel máis alto da historia. Tamén se disparou o número de operadores ecolóxicos, cun aumentou do 12% nun só ano, o que deixa a cifra total en 1.506, case o dobre que no ano 2015.

O CRAEGA celebra os datos como unha mostra de que "a curva da agricultura eco segue en ascenso en Galicia", destacando que malia "os atrancos sucedidos nestes últimos anos (como son a Guerra de Ucraína ou a pandemia), a agricultura ecolóxica certificada en Galicia goza de boa saúde".

A UE establece que no ano 2030 a superficie agraria útil que realice produción ecolóxica debería acadar o 25% do total. En Galicia, a pesar do incremento que se vén producindo nos últimos anos, a porcentaxe está aínda moi lonxe (ao redor do 7%, segundo os datos de CRAEGA)

A estes factores externos negativos uniuse nos últimos meses a exclusión de 300 explotacións ecolóxicas das axudas europeas, debido a un erro de previsión orzamentaria do Goberno galego, que só reservou 3,18 millóns cando precisaba 5,6 millóns. A Unión Europea establece que no ano 2030 a superficie agraria útil que realice produción ecolóxica debería acadar o 25% do total. En Galicia, a pesar do incremento que se vén producindo nos últimos anos, a porcentaxe está aínda moi lonxe (ao redor do 7%, segundo os datos de CRAEGA). 

Na procura deste obxectivo, existen axudas económicas para facilitar esta transición de superficie graria convencional a ecolóxica. Porén no mes de decembro coñeceuse que a Xunta de Galicia reservara nos seus orzamentos unha cantidade insuficiente para dar resposta a todas as solicitudes de explotacións agrogandeiras que querían apostar polo modelo ecolóxico.

Lugo (23.386 hectáreas) e Ourense (14.321) son as provincias cunha maior superficie agraria ecolóxica e son, ademais, os territorios nos que esta medrou máis no ano 2022 (+41% e +49%)

Malia as dificultades, a superficie ecolóxica certificada está a medrar de forma moi importante, á vista dos datos do ano 2022. Lugo (23.386 hectáreas) e Ourense (14.321) son as provincias cunha maior superficie agraria ecolóxica e son, ademais, os territorios nos que esta medrou máis no ano 2022 (+41% e +49%). Na Coruña e Pontevedra, con superficies menores (5.050 e 2.870 hectáreas, respectivamente), o aumento foi tamén importante, superior ao 30%.

A maior parte da superficie ecolóxica corresponde a pastos permanentes, aínda que máis de 6.500 hectáreas se dedican a cultivos permanentes, especialmente na provincia de Lugo, con algo máis de 4.000 hectáreas. A maior extensión ocúpaa o cultivo de froitos secos, castañas maioritariamente, con 2.403 has. En segundo posto sitúase, o cultivo das froitas, nomeadamente a mazá, que acadou en 2022 un total de 434 has.

Na última década o número de operadores ecolóxicos certificados medrou un 148%

O incremento da actividade foi tamén visible no número de operadores ecolóxicos certificados (produtores, e elaboradores). Nos últimos dez anos a listaxe de inscritos aumentou nun 148%. Por provincias, ao igual que sucede coa superficie, a lucense volve colocarse de primeira, con 536 inscritos, seguida de Pontevedra, con 447; A Coruña, con 301, e Ourense, con 222.

En canto ao volume de facturación, chama a atención que a provincia con máis ingresos é a da Coruña, malia contar con moitos menos operadores e superficie certificada que Lugo

Finalmente, en canto ao volume de facturación, chama a atención que a provincia con máis ingresos é a da Coruña, malia contar con moitos menos operadores e superficie certificada que Lugo. A Coruña tivo no ano 2022 36 millóns de euros de facturación, dous máis que Lugo, con 34 millóns, e sete máis que Pontevedra, con 29. Ourense é a que menos recada, pois o seu volume de vendas foi de preto de 14 millóns.

A produción animal (carne e leite) segue a ser a que máis factura, con algo máis de 63 millóns

A produción animal (carne e leite) segue a ser a que máis factura, con algo máis de 63 millóns, moi por diantes das producións vexetais, con 29 millóns; no terceiro posto sitúanse a acuicultura e as algas, con 20 millóns, un subsector que leva experimentando un forte crecemento nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.