Feijóo, o consenso lingüístico e o Scattergories

  • Editorial

Nos anos 90 foi ben célebre o anuncio do Scattergories, o xogo de mesa baseado en dicir o maior número de palabras posibles sobre un tema concreto cunha letra inicial escollida ao chou. Naquela montaxe publicitaria o propietario do xogo amagaba con marchar da casa das súas amizades ao non aceptaren estas a verba "barco" na categoría "animal acuático". "O Scattergories é meu e fago o que quero", viña dicir o protagonista da pequena historia. Cando, no ano 2004, o Parlamento de Galicia acadou a unanimidade en torno ao Plan Xeral de Normalización da Lingua galega, o anuncio xa pasara de moda pero a actitude do propietario do xogo na ficción, en absoluto. O PP, que gobernaba daquela, marchou co consenso apenas dous anos despois de impulsalo, casualmente tras desembarcar na oposición. Agora, cando xa transcorreu case unha década e no inicio dun longo ciclo electoral, di querer recuperalo.

Poucos días despois de que milleiros de persoas reivindicasen novamente nas rúas de Compostela unha protección e promoción efectiva da lingua propia de Galicia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba no Parlamento estar a traballar nun plan para "dinamizar" -que non "normalizar"- o uso do idioma para o que, asegura, conta coa colaboración da Real Academia Galega, a mesma que a finais de xaneiro esixiu un cambio de rumbo inmediato na política lingüística do Goberno. Apenas vinte e catro horas despois o propio presidente advertía, a preguntas da prensa, de que o seu consenso redivivo non pasa, en ningún caso, por derrogar o denominado decreto do plurilingüismo, o mesmo co que a propia RAG pide acabar para poder iniciar un novo camiño baseado, precisamente, no incumprido plan xeral de 2004. O decreto só desaparecerá do ordenamento xurídico se así o ordena o Tribunal Supremo, deixaba claro o presidente.

O presidente advirte de que o seu consenso redivivo non pasa, en ningún caso, por derrogar o denominado decreto do plurilingüismo

O momento en que se produciron as reclamacións da RAG non foi casual. A institución académica decidiu alzar a voz, como se lle viña pedindo dende diversos ámbitos, despois de que o Instituto Galego de Estatística constatase que o galego seguiu a perder terreo nos últimos anos e que as políticas públicas canalizadas a través da Consellería de Educación conseguiron reducir aínda máis a súa presenza en ámbitos tan sensibles como as aulas. Isto sucedeu mentres a Xunta retiraba arredor do 60% do seu orzamento para o fomento do galego e eliminaba normas tan pouco esixentes como a que estipulaba a necesidade de realizar cando menos un exame en lingua galega en cada proceso de oposición para acceder a un posto de traballo na Administración autonómica. Pero o Goberno, veu mantendo o presidente, xa "preserva" o galego e agora toca que "as familias" fagan a súa parte.

Non sobra a desconfianza cara a quen, por intereses electorais, se borrou do consenso para saír á rúa de ganchete cos grupúsculos que bramaban a risible teoría da imposición

Este é o escenario no que o propio Feijóo, cadrando coa saída da Xunta do xa ex conselleiro Jesús Vázquez, semella tentar poñer as bases para a procura da pax lingüística en tempo electoral. É un contexto no que, sen dúbida, non sobra que a oposición parlamentaria e os movementos sociais en defensa da lingua senten en cadanseus ámbitos a reflexionar se as súas estratexias foron as máis axeitadas e a procurar novas e creativas vías para acrecentar o prestixio social do idioma e o seu uso normalizado en todos os ámbitos. Pero o que sobra aínda menos é a máis que lícita desconfianza cara a quen, por intereses puramente electorais, se borrou da fotografía do decreto lingüístico de 2007 tras apoialo inicialmente para, xusto despois, proclamar a existencia dun "conflito lingüístico sen precedentes", saír á rúa de ganchete cos grupúsculos radicais que bramaban a súa risible teoría da imposición e meter a lingua na partidaria lameira do curto prazo como nunca antes se fixera. 

Ninguén garante que quen imposta indignación coas declaracións sobre Galicia dun anónimo membro de Podemos de alén mar pero non tivo dificultades en converter o galego nun problema cando conviña non o volva facer no momento en que a demoscopia electoral poida indicar que é rendible. O consenso, sen dúbida, é un horizonte desexable, pero non pode equivaler a unhas poucas boas palabras ou a determinadas e puntuais inxeccións orzamentarias. E semella difícil, e mesmo imprudente, construílo sobre a mesa dos dirixentes e da formación que, en calquera momento, pode volver decidir converter o galego no seu Scattergories e ir xogar de novo con el aos platós televisivos da ultradereita madrileña por un puñado de votos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.