A protesta gandeira bloquea as industrias e o grupo de Lugo deslígase da mobilización

Bloqueo á factoría de Leite Río en Lugo © Revista Afriga

Dúas facianas da loita gandeira. Despois de seis días de tractorada en Santiago e semana e media en Lugo, dende a madrugada deste sábado púxose en marcha a nova fase das mobilizacións para esixir que o preacordo formulado por industria e distribución, "magnífico" para a Xunta, inclúa "garantías"  da fin dos prezos por baixo dos custos de produción. Tal e como decidiran os gandeiros ao abeiro da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, a práctica totalidade das factorías lácteas do país foron bloqueadas polos tractores mentres, en Lugo, o grupo que nas últimas semanas se desmarcou da plataforma daba por finalizada a tractorada entre acusacións de "vandalismo".

Xa nas últimas horas do venres comezaron os bloqueos. Columnas de tractores dirixíronse a factorías como a de Celta, en Pontedeume, a de Nestlé en Pontecesures, á fábrica de Leyma en Arteixo ou á de Feiraco en Negreira. Realizáronse bloqueos, asemade, na planta de Leite Río en Lugo, na de Larsa en Outeiro de Rei ou na de Puleva en Nadela. Tras apenas doce horas de protesta a Plataforma coida que as fábricas das provincias da Coruña e Pontevedra están paralizadas "ao 100%" e un "grupo pequeno de Lugo" tenta que aconteza o propio, explica en declaracións a Praza.gal o voceiro do colectivo, Anxo Escariz, responsable da Organización de Produtores de Leite (OPL). Nalgúns lugares, ademais, realizáronse verquidos de leite como protesta, caso por exemplo de Touro, onde se baleiraron uns 5.000 litros, segundo indica Unións Agrarias.

Os gandeiros subliñan o "bloqueo do 100% das factorías na Coruña e Pontevedra

Mentres isto sucedía en múltiples puntos de Galicia, unha asemblea gandeira ante o edificio administrativo da Xunta servía para escenificar, non sen tensión, a fin da tractorada de Lugo. Como en días pasados o encargado de poñerlle voz á decisión foi o gandeiro Roberto López, quen instou os presentes a "marchar e facer as cousas dentro da legalidade". "Os grupos de Whatsapp son moi rápidos e téñennos a todos ao día", polo que "non fai falta vir aquí con 2.000 tractores e bloquear Lugo" para que siga a circular a información, xustificou.

López alude a actos "vandálicos" para xustificar a fin da tractorada e desmárcase das protestas nas industrias

Entre os motivos aludidos por López para o desmarque da protesta está, precisamente, o bloqueo ás industrias, nas que aprecia actos "vandálicos". Se esas accións "conseguen algo", di, será benvido, aínda que, pola súa banda, asume o "compromiso" de aproveitar "o grupo de xente que estivo estes días comigo" para "seguir traballando". Esa agrupación servirá para conseguir mellores prezos, afirma na liña do manifestado dende a Consellería do Medio Rural nos últimos días. Nun sentido semellante, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) anunciaba nun comunicado que se "desvincula" da Plataforma por non compartir a "radicalización" das protestas.

A Plataforma aprecia "un discurso teledirixido" no voceiro do grupo de Lugo

Para a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego o sucedido este sábado en Lugo "non é nada que non soubésemos xa", ben ao contrario, "xa o advertíramos por activa e por pasiva", asegura Anxo Escariz. "Nós estamos ao lado dos gandeiros", que "terán que decatarse de que foron manipulados" polos erixidos en líderes da protesta lucense e "borrón e conta nova", resume, mentres algúns dos tractores que arrodeaban a Muralla se unen aos bloqueos en factorías como a de Larsa en Outeiro. A xuízo do voceiro da Plataforma o "discurso" despregado para poñerlle fin á protesta de Lugo "é un discurso teledirixido" e axustado, en última instancia, ás liñas trazadas dende o Goberno galego. A postura da Plataforma, advirte, non vai mudar, e o bloqueo ás industrias será "indefinido ata que a ministra opte por asinar" un acordo con "garantías" de prezos xustos.

Bloqueo na planta de Celta en Pontedeume © Revista Afriga
Os tractores, abandonando a Ronda da Muralla de Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.