0 Gardados para despois

Gandeiros comezan a despregarse polas industrias para evitar a importación de leite foráneo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un grupo de gandeiros, convocados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego (PDSL) levou a cabo unha concentración durante este mércores na sede de Logística Alimentaria, en Outeiro de Rei, logo da asemblea celebrada na área de servizo da A-6 achegada a este municipio. No inicio dunha serie de mobilizacións centradas en advertir da masiva importación de leite en Galicia en plena crise do sector, a PDSL comezou por "identificar" esta industria, á que acusan de ser unha das principais importadoras de produto foráneo e de "incumprir" os contratos asinados cos seus provedores. 

A plataforma comeza coas mobilizacións en Logística Alimentaria, á que acusa de importar leite foráneo e "incumprir" os contratos cos gandeiros

"Pola mañá di que sobran leite e á tarde impórtana de fóra", denuncia a Praza Óscar Pose, un dos voceiros da PDSL, que atribúe estas prácticas non só a Logística Alimentaria, senón a outras empresas que irán sinalando nos vindeiros días. Polo momento, e durante toda a xornada deste martes, vinte tractores permanecerán nas portas desta industria mentres os produtores identifican todos os camións cisterna que entran na fábrica para comprobar a orixe do seu leite. Deixarán pasar o recollido en granxas galegas pero non aquel que proceda da importación foránea. 

Ademais, desde a plataforma lamentan que Logística Alimentaria opte tamén por pagar ás granxas un "prezo por baixo da media galega, que xa é bastante baixa" e "moi por baixo dos custos de produción". 

Vinte tractores permanecen todo este mércores ante a planta e identifican todos os camións que entrar para comprobar a orixe do leite

Logo de que a PDSL centrase as súas protestas nos últimos meses nas prácticas comerciais abusivas das industrias, dos primeiros compradores e das cadeas de distribución alimentaria que operan no sector lácteo galego, agora as súas reivindicacións céntranse en advertir e censurar "un feito indignante": que as provincias que máis leite producen de todo o Estado español, A Coruña e Lugo, son as principais importadoras de leite foráneo. "Ao mesmo tempo que as industrias restrinxían a súa produción en Galicia ou deixaban de recoller", como advirte Pose, en 2015 chegaron a estas dúas provincias case 170.000 toneladas. En todo o país, nun mes, prodúcense na actualidade entre 211.000 e 222.000 toneladas. 

A plataforma manterá durante varias xornadas a "vixilancia" en diferentes industrias para evitar as importacións do estranxeiro

Aínda que non desde a PDSL non queren adiantar lugares nin datas, teñen organizada xa esa "vixilancia" en diferentes industrias para "denunciar as prácitcas dunha patronal leiteira que está levando á ruína a milleiros de familias gandeiras en Galicia". Entras as próximas accións, controlarán os camións cisterna que entran nas industrias, aínda que saben que moitas das compañías, advertidas das súas accións, rebaixarán agora estas prácticas. 

Entre as mobilizacións vindeiras non se descarta volver tamén á sede en Compostela da Xunta, á que acusan de "pasividade" e de exercer só como "notario" dun "problema" que os gandeiros coñecen qpero que a Administración non dá solucionado. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.