0 Gardados para despois

Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de outubro

Diego GiráldezDiego Giráldez | @diegogiraldez


Outubro

Semana 1

A conselleira caída

Feijóo inauguraba outubro tentando mudar a pel. Decidía facer cambios estruturais no Goberno e anunciábaos a golpe de domingo, como querendo coller despistados aos mesmos que están en misa e desconectan durante a homilía. Desta viraxe, o máis substancioso foi a destitución de Rocío Mosquera como conselleira de Sanidade. Días despois de ser destituída, as Urxencias do “Álvaro Cunqueiro” inundábanse de augas fecais e os vermes asomaban nos pratos de comida do hospital. Xa caeu do seu cargo unha responsable. A pregunta é que máis terán que padecer os doentes do “mellor hospital de Europa”, para que caia o seguinte. E o seguinte.

Morra a morte

Millán Astray sufriu de vertixe durante toda a súa vida. Cada vez que xiraba a testa con enerxía, mareábase. A doenza era consecuencia dun disparo que o fundador da Lexión Estranxeira recibiu no ollo dereito durante a guerra. Levaba un parche. Tamén tiña un brazo de menos. A un sádico deste calibre bastáballe cun só brazo, non crean. Esta semana, o Goberno Municipal da Coruña decidía cambiar o nome da “Praza General Millán Astray” polo de “Praza das Atochas”. Viva la muerte, din que berraba Astray, moi forte, en branco e negro. E Muera la inteligencia, tamén. Joder, que ben senta agora o oxíseno da viceversa: “Viva a intelixencia, morra a morte”. 

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura

Á beira de Ledicia Costas nacen cousas máis divertidas incluso que un Premio Nacional de Literatura: poemas sen lagañas, un gato e un arácnido titulado Lady Horreur; cociñeiras podres e lindas. Tamén a morte, contada por ela, ten boa pinta. A escrita de Ledicia posúe toda a intelixencia do fondo do mar. Véxanlle aos ollos.

Semana 2

Marta “Gosadera” de la Cruz

Esta semana descubriamos que “La Gozadera” é a canción máis escoitada polos galegos no Spotify. Tamén que Marta Rivera De la Cruz confundía ao alcalde de Ferrol cun “indixente” de “pinta innoble” e que o poñía por escrito nun artigo. Y se montó la gozadera, claro. Ciudadanos me lo confirmó.

Promesas preelectorais

Celebrábase o chamado “Debate sobre o Estado da Autonomía” e, dende a tribuna do Parlamento, Feijóo lanzaba gorentosas promesas: a exención do imposto de sucesións, 10.000 novos dependentes no sistema, un programa para evitar os cortes de luz por impago ás familias máis vulnerables, un cheque bebé, axudas para os pais con fillos sen acceso á gardería,…   Doe notar como baixo a sentenza “agora si podemos facelo, antes non” –que curiosamente están a dicir todos os membros do PP dous meses antes das eleccións- se agoche tanta crueldade.

Semana 3

Gayoso e compañía

Os “recanteiros” de Luar teñen un soño: ser cantantes de orquestras de moda. Nótaselles nos xestos. Por iso, o día que escoitaron no Telexornal que Gayoso fora condeado a dous anos de cárcere case vomitan dos nervios. Menos mal que ao final non era ese Gayoso, que era o de Caixanova. Canda a el, foron tamén condeados Pego, Gorriarán e Estrada por repartírense prexubilacións multimillonarias mentres miles de preferentistas facían soar as cornetas. Vistos así, na bancada do xulgado, en ringleira, esperando a condea, os  exdirectivos de Novacaixagalicia si que forman unha orquestra simpática desas que actúan en playback.

Regreso ao pasado

Marty McFly viu, confirmou a pregunta que lle fixera a Doc ("Entón no futuro volvémonos gilipollas?") e marchou. Fuxiu ao pasado, igual que faría Tony Blair días despois pedindo desculpas polo “erro” de Irak. Naquel pasado no que o “Trío das Açores” adiantouse ao futuro sen prever a morte de milleiros de persoas nin os atentados por vinganza.

Semana 4

Inaugurar algo

Rajoy inauguraba unha oficina antifraude sen nada dentro. Un organismo para que “ningún delincuente poda disfrutar do roubado” coas dependencias baleiras. O importante é inaugurar algo. Algúns chámanlle fe. Pisar por primeira vez un par de tramos de autovía, dirixir unhas palabras sobre o piche fresco, apurar esa foto de “Presidente, póngase aquí, por favor”. A OMS debería deixar en paz a carne procesada e vermella -igual que a melena de Maureen O´Hara- e dedicarse a analizar o dano que provoca na saúde a carne que aínda está por “procesar”.

A ruptura

O día 27, Junts pel Sí e a CUP pactaban iniciar o proceso de creación do Estado catalán, a ruptura con España. Deste xeito, os soberanistas daban o paso adiante definitivo deixando vella incluso a loita polo “dereito a decidir”. Xa están máis alá. Se alguén quixo evitar nalgún momento esta situación non fixo nada. Rajoy, que leva tres anos declarando que o problema é grave, mantívose atado a un interese pandémico por non cumprir unha desas regras básicas da democracia: falar. Cun Artur Más altivo e excesivamente teatreiro, pero falar. Temas en común para arrancar a conversa teñen: a corrupción nos seus partidos, por exemplo. Logo xa se vería. Máis agora, todo indica, é algo tarde. 

Baltar metido en fariña

Denuncian ao presidente da Deputación de Ourense por ofrecer traballo a cambio de sexo”, titulaba en exclusiva eldiario.es a mediados desta semana. Audios de conversas entre a denunciante e Baltar, mensaxes de móbil que suxerían os prequecementos. O sexo polo medio dálle máis forza á historia, incluso créanos a sensación de que repugna (lembren a Carlos de Inglaterra e Camilla Parker) pero a gravidade do asunto é a de toda a vida: que na Deputación de Ourense estáse a ofrecer traballo a cambio de algo. Esta historia constata que a sombra do trombón é longa. Mentres tanto, a cúpula do partido, logo de pechar por dentro a porta do despacho, usa o código ético para calzar a mesa de reunións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.