0 Gardados para despois

"O PP dedícase a dividir os gandeiros no canto de afrontar o problema do leite"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha semana despois do inicio da tractorada de Santiago e cando xa transcorreron dous meses dende que comezaron a intensificarse as protestas gandeiras, o sector vive entre o cansazo e a indignación que segue a alimentar as protestas contra os baixos prezos do leite. As grandes concentracións de vehículos agrícolas en Compostela e Lugo foron substituídas dende o pasado venres polo bloqueo das 15 industrias lácteas do país, que agora se completarán con protestas selectivas nos centros de distribución. A loita continúa e no seo da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego o malestar non está provocado só por quen paga o produto por baixo do prezo do custo, senón tamén por quen tenta "desmoralizar e dividir os gandeiros". Ese papel, aseguran, está a xogalo o PP.

A renuncia a continuar coa mobilización por parte grupo que se erixira en líder da tractorada de Lugo evidenciou a pasada fin de semana o seu desmarque e demostrou, a xuízo do representante da Organización de Produtores de Leite e voceiro da plataforma, Anxo Escariz, o que "dixemos dende o primeiro día". Abonda, di, con "coller o listado" de "representantes dos concellos" que son núcleo deste grupo e "son concelleiros do PP e militantes activos do PP, os mesmos que carrexan xente para as eleccións. Ou non nos coñecemos todos, ou nacemos onte?", pregúntase.

Anxo Escariz: "Son concelleiros e militantes activos do PP, os mesmos que carrexan xente para as eleccións"

"No canto de afrontar o problema lácteo", lamenta, "o PP dedícase a dividir, a desmotivar, a desmoralizar" e a "tentar que nos pelexemos, a ver se marchamos", afirma Escariz. Segundo o voceiro da Plataforma moitos dos gandeiros que participaron na tractorada de Lugo "quedaron coa cabeza destrozada despois de estar unha semana escoitando manipulacións", entre elas, cita, acusacións contra os sindicatos ou a propia plataforma. Proba disto, ilustra, é que "cando a conselleira non tivera a dignidade de recibir a Plataforma", abondou con que a chamase "ese paracaidista de Lugo", en referencia a Roberto López, voceiro dese colectivo, para que Rosa Quintana acudise á tractorada. Xusto despois, critica, o colectivo instou a "darlle un voto de confianza" á Xunta.

Rueda aplaude a decisión de Lugo e defende o preacordo

O vicepresidente insta os gandeiros a "sumarse" ao preacordo e coida que "algúns están entendendo de que é o momento de aproveitar as vantaxes"

Mentres continúan as protestas o Goberno galego veu defendendo durante a fin de semana a necesidade de que o sector se sume ao preacordo formulado a pasada semana en Madrid e, por extensión, abandonen as mobilizacións. Segundo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a decisión do grupo de Lugo, así como o feito de que a asociación de cooperativas AGACA se desvinculase da plataforma, é a mellor mostra de que "algúns están entendendo que agora é o momento de aproveitar as vantaxes que ten que todos se puxesen de acordo en cuestións fundamentais". "Refírome á industria distribución e produtores", subliña o número dous de Feijóo, para quen "é o momento" de que os gandeiros mobilizados "sumen" e se adhiran ao pacto.

"Eu convido os da Xunta a que fagan o que estamos facendo nós: falar cos gandeiros e ver o ánimo que teñen", retruca Ascariz, quen afirma ademais que un bo número dos gandeiros que marcharon de Lugo o sábado "reflexionaron sobre o que pasou e ven que as medidas de presión" como o bloqueo ás industrias "son totalmente efectivas". Por este motivo, advirte, mentres non haxa garantía de prezos por riba do custo de produción continuará o bloqueo ás factorías e "imos actuar sobre a distribución no momento en que decidamos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A presión gandeira logra os primeiros xestos da industria e da distribución cos prezos

Por Miguel Pardo

A presión e a mobilización dos gandeiros dá os seus primeiros resultados con pequenas subas de prezos do leite que se lles trasladarán aos gandeiros por parte de dúas distribuidoras -Mercadona e Eroski- e de dúas industrias -Leite Celta e Central Lechera Asturiana (CLAS)-, tal e como confirmaron a Praza fontes sindicais. No terceiro día de bloqueo de empresas lácteas e logo do exercido tamén anteriormente sobre as cadeas de hipermercados, a loita do sector acada "xestos" por parte de dous actores fundamentais no conflito que "non resolven o problema fundamental" pero que contribúen á esperanza e a valorar por parte dos produtores a importancia da protesta unida e organizada. 

Mercadona, Eroski, Celta e CLAS reaccionan á mobilización dos gandeiros con pequenas subas de prezos

No caso de Leite Celta e CLAS, segundo as mesmas fontes sindicais, ambas as dúas empresas comprometéronse a retirar os contratos á baixa que estaban a xeneralizar nas últimas semanas, polo que pasarán agora a negociar e axustar novos acordos que serán asinados nos vindeiros días. A medida non é pouca cousa tendo en conta que afecta 2.000 gandeiros, que verán incrementados un chisco o prezo que se paga polo seu leite, e que este xesto é un dos que tanto SLG como UUAA -que non asinaron o preacordo proposto polo Ministerio de Agricultura- pedían para confiar na boa vontade da industria. 

A medida afecta máis de 2.000 gandeiros de Galicia

En canto a Mercadona e Eroski, a primeira trasladará unha suba de 2 céntimos aos gandeiros a través das súas industrias proveedoras, mentres que no caso da cadea de supermercados vasca, tamén anunciou unha suba de 2 céntimos que pretende que lle sexa traslada directamente ás explotacións por cada litro de produto. A medida das dúas compañías afectará uns 900 gandeiros. "O fundamental segue sen resolverse, pero estes xestos son positivos nesta negociación", insisten fontes sindicais. 

Celta e CLAS comprometéronse a retirar os contratos á baixa e Mercadona e Eroski trasladarán a suba de 2 céntimos por litro aos gandeiros

Por outra banda, tanto SLG-COAG como UUAA-UPA trasladáronlle xa ao Ministerio de Agricultura as súas propostas logo de que estas dúas centrais se negasen a pasada semana a asinar un acordo "sen concreción nin garantías de prezo xusto". Á espera dunha resposta positiva por parte do Estado nas vindeiras horas, os dous sindicatos seguen a reclamar que se aclare canto sería ese "prezo sustentable" que ofrece o Goberno e que haxa garantías xurídicas de que se van cumprir os acordos por parte da industria e da distribución, ademais de xestos que si se están a empezar a dar aínda que non sexan aínda maioritarios. 

Así e todo, a Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo continuará coas mobilizacións mentres non se reciba do Executivo central unha proposta que cumpra coas súas reivindicacións de garantir un prezo digno que, cando menos, cubra os custos de produción dos gandeiros. Ademais, os sindicatos lembran que agora é o Goberno quen debe mover ficha, xa que na súa man está darlle garantía legal aos compromisos dun importe xusto para o leite. 

21 millóns de litros bloqueados en tres días

"Evidentemente, hai que tiralo". Unha das imaxes máis representativas da protesta gandeiras nos últimos días é a volta aos vertidos de leite en diferentes puntos do país. "Bloqueamos sete millóns de litros o sábado, 7 millóns onte e bloquearemos outros 7 hoxe", explica Anxo Escariz, quen indica que os repartos de balde do produto non son dabondo, nin de lonxe, para darlle saída a todo o leite que non chega ás industrias transformadoras.

Así e todo, estas distribucións continúan tanto para evitar tirar o maior volume de leite posible como para continuar agradecendo o apoio da poboación, este luns en Santa Comba, Vilagarcía ou A Coruña, entre outros puntos. "A sociedade en xeral apóianos totalmente porque percibe o grandísimo problema que temos", percibe. "Esetamos informando moito e xa sabe todo o mundo da orixe do problema: unha industria que é un desastre e unha distribución que se mata entre ela para conseguir clientes tirando o leite polo chan".

Este luns realízanse repartos de leite de balde en localidades como Santa Comba, Vilagarcía ou A Coruña

A esta ecuación engádeselle un factor máis, di: "Unha Administración que non está disposta a poñer peso político para solucionar o tema, porque xa se están facendo ilegalidades". Así, resalta, dende a propia OPL "presentamos denuncias e tardan un ano en darnos resultados" que poden ser, por exemplo, "20.000 euros de multa". "Mira o que lle importa a Carrefour pagar 20.000 euros", máis aínda "cando non hai obrigatoriedade de facer públicas esas multas".

"Se a Administración garantise o cumprimento da lei, a lei que temos xa podería valer", afirma Escariz, xa que a lexislación vixente xa estipula "que todo o mundo ten que recibir un prezo sostible". Pero este principio non será efectivo, augura, mentres "a industria non saiba que vai ser castigada" se non cumpre. Se así fose, "cambiaría o conto".