O leite tamén sabe saír de festa

Touriñán, Sánchez e Tarrío, na presentación do Festival do Leite Dominio Público Deleite

Din os organizadores do Festival do Leite que en Galicia hai máis de 400 festas gastronómicas. Pode que sexan moitísimas máis, pero no que atinan é en que o leite non é o protagonista principal de ningunha delas. Así que decidiron acabar con esa aldraxe cara “o produto rei do agro galego”, como o denominan, e reinvidicalo con algo máis festivo que unha tractorada.

O Festival do Leite Galego será un evento musical que se celebrará o sábado 17 de setembro en Santiago e que, co patrocinio de Deleite, desenvolverase ao longo de todo o día no parque de Belvís. A súa sesión vermú correrá a cargo de Os da Ría e Tony Lomba, mentres que xa pola tarde será o momento de Novedades Carminha, Eladio y los Seres Queridos, Familia Caamagno, Ataque Escampe, Los Árboles, Los Chavales e Oh Ayatollah.

Malia os centos de festas gastronómicas de toda Galicia, aínda non existía ningunha co leite como principal protagonista

O festival foi presentado este xoves en Santiago pola xerente de Leite Noso, a sociedade galega propietaria de Deleite, Patricia Sánchez, polo actor Xosé Antonio Touriñán e polo responsable da empresa produtora do evento, Manuel Tarrío. Na súa intervención, Touriñán salientou o espírito familiar que terá o familiar e o seu interese por promover os grupos galegos do mesmo xeito que se impulsa o leito galego. O actor tamén desvelou que a intención dos organizadores é que o festival sexa itinerante e que o ano próximo se celebre en Lugo.

A entrada ao festival será de balde, pero os organizadores piden aos asistentes que leven comida e produtos de primeira necesidade que serán doados á Federación Galega de Bancos de Alimentos, coa que Deleite vén colaborando desde a súa saída ao mercado. Do mesmo xeito, os beneficios que se obteñan das barras e outros produtos que se vendan no festival irá destinado a ONGs que traballan con refuxiados.

O actor Xosé Antonio Touriñán insistiu na necesidade de que toda a sociedade apoie un sector estratéxico da economía galega

O festival, no que haberá un posto no que se poderá degustar leite, chega nun momento en que, logo das intensas mobilizacións dos gandeiros de hai un ano, o prezo que se lle paga aos produtores volveu baixar. Por iso Touriñán insistiu na necesidade de que toda a sociedade apoie un sector estratéxico da economía galega, na que “aínda hai máis de 9.000 explotacións con 360.000 cabezas de gando leiteiro” que producen o 40% do total do leite de toda España.

Deleite Galego, a marca que promove o festival, foi adquirida o pasado setembro no proceso de liquidación de Alimentos Lácteos, o fracasado proxecto impulsado polo PP, por Leite Noso, unha sociedade formada por unha trintena de gandeiros. Segundo eles mesmos salientan, “esta é a primeira vez en Galicia en que os gandeiros asumen de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación dunha industria”. Fano desde hai tres meses coa marca Deleite a través de envases dun litro de leite enteiro, semidesnatado e desnatado nos establecementos de Vegalsa-Eroski, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés, Grupo Cuevas e Le Clerc.

Cartel do Festival do Leite Dominio Público Deleite

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.