Oito momentos para non perder no festival Carballo Interplay

A webserie 'Pulp Air', de Anita Pico, compite con propostas de todo o mundo no Carballo Interplay. CC-BY-SA Henfunk Studio

O festival de contidos dixitais prepárase para festexar a súa undécima edición entre o 4 e o 7 de abril. Toda a programación do Carballo Interplay é de balde

Podcast en directo, paneis sobre tendencias na rede ou webseries de todo o mundo son algunhas das propostas da programación do Carballo Interplay. O festival de contidos dixitais prepárase para festexar a súa undécima edición entre o 4 e o 7 de abril. Como novidade, a ubicación das actividades e proxecións será no Mercado da vila. Ademais, toda a programación é de balde.

Aquí deixamos oito propostas para anotar en vermello na axenda, pero o Interplay é un festival de descubertas, así que convén poñerlle un ollo a toda a programación. 

1. Unha competición internacional de webseries 

Con 20 propostas de todo o mundo nesta undécima edición, catro delas son proxectos galegos: Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal de Irene Pin. Unha cifra que, segundo explican desde a organización, sinala o bo momento da creación audiovisual da comunidade. No Interplay poderase conversar cos creadores destas series despois de cada proxección.

As cómicas Carolina Iglesias e Laura Márquez estarán no Carballo Interplay o domingo pola mañá. CC-BY-SA Carballo Interplay

O videopodcast galego 'Exército Mekemeke' realizará o seu primeiro directo con público este xoves pola tarde

2. Carolina Iglesias e Laura Márquez por primeira vez xuntas en directo

No Código Fonte Audiovisual deste ano o festival xunta dúas boas amigas, as cómicas Carolina Iglesias e Laura Márquez, nun show realizado en exclusiva para o Interplay: Lasamiga productions. Será o domingo 7 de abril ás 11:30 horas no Mercado de Carballo.

3. ‘Exército Mekemeke’: o videpodcast galego que conquista internet

O videopodcast galego Exército Mekemeke realizará o seu primeiro directo con público o xoves 4 de abril ás 16:30. O programa é finalista no Premios Ondas como Mellor Podcast en Lingua Cooficial.

4. Obradoiro de creación dixital con ‘Mockudrames’

O festival xunta algunhas das voces máis interesantes do panorama dixital para falar das últimas tendencias na rede. Falarase do éxito da rexouba e a nostalxia na rede cos xornalistas Juan Sanguino, Raquel Piñeiro e Anxo F.Couceiro; do estado dos podcast e web series co investigador e director de Estación Podcast Nacho Gallego e co cineasta Joël Bassaget. O lanzamento de OTT (as plataformas de emisión por internet) nas televisións autonómicas CRTVG e EITB, de Euskadi será outro. Ademais, durante a tarde os asistentes poden participar nun obradoiro de creación dixital da man de Pol Mallafré,de Mockudrames. Os interesados en asistir poden inscribirse de balde no formulario dispoñible na páxina web do festival.

Pol Mallafré, de 'Mockudrames', dirixirá un obradoiro de creación dixital. CC-BY-SA Carballo Interplay

5. Sábado con ‘Maldito Bollodrama’ e ‘Pena y Pánico’

O sábado 6, ás 18:30 horas, chega a Galicia por primeira vez o podcast Maldito Bollodrama, un dos máis destacados do panorama actual. Presentado por Laura Terciado e Bake Gómez conta co Recoñecemento Arco Iris do Ministerio de Igualdade 2023 pola visibilización, apoio e defensa dos dereitos das personas LGTB. Durante o programa, de ton humorístico, as presentadoras contan as súas experiencias e reflexionan sobre o que significa ser unha muller lesbiana hoxe en día. O programa conta coa producción de Radio Primavera Sound.

No mesmo día, ás 21:30  horas, chega a quenda de Pena y Pánico. O dúo formado pola ilustradora La Prados e a cómica Raquel Hervás encargarase nesta edición da sección Rajando con. Pena y Pánico é un podcast no que as autoras contan os seus temores máis profundos á vez que intentan curalos con humor.

6. Stand Up con Xavi Daura

O cómico Xavi Daura será o encargado de rematar con risas a xornada do venres 5 de abril ás 22:00 no Mercado de Carballo. Cocreador do dúo Venga Monjas presentará por primeira vez en Galicia un show de stand up no que xoga coas súas iniciais no título XD. Daura traballou como guionista en proxectos como Da Suisa e Museo Coconut e actualmente forma parte do equipo do late night La Resistencia.

7. A rede tamén é política

O Carballo Interplay segue a liña de actuar como altofalante das novas tendencias e formatos na rede dando voz aos protagonistas. Na xornada do sábado 6 de abril terán lugar tres mesas redondas para falar da nova internet co activismo e a política como temas centrais sobre os que falarán algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital.

Na xornada da mañá analizaranse as últimas tendencias na rede, nun panel no que analistas e curadoras expertas en tendencias responderán unha cuestión que titula a conversa: E se imprimimos internet?. Participarán: Marina G Canedo, Álvaro L Pajares -creador de contido de contas como Policía del Afecto-, Rafa López, creador da conta afirmacion.es e Ainhoa Marzol, comunicadora e curadora das tendencias na rede na súa newsletter Gárgola Digital.

Durante o Carballo Interplay haberá tempo para coñecer o traballo de colectivos organizados como Pantube, un movemento de creadores e creadoras de contidos dixitais de esquerdas

O segundo panel, que leva por nome O dixital é político, centrarase en como as xeracións X e Z constrúen lazos e traballan alternativas dende o eido dixital. Participarán Iván Iglesias, fundador do medio ourensano OU Ké! Román Varela, un dos fundadores do podcast galego Carretando; Alan Barroso, experto en comunicación política e creador de contido en redes; Sergio Gregori, xornalista, analista político, secretario xeral do Sindicato de Periodistas de Madrid e director de Furor TV; Ayme, divulgadora de política, feminismos e política social; e Marina Lobo, guionista, presentadora e cómica, forma parte do equipo de Spanish Revolution.

Nesta xornada tamén haberá oco para coñecer o traballo de colectivos organizados como Pantube, un movemento de creadores e creadoras de contidos dixitais de esquerdas. Participarán neste panel, que leva o nome de Pantube: tell me more: Proyecto Una, un colectivo que nace na rede para “desenmascarar as novas formas de fascismo”,; Alba Lafarga -xestora cultural e divulgadora en Youtube- e Oriol Erausquin (Infusión Ideológica), creador de contido en redes e do podcast Tajos Verdes.

Equipo do medio ourensán OU Ké! CC-BY-SA Carballo Interplay

8. E un pouco de baile

O Interplay tamén é festa. A noite do sábado rematará no bar American co Karaoke con Esteban, un percorrido por grandes éxitos que "non deixará a ninguén indiferente", segundo aseguran desde a organización. E para pechar o festival as Izquierdo Sisters serán as encargadas de anunciar os gañadores na entrega de premios, o domingo ás 12:30. A despedida tamén terá ritmo grazas á DJ Salicrunette nunha sesión vermú en A Xamonería.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.