Os indies que retrucaron a Trump con música, primeira fichaxe na versión estendida do Festival da Ribeira Sacra

Un dos concertos da primeira edición do 17º Ribeira Sacra © 17º Ribeira Sacra

No verán de 2017 naceu en plena Ribeira Sacra un festival ben especial. Adegas, adros, miradoiros a centos de metros que se alzan sobre os canóns do Miño e do Sil ou o nobre espazo monumental de San Vicente do Pino tornaron en espazos de música e gastronomía que fixeron da estrea un éxito na resposta do público desta cita itinerante entre Monforte e Sober. Tal foi o bo regusto que neste 2018 o festival regresa e faino conservando o nome, 17º Ribeira Sacra -dezasete son os graos de pendente a partir dos que a actividade vitícola é considerada de risco- pero en versión estendida, pasando dunha fin de semana a dúas: a derradeira de xullo e a primeira de agosto.

A organización desta "maridaxe de día e noite, música, viño, gastronomía, patrimonio e natureza" traballa xa na segunda edición e ofrece xa un dos pratos estrela do menú. Á Ribeira Sacra chegarán Woods, a banda estadounidense que chegarán a Galicia cos temas do seu último traballo publicado, Love is love. O álbum, cunha dose de "folk fantasmagórico" e outro tanto de rock, está inzado de melodías que o grupo concibiu como unha "resposta emocional" á vitoria de Donald Trump nas eleccións presidenciais do seu país. Un aquel de retruque indie ao home laranxa.

O festival regresa a espazos naturais e patrimonais de Monforte e Sober do 27 ao 29 de xullo e mais do 3 ao 5 de agosto

O grupo de Brooklyn e a súa experiencia musical tras unha decena de discos publicados son a primeira das "sorpresas" do programa do Festival, que está a piques de poñer á venda os primeiros abonos mentres vai amosando, aos poucos, o resto de pratos do seu menú musical e mais do gastronómico. Prepáranse, avanzan, "catas de viños, directos en catamaráns e adegas, visitas guiadaso, roteiros e cociña de autor", todo isto dividido nas devanditas dúas fins de semana: do 27 ao 29 de xullo será a quenda para as "experiencias musicais para sentir o territorio" e do 3 ao 5 de agosto chegarán concertos en directo "exclusivos en espazos patrimoniais".

Como en 2017, Sober e Monforte serán os eixos do 17º Ribeira Sacra. Durante o día a música soará nos escenarios sobereses e cando caia a noite, no monfortino. A oferta musical, resaltan dende a organización, complétase con "ventos exclusivos ligados á cultura do viño e á paisaxe", o que o torna nunha "oportunidade de deixarse fascinar por un dos segredos mellor gardados da paisaxe galega". Na súa primeira edición estes espazos singulares xuntaron nomes de referencia da escena musical galega e internacional como The Magic Numbers, Iván Ferreiro, Sumrrá, Ángel Stanich ou Novedades Carminha

Woods, primeira confirmación da segunda edición do Festival © Woods

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.