Dende hai case medio século o Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, é punto de encontro case obrigado cada ano para as músicas e culturas das consideradas como nacións celtas. Galicia vén tendo un lugar destacado neste certame e unha ampla delegación galega volverá desembacara en Lorient do 3 ao 12 de agosto con músicos como Uxía ou Rodrígo Romaní á súa fronte, pero tamén coas seleccións de fútbol gaélico.
Uns 4.500 artistas e arredor de 120 espectáculos inzan un programa que, pola banda galega, abrirá o gaiteiro Anxo Lorenzo cun concerto de seu e tamén participando na "gran noite dedicada á gaita", resaltan dende a delegación de Galicia. Uxía levará ao Theâtre de Lorient o seu último traballo, Uxía-o, baseado en letras de Uxío Novoneyra. No caso de Rodrigo Romaní, prevé impartir unha clase maxistral de arpa antes de presentar o seu traballo Fíos de ouro no ar no pazo de congresos da localdade bretoa.
O gaiteiro Anxo Lorenzo, a banda Sons da Chaira ou o grupo de baile Saíñas forman parte tamén da delegación galega
A participación dos gaiteiros Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas no Trofeo McCrimmon de gaita peninsular, o espectáculo da Banda de Gaitas Sons da Chaira ou o baile dos mariñaos Saíñas serán outras das achegas galegas dun festival que, ademais, ten unha expectativa adicional para Galicia. Resaltan dende a delegación que "durante o festival se anunciará o país celta ao que se lle dedicará a edición de 2019" tras o protagonismo en 2018 do País de Gales. "Galicia -aseguran- está entre as grandes candidatas".
Integrantes das seleccións galegas de fútbol gaélico / Selección Galega de Fútbol Gaélico
Alén da música, o Intercéltico de Lorient trae tamén consigo unha nova participación internacional das seleccións galegas masculina e feminina do fútbol gaélico. Será na recta final do festival, dende o día 11, e os combinados galegos xa preparan os seus encontros dende hai semanas en diversas sesións de adestramento.