0 Gardados para despois

17-M: Today, ¿qué hacemos?

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Documentos relacionados

Today is the day. Y hoy, ¿qué hacemos?. Este 17 de maio, como cada 17 de maio dende 1963, celébrase en Galicia o Día das Letras Galegas, xornada na que, como é sabido, moitos medios de comunicación editados en Galicia e redactados en castelán adoitan traducir as súas capas ao galego creando, durante unhas horas, toda unha miraxe editorial que esvae xa non ao pasar o día, senón ao pasar a páxina. No caso de querer sumarse á celebración cunha dinámica semellante xornais como o que vostede ten agora ante os ollos -ou as lentes- deberan, en boa lóxica, traducir os seus contidos -ou, cando menos, a súa capa-, a un idioma distinto do galego, a ser posible castelán ou inglés. "E se o facemos?", pensou alguén no seo deste diario.

De optar por facelo as dificultades non serían poucas para tentarmos manter a harmonía. A inclusión de ligazóns que conducisen a novas de calquera outro día levaría o público, irremediablemente, cara a un contido en galego. Se a actualidade da xornada nos levase a ter que informar sobre asuntos das categorías 'Movementos sociais' ou 'Ciencia e tecnoloxía' os nomes destas serían excesivamente reveladores. Do mesmo xeito, a configuración por defecto no noso sitio web impediríanos tornar o 'Fálase de...' en 'Se dice, se comenta', poñamos por caso, e as ducias seguirían sendo ducias e non docenas.

Ao carón destas liñas dispón vostede duns deseños elaborados para a ocasión cos que poder celebrar o Día das Letras Galegas ou, mellor, o 17-M, dun xeito un chisco máis mainstream

Aínda a risco de semellarmos vítimas daquel ser mítico alcumado "imposición del gallego" decidimos abordar un reto un chisco máis doado. Ao carón destas liñas dispón vostede duns deseños elaborados para a ocasión cos que poder celebrar o Día das Letras Galegas ou, mellor, o 17-M, dun xeito un chisco máis mainstream. Dada a licenza Creative Commons pode descargalos e, por exemplo, distribuílos polas redes sociais sen tasa nin mesura. Pode elixir entre versos de populares cantigas adaptados a esta conmemoración ou a reivindicación de sentirse un chisco máis galega ou galego que quen se traviste de galeguidade cada Día das Letras Galegas, é dicir, cada 17-M. Iso si, en inglés.

Se sumamos a superficie dos cadros que arrodean este texto estaríamos, ás claras, descompensando as proporcións de linguas. Así que, amiga lectora, amigo lector, dispón tamén dunha caste de bonus track: nas ligazóns que atopará a continuación dispón de senllas versións descargables dun deseño adicional, que a vostede lle pode servir para, tamén en galego, amosar que non bota man da lingua galega unicamente un día ao ano. Pode imprimilo, reproducilo, tirar un selfie con el, convertelo nun cartaz ou estampalo nunha camisola, por exemplo. Así poderá celebrar o día como merece e nós, equilibrar ao 33%, aproximadamente, como se dun decreto calquera se tratase.

Descargar en pdf Descargar en pdf

Porque ás veces non vén mal ollar, ollalos e ollarnos no espello. Teñan un bo Día das Letras. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.