Os prezos do leite galego tocan fondo un ano despois da gran mobilización

Frisona cunha explotación ao fondo en Viladavil, Arzúa © Sara Torreiro

Que foi dos prezos do leite? Nos primeiros días de xullo de 2015, hai agora un ano, o sector lácteo galego anunciaba o seu particular verán quente. A fin das cotas europeas, denunciaban, tornara en "chantaxe" das industrias e as administracións públicas carecían dun "plan" para lograr "prezos dignos". Foi así como unha multitudinaria manifestación en Santiago tornou en sinal de saída para que as tractoradas volvesen ás rúas e estradas por todo o país. Foron semanas de presión e mobilización que culminaron con algúns xestos políticos e da industria e cun acordo lácteo que, cando menos de momento, semella que non está a ser útil nun dos seus principais obxectivos, facer remontar os prezos que perciben os gandeiros. Non en van, o leite galego leva dende comezos do ano en caída libre e o pasado maio -último dato dispoñible na serie histórica, iniciada en 2010- atopou un novo fondo.

O prezo medio foi baixando dende xaneiro ata chegar aos 27,3 céntimos por litro

Segundo os datos da Consellería do Medio Rural e mais do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), o prezo medio que as explotacións galegas reciben polo seu produto experimentou unha lixeira remonta dende o pasado verán ata comezos de ano, cando se aproximou aos 29 céntimos por litro. No entanto, dende xaneiro iniciou un novo devalo que chegou o pasado maio ata os 27,3 céntimos por litro de media. Segue cada vez máis lonxe, polo tanto, dos en torno a 30 céntimos que, segundo o sector, debera acadar o litro de leite para que, cando menos, a produción non dea lugar a perdas sistemáticas nas explotacións.

Isto sucede nun contexto no que, atendendo á información do FEGA, a calidade do leite galego aumenta -melloran valores como as proteínas- e diminúe o volume total da produción, con 231.118 toneladas en maio, unhas 4.000 menos que no mesmo mes do ano anterior. A cifra que tamén diminúe é a de granxas que aínda venden o seu leite ás industrias: os rexistros oficiais receollían algo máis de 9.600 en xaneiro de 2015 e pouco máis de 9.100 no remate dese ano. O dato máis recente, tamén de maio, diminúe a cifra de explotacións fornecedoras ata as 8.856, unha redución de case 600 nun só ano.

Malas novas e algunha esperanza

Os números viñeron debuxando un panorama sombrío nuns meses nos que se sucederon as denuncias de incumprimento do acordo do pasado ano. Así, por exemplo, a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego acusaba en xaneiro a industrias como Lactalis de estar a "perpetrar unha estafa" xa que, aseguraban, estan a "apropiarse" das subas de prezos ás que accedera a distribución, sen que estas chegasen ao gandeiro. Ao tempo, o colectivo veu subliñando o que considera "pasividade" da Xunta ante estas prácticas, mentres que dende a Consellería do Medio Rural se vén subliñando a "intensificación" da "vixilancia e o control" para evitar prácticas como "a venda do leite a perdas" ou o uso do produto como reclamo nos supermercados.

Importacións masivas de leite para as industrias con sede en Galicia ou a negativa da Comisión Europea para establecer medidas xerais de control da produción foron outros dos golpes para o sector nuns mesmes que, no entanto, tamén rexistraron algunhas boas novas para o sector galego. Unha das máis salientables foi o renacemento da marca Deleite, procedente do fracasado proxecto de Alimentos Lácteos na antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei e mercada no outono de 2015 por Leite Noso, unha sociedade constituída por unha trintena de gandeiros que se "xuntaron para adquirir a marca e comercializar o leite de xeito directo, sen intermediarios". "No canto de venderlle o leite a unha empresa para que a comercialice, contratamos coa industria só o traballo de envasado", explicaban.

Unha sociedade formada por 30 gandeiros recuperou a marca Deleite o pasado maio co anuncio de "prezos razoables" para os provedores

Tras os meses de posta en marcha o pasado maio Deleite volveu aos supermercados mentres os seus responsables anunciaban o pagamento de "prezos razoables" aos gandeiros provedores, entre 32 e 33 céntimos por litro, con contratos anuais e garantía de recollida do 100% da produción, aseguran. "Por responsabilidade social -afirman- a prioridade de Leite Noso para novas incorporacións na recollida son os gandeiros que se están vendo obrigados a vender moi por baixo dos custos de produción". Polo momento, xa están presentes en moitas tendas tradicionais e en varias das principais cadeas de supermercados e grandes superficies.

Tractorada arredor da Muralla de Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.