As festas de San Pedro chegan este sábado ao seu día grande

As festas de San Pedro vivense na rúa © http://fbsp.info/

40 actividades en sete espazos distintos serán a cor e o son deste barrio compostelán. Por aquí pasarán nesta xornada milleiros de persoas, do lugar e de fóra, para gozar dunha celebración popular que gaña peso cada ano. Aínda que o sábado é o día grande, as festas comezaron xa o pasado martes e continuarán ata o domingo.

Van xa doce anos dende que un grupo de entidades sociais e veciñais recuperaron as tradicionais festas do barrio, rescatando da memoria común a esencia das festas tradicionais actualizándoas aos tempos actuais. "Un dos puntos principais que nos unen é a crenza no traballo comunitario, onde os veciños e veciñas non sexan meros destinatarios de proxectos e actividades, senón provocar que dende o punto de partida (dende a análise da situación e necesidades de todo tipo) sexamos protagonistas, con unha voz resultante da suma das de todos e todas nós", destaca a Coordinadora O Camiño

Para quen non o coñeza, San Pedro é un barrio singular por varios motivos: forma parte da zona vella de Compostela pero é quen -a diferenza do que é habitual noutros cascos históricos- de manter unha gran vitalidade social e comercial e tamén vive de continuo unha saludable renovación da súa poboación, incorporándose moita xente nova que se integra inmediatamente cos habitantes de sempre do barrio. "Moita xente felicitanos polo estado do barrio e por todas as cousas que organizamos. Pero isto non nace por casualidade: é o froito do traballo de moitos anos. O barrio que tes é o que queres ter o que te preocupas de construír”, destacaban en conversa con Praza os membros da Comisión organizadora das festas hai tres anos.

"As festas serven como bandeira de enganche para facer grupo e para vender a imaxe do barrio e poñelo en valor. Tamén serve para acompañar e reforzar outras actividades que se realizan dende a asociación de veciños ou dende outros colectivos. A través dun evento que congrega a tanta xente podemos coñecernos persoas de distintas xeracións e con intereses distintos. Facer barrio", explicaban.

 

Algunhas recomendacións para este sabado

  • Mesas de debate na Praza 8 de marzo: “A grandeza das pequenas cousas”; descubriremos proxectos feitos dende aquí que sen renunciar aos seus valores e compromiso conseguiron impacto global. E ”O escenario político tralas Eleccións Xerais”; coa participación de xornalistas, politólogas e colectivos sociais da cidade.
  • Obradoiro de Lingua de signos para cativxs a cargo de Galensigna
  • Obradoiro de creación escénica “Escribir co corpo no espazo” a cargo de Zé Paredes
  • Jam de barrio. Jam session a cargo da Bakin’ Blues Band e The Fabulous Resaca Brothers.
  • Espazo de ciencia na Praza da Angustia. Charlas e obradoiros de Ciencia para todas e todos a cargo de divulgaccion.org (Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica).
  • Monólogo científico a cargo de Alba Aguión (bióloga). Gañadora do concurso de monólogos científicos na edición española e segundo posto na semifinal mundial do Famelab
  • “Músicoloco”, espectáculo de circo para tod*s
  • E, para rematar, que ninguén perda a Romaría que se celebrará o domingo no Parque de Belvís con Xandobela, Os Estalotes e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional
As festas de San Pedro vivense na rúa © http://fbsp.info/
Todo o barrio colabora a organización das festas Dominio Público http://fbsp.info/
En San Pedro as festas vívense na rúa durante toda unha semana Dominio Público http://fbsp.info/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.