0 Gardados para despois

Caudal Fest: indie á beira do Miño e ás portas do San Froilán

Redacción | @prazapublica

Indie en Lugo? No Caudal Fest cren que si. O vindeiro 21 e 22 de setembro incorpórase ao amplo calendario festivaleiro galego unha nova cita, o Caudal Fest, que pretende xuntar milleiros de persoas á beira do Miño, na ampla zona verde da contorna do Pazo de Feiras e Exposicións, nunhas datas nas que a capital lucense xa arrecende a San Froilán, as festas patronais da cidade que se desenvolven dende apenas semana e media despois.

Uns clásicos do xénero, Vetusta Morla, serán os cabezas de cartel dun certame impulsado polo Concello e que ten por tras algunhas das mans que xa tornaron en éxitos consolidados festivais xa emblemáticos como o Resurrection Fest de Viveiro. Xunto aos Vetusta Morla, que chegarán á cidade da Muralla cos éxitos de sempre e o novo disco Mismo sitio, distinto lugar, estará tamén en Lugo Iván Ferreiro, a rapeira Mala Rodríguez e os composteláns Novedades Carminha.

Tamén se achegarán ao Miño en versión acústica DePedro e mais Andrés Suárez. Como fin de festa, a música que traia consigo Eme Dj, Marta Fierro, picadiscos de recoñecdio prestixio que xa pasou por festivais con recoñecemento galego, estatal e mundial, tales como PortAmérica, FIB, Sónar ou BBK, entre outros.

Os concertos centrais do Caudal Fest, o sábado 22, celebraranse despois de que o novo festival arranque xa na xornada do venres en pleno centro de Lugo, na Praza de Santa María, cun cartel musical de balde aínda por descubrir. Tentarán, segundo os organizadores, "completar a axenda de actividades culturais que ofrece a cidade ao longo do verán" e facelo, segundo a alcaldesa, Lara Méndez, "cun espectáculo coidado, con programación para varios públicos e proxección internacional".

A alcaldesa de Lugo, na presentación do Caudal Fest co xerente do Pazo de Feiras e os organizadores do festival

A medio camiño entre os festivais urbanos e os que se desenvolven en plena natureza, o Caudal Fest porá a venda as primeiras 1.000 entradas o vindeiro 24 de xullo por 25 euros. Quen se acheguen, afirman dende a organización, atoparán "unha cita musical sostible, respectuosa co medio ambiente". Agardan, aseguran, unhas 10.000 persoas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.