O Resurrection Fest retira do seu cartel o grupo dun condenado por tentar matar a súa muller

Un concerto do Resurrection Fest, o pasado xullo © Resurrection Fest

Hai catro anos o cantante da banda de rock As I Lay Dying, Tim Lambesis, foi condenado a seis anos de prisión nos Estados Unidos por un tribunal que considerou acreditado que contratara un sicario disfrazado de policía para matar a súa muller. Lambesis saíu da cadea a finais de 2016 e neste mes de outubro a organización do Resurrection Fest de Viveiro anunciou que a súa banda estaría presente na vindiera edición do festival, en xullo do ano que vén. Ante as numerosas críticas xurdidas nos últimos días pola presenza de Lambesis no emblemático festival mariñao a súa organización vén de decidir cancelar a actuación de As I Lay Dying.

Lambesis foi condenado despois de que o tribunal considerase probado que contratara un sicario para matar a súa muller

"Ante a polémica xurdida", explican dende o Resurrection Fest nun comunicado emitido este 21 de outubro, "queremos incidir na nosa postura absolutametne condenatoria ante a violencia de xénero". "Dende a organización -agregan- somos conscientes de que é unha lacra" ante a que cómpre "unha sensibilidade especial" e "ao igual que outras formas de intolerancia ou presión", non ten "cabida dentro do noso festival nin da escena da que somos parte". Neste sentido, coidan "proba do noso compromiso" que nas trece edicións xa celebradas, o Resurrection "foi un exemplo de convivencia", con "notas moi altas en termos de seguridade" nos inquéritos entre as persoas asistentes.

Formación de As I Lay Dying, con Tim Lambesis no centro

"Cremos na reinserción e no dereito das persoas a rehabilitárense tras cumprir unha condena", se ben "diante da división xurdida e co fin de manter o ambiente de concordia, decidimos non incluír a banda no cartel", din dende o Resurrection 

Segundo a organización do festival, a decisión de contratar os As I Lay Dying para 2019, "igual que farán moitos outros dos principais festivais europeos", é que "cremos na reinserción social e no dereito das persoas a rehabilitárense tras cumprir unha condena". "Entendemos -agregan- que esta opinión é compartida por unha gran parte dos asistentes ao festival, que solicitaron á banda nas enquisas". Así todo, "diante do debate e da división xurdida" e "co fin de manter o ambiente reinante de concordia entre toda a comunidade do festival", o Resurrection Fest "decidiu, tras falar coa banda, non incluíla no cartel desta edición".

Dende o Resu agardan que "todo o mundo entenda esta situación". "O Resurrection Fest é un evento para todo tipo de públicos sen importar idade ou grupo social" e isto "obriga a tomar decisións ás veces difíciles", din. O Resurrection Fest arrastra dende hai máis dunha década ducias de miles de persoas a Viveiro e foi distinguido como un dos mellores festivais de rock, metal e heavy de Europa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.