0 Gardados para despois

Viveiro xa bota por fóra co Resurrection Fest

Redacción | @prazapublica

Viveiro volve botar por fóra entre sons de hardocre, punk e metal. A décimo terceira edición do Resurrection Fest botou a andar este mércores cunha "festa de benvida" a xeito de petisco para o cento de bandas que pasarán polos catro escenarios instalados da vila da Mariña ata a madrugada do sábado ao domingo. Ghost, Stone Sour, Anti-Flag e Suffocation encabezan o cartel dunha primeira xornada que foi tamén a das visitas de institucións e patrocinadores, satisfeitos pola chegada dunha marea de xente que se compón de máis de 12.000 persoas só nos campings do festival e "unha ocupación hoteleira do 100%" no municipio e na súa contorna.

Iván Méndez, subdirector do festival, coida que o deste ano é un cartaz especialmente "ambicioso" e tamén "variado" dentro dos xéneros que acolle o Resurrection. "Ampliamos a oferta musical que ofrecemos ao público", por exemplo con varios espectáculos en clave acústica e menor formato que se unen a verdadeiras "lendas" encabezadas por Kiss, que desembarcarán o sábado en Viveiro "co espectáculo de rock, son, luz e pirotecnia máis grande do mundo".

Antes do espectáculo dos norteamericanos, "o grupo con maior número de discos de ouro", o menú do Resu é variado. Scorpions, Megadeth, Paradise Lost son algúns dos nomes emblemáticos que comparten cartaz tamén con bandas galegas como as Agoraphobia ou Barbarian Prophecies. Alén dos concertos, o Resurrection trae consigo outra volta numerosas sesión de sinaturas de discos e outra das marcas da casa, o Resukids, un espazo infantil para a rapazada de entre 3 e 12 anos con actividades durante o festival, concibido como "a experiencia festivaleira definitiva para os máis peques da casa", aseguran.

Público na 'festa de benvida' do Resurrection 2018 / © Resurrection Fest

Un dos concertos máis agardados da edición do 2018 é o de Kiss, que desembarcan o sábado en Viveiro "co espectáculo de rock, son, luz e pirotecnia máis grande do mundo"

Un novo protocolo contra as agresións machistas está tamén entre as novidades dun festival que novamente volve evocar unha das figuras claves no seu despregamento, Melchor Roel, o falecido alcalde de Viveiro. "Sempre apostou e impulsou o Resu, facendo posible o que hoxe vemos; sempre confiou nun festival que tamén é seu e hoxe estaría orgulloso de ver as dimensións ás que chegou e a súa repercusión a nivel mundial", sinalaba este xoves a alcaldesa viveirense, María Loureiro, durante unha visita ao recinto.

Nese percorrido participou tamén o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, quen coida que o Resurrection, alén do plano estritamente musical, tornou tamén "nun dos eventos turísticos máis importantes para a provincia" e "o primeiro, de seguro, para a nosa Mariña". "O Resurrection é o mellor festival de rock de España e un dos mellores de Europa -sostén Campos-, atrae 85.000 persoas de máis de 40 países" e xera, segundo o cálculo da institución, que o patrocina, "un retorno económico de 13 millóns de euros" na contorna.

Resurrection Fest 2018

Do 12 ao 14 de xullo Viveiro vive unha nova edición do Resurrection Fest. Na súa décimo terceira edición, o festival xa consolidado como a maior cita da escena hardcore, punk e metal da Península, xunta na vila da Mariña un cento de bandas encabezadas por nomes emblemáticos do panorama internacional como Kiss, Scorpions ou Prophets of Rage. O certame ten, outra volta, a colaboración da Deputación de Lugo.

Contido Patrocinado

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.