0 Gardados para despois

A neve chegará esta noite a boa parte de Galicia, mesmo a zonas costeiras

Redacción | @prazapublica

Será esta unha noite fría e branca en boa parte do país. A advección do nordeste que leva días traendo aire moi frío dende Siberia provocará esta madrugada a caída de precipitacións en forma de neve en moitas comarcas galegas, mesmo nalgunhas zonas litorais nas que este é un fenómeno estraño. Así, no interior das provincias de Lugo e Ourense haberá acumulacións de neve superiores aos 5 centímetros por riba dos 300 metros e mesmo se espera que caian folerpas en boa parte da provincia da Coruña, a Mariña lucense, ou as comarcas interiores da provincia de Pontevedra.

Nevará en Lugo e tamén en Compostela. E é mesmo posible que caian folerpas na Coruña e Ferrol

A Xunta activou a alerta laranxa por neve a partir das doce da noite en todas as comarcas centrais de Lugo, no sur de Ourense e en Valdeorras, prevendo acumulacións superiores aos 5 centímetros. De igual xeito, na montaña de Lugo e na montaña de Ourense as acumulacións superarán os 10 centímetros. Ademais, tanto na Mariña lucense como en todo o litoral noroeste da provincia da Coruña pode que neve mesmo a nivel do mar, aínda que as acumulacións espéranse por encima dos 50-100 metros. As alertas por neve estarán activas ata as seis da mañá, agás nas zonas que montaña (ata as 9) e na Mariña Lucense (ata as 12).

Nevará, pois, na cidade de Lugo, como xa o fixo hai unhas semanas. E tamén o fará, aínda que de forma moito máis limitada, en Santiago de Compostela. É posible que mesmo se observe a caída de folerpas nas cidades da Coruña e Ferrol, onde hai xa moitos anos que non se rexistra este fenómeno. En todo caso, a predición tamén prevé que a partir das oito da mañá as precipitacións continúen en forma de choiva, o que fará difícil que calle a neve en moitos lugares.

As mínimas chegarán aos -1 graos en Lugo ou aos 0 en Santiago e Ourense, pero o forte vento fará que a sensación términa sexa moi inferior

En canto ás temperaturas mínimas, chegarán aos -1 graos en Lugo, aos 0 graos en Ourense e Santiago de Compostela e aos 2 graos na Coruña e Ferrol e aos 4 e 5 graos en Pontevedra e Lugo. Ademais, os fortes ventos farán que a sensación térmica sexa moi inferior durante boa parte da noite, chegando aos -7 en Lugo, -5 en Compostela, -4 en Ferrol, -2 en Ourense e -1 na Coruña. Estas condicións térmicas non durarán moito, e de feito as temperaturas mínimas volverán medrar o xoves, coincidindo cun tempo moito máis chuvioso e húmido e con ventos fortes do sur.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.