0 Gardados para despois

Rosalía, Guadi Galego, Mercedes Peón ou Mala Rodríguez, banda sonora dunhas festas do Apóstolo "con moita presenza feminina"

Redacción | @prazapublica

Santiago prepárase para os días grandes das festas do Apóstolo do 2018. Unha trintena de concertos serán a banda sonora dunha celebración que arrincará o día 18 co pregón da actriz compostelá Nerea Barros e en cuxo programa musical destacan nomes como Rosalía, Mala Rodríguez, Guadi Galego, Rubén Blades ou Mercedes Peón. Todo, segundo salienta o Concello santiagués, dentro dunha das programacións "máis ambiciosas dos últimos anos polo seu orzamento e polos seus nomes, con moita presenza feminina", en verbas da edil de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

"Grandes artistas" con "entradas de balde, en todos os casos" son, segundo Novoneyra, o que caracteriza un programa festivo con abondosos nomes galegos pero tamén diversas presenzas internacionais e con cartel anunciador deseñado por Xosé Vizoso. Así, por exemplo, os australianos Wolfmother levarán o seu rock á praza da Quintana o día 30 e antes soará no mesmo espazo o reggae dos franceses Dub INC. Ese escenario principal acollerá tamén dous concertos da Real Filharmonía de Galicia, un deles en compaña de Sumrrá.

A actriz compostelá Nerea Barros pregoará as festas, que se estenden do 18 ao 31 de xullo

Bandas galegas como Atrás Tigre ou a música tradicional das Leilía figuran tamén nun programa no que recuncan o escenario Compostela é Música, no Toural, con artistas locais, e o espazo Territorio das Mulleres, na praza 8 de Marzo con Rapariga DJ, Batuko Tabanka e Mounqup. O serán de hip-hop no parque de Fermín Bouza Brey ou o novo festival Feira na eira, a derradeira fin de semana de xullo no parque de Galeras, son destacadas tamén por Novoneyra cara a unha festas que pretenden ser tamén "escaparat eda cultura migrante, a que leva a sinatura dos galegos na diáspora e da inmigración que acollemos na nosa terra".

Esa presenza das migracións, resalta, concretarase na parte do programa vinculado ao Observatorio da Nova Diáspora Galega (ONDA), no centro cívico do Romaño, que incluirá dos días 20 ao 22 sesións de debate, proxeccións audivisuais ou presentacións literarias, ademais de música de grupos como Ialma. Xunto a estas novidades as festas do Apóstolo volven traer consigo citas tradicionais como os concertos da banda municipal, os fogos do Apóstolo na noite previa ao Día Nacional ou as orquestras na Alameda.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.