0 Gardados para despois

Editorial

A fin do pesadelo

A noite do pasado domingo, moi probablemente, houbo quen foi durmir cun chisco máis de tranquilidade do habitual. En pleno fragor da efervescente campaña electoral producíase, cando menos, un punto de certeza: ao acordar na mañá do luns habería menos risco de atoparse cunha nova incómoda na prensa, cun titular froito do traballo xornalístico serio que exercese como espello das vergoñas dalgún poderoso. Por primeira vez en máis de oito anos o persoal de El País Galicia non tivera que traballar para achegar, co seu traballo, algunha relevante peza de actualidade ao día seguinte.

As tranquilidades e ledicias que, con toda seguridade, vén de provocar o desmantelamento definitivo do que quedaba da redacción galega de El País, xibarizada para tornala nun pouco relevante posto de correspondente, son, probablemente, as mostras máis reveladoras do valor do traballo das e dos xornalistas deste diario nos últimos anos. Nomes como Xosé Hermida, Sonia Vizoso, Silvia R. Pontevedra, Lorena Bustabad, David Reinero, Cristina Huete, José Precedo, María Pampín e moitos outros asinaron nos últimos anos algunhas das informacións, guste ou magoe a quen proceda, máis relevantes do xornalismo galego.

Sen mitificacións, pero tamén sen imposturas que neguen a evidencia, cabe preguntarse nesta hora cantas cousas non saberíamos se El País Galicia nunca existise

Sen mitificacións, pero tamén sen imposturas que neguen a evidencia, cabe preguntarse nesta hora cantas cousas non saberíamos se El País Galicia nunca existise. Ou, se cadra, cantas cousas non pasarían se as páxinas galegas deste xornal non desen cumprida información sobre asuntos que alguén prefería manter ocultos. Teríamos detalles, por exemplo, da contabilidade creativa da Xunta? Saberíamos con quen alternaba Marcial Dorado nos 90? Coñeceríamos o testemuño de anciáns carrexados para votar en Lugo por altos cargos do PP? Cantas prácticas caciquís deixaríamos de coñecer? Quen sería agora mesmo alcalde de Santiago?

Preguntas coma esta e algunhas máis teñen, seguro, resposta nos miolos daquelas persoas que a noite do domingo ao luns durmiron un chisco máis tranquilas. O desexo tardara en cumprirse, pero finalmente chegou. O pesadelo rematou. Pola contra, tamén hai outras persoas que o luns pola mañá sentiron que faltaba unha fonte de bo xornalismo en Galicia. Non cómpre santificar nos altares da liberdade de expresión un grupo multinacional cuxas cabezas pensantes hai moito que se dedican a mesteres pouco ou nada relacionados coa información honesta para ser quen de recoñecer o bo xornalismo que practicou a redacción agora extinguida.

A quen gustamos deste oficio o frío peche de El País Galicia énchenos de tristura e déixanos un chisco máis sós na batalla diaria por tentar rachar co relato monárquico da Galicia oficial

A quen gustamos deste oficio o frío peche de El País Galicia énchenos de tristura e déixanos un chisco máis sós na batalla diaria por tentar rachar co relato monárquico da Galicia oficial e tentar, cando menos, combinalo co da Galicia real. Dende a aperta solidaria coas compañeiras e compañeiros afectados énchenos tamén de responsabilidade para seguir adiante co noso traballo. É a mesma responsabilidade que queremos compartir co noso público, cuxo compromiso lector, difusor e -si, tamén- económico é o mellor consello de administración para calquera medio de comunicación que, coas limitacións e imperfeccións de toda obra humana en construción, aspira a realizar cada día un traballo honesto.