Sánchez anuncia a construción en Navantia Ferrol dun buque para a Armada que suporá 1.800 empregos

Pedro Sánchez, con persoal de Navantia Ferrol durante a súa visita do 24 de xaneiro de 2024 © Delegación do Goberno de España en Galicia

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou este mércores o encargo por parte do Ministerio de Defensa aos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol dun novo buque de aprovisionamento de combate para a Armada que suporá un investimento total de 439 millóns, a creación de 1.800 empregos entre postos directos e indirectos e unha carga de traballo de tres millóns de horas. 

O anuncio chegou desde as propias instalacións dos estaleiros e logo de que Sánchez se reunise coa dirección de Navantia e, posteriormente, co comité de empresa. O xefe do Executivo central destacou ademais como "moi relevante" que o inicio da construción do buque realizarase "coa máxima celeridade" ao partir o seu deseño doutro que xa está en servizo, o Cantabria.  

Buque de aprovisionamento 'Cantabria', modelo sobre o que se baseará o que se construirá nos estaleiros de Ferrol © Armada Española

Sánchez destaca que no novo proxecto de Navantia participarán 300 empresas españolas, 135 delas de Galicia

Sánchez asegurou que este proxecto "vai incorporar todos os avances tecnolóxicos máis recentes para a construción" e que será "unha grande oportunidade" para toda a comarca de Ferrol e toda Galicia polo que supón de "rexenerador de riqueza" e de "emprego digno" e porque vai "implicar" a participación de perto de 300 empresas españolas. "Delas, arredor de 135 serán de aquí, desta terra, de Galicia", aclarou. 

Ademais, a orde de execución do buque, que equivale á sinatura do contrato, producirase antes do verán, polo que a construción debería iniciarse a finais deste mesmo ano. 

Sánchez enmarcou este encargo no proceso de "reindustrialización" da comarca de Ferrol, de Galicia e de España e como "unha declaración de principios" sobre a aposta e "implicación" do Goberno central coa empresa pública Navantia e con Galicia, un proceso para reindustrializar que "debe ter un impacto no emprego pero, sobre todo, na cohesión territorial", dixo. E lembrou que, "polas razóns que fosen", o sector naval pasou "anos de retroceso e parón" pero que agora está "chamado a ser un auténtico emblema da nosa industria, un símbola da necesaria aposta pola necesidade imperiosa de que Europa e particularmente España se reindustrialice". 

Sánchez ve o encargo como mostra da "implicación" do Goberno central con Navantia e a "reindustrialización" de Ferrolterra e de Galicia, "con impacto no emprego e na cohesión territorial"

"Queremos seguir conxugando o verbo reindustrializar en Ferrol, en Galicia e en España, e facelo en clave sostible e dixital porque son os piares sobre os que se construíra a competitividade das economías", asegurou Sánchez, que insistiu no "obxectivo" de "implicar a sociedade galega" e a "universidades punteiras en I+D+i en España, como as da Coruña ou a de Vigo" nos proxectos que leva a cabo o estaleiro, como a das cinco fragatas F-110, nas que se traballa xa cuxa construción fora paralizada polo PP para adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés, ou a aposta polo mercado de enerxías renovables, das que destacou o "extraordinario posicionamento" por parte dos estaleiros ferrolás, en particular na eólica. 

Pedro Sánchez e José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-SA PSdeG

Besteiro celebra o resultado dos seus "esforzos"

Ao pouco do anuncio, as redes sociais do PSOE advertían que "non é o mesmo como o PP e o PSOE tratan o sector naval". "Co PP e a Xunta están sen traballo, na rúa, milleiros de despedidos, sen futuro...". "Co PSOE e o Goberno, comprométense cos estaleiros de Navantia e trabállase a pleno rendemento", din para acompañar un vídeo. 

Pola súa banda, desde o PSdeG, o seu candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, amosouse feliz de "ter conseguido este compromiso do presidente do Goberno", en referencia ás "boas novas" que anunciou hai meses para os estaleiros de Ferrol e os seus "esforzos en conseguir máis carga de traballo". "Foron semanas de intenso traballo pero somos o partido que representa ese galeguismo útil", asegurou quen cre que con este anuncio "gaña Ferrolterra e gaña Galicia". 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa banda, dixo que celebraba o encargo de Defensa para os estaleiros ferroláns "se é verdade". "Porque promesas de Pedro Sánchez" en período electoral "logo quedaron en nada", dixo tras poñer en dúbida o anuncio do presidente do Goberno de España. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.