Consellos para un San Xoán que non estrague ou emporque a natureza

Cacharelas de San Xoán na Coruña © juantxu.info

A noite do 23 ao 24 é sinónimo de lume e de cacharelas, de festa, de comida e bebida. Todo isto implica unha serie de riscos para os participantes e o propio medio, que os organizadores e Concellos están obrigados a controlar; de igual xeito, a celebración xera unha cantidade moi significativa de refugallos que tamén poden provocar un impacto grande no medio. Para vivir un San Xoán seguro e tamén sustentable, ADEGA vén de publicar unha serie de recomendacións e consellos, que poden ser aproveitados nas grandes celebracións colectivas, coma a que viven algunhas praias urbanas (coma as da Coruña), pero tamén pola luminarias e festas máis pequenas, organizadas por grupos de amigos ou veciños.

ADEGA insta á veciñanza, comisións de festas e concellos para que teñan previsto "medidas de seguridade nas cacharelas, coidando que a súa ubicación non xere riscos para as persoas e impactos no medio" 

Os primeiros consellos diríxense ao propio control do lume. A xeografía galega acollerá no serán e na noite deste martes miles e mesmo decensas de miles de cacheiras, polo que seguir unhas mínimas medidas de seguridade será importante para que a festa sexa completa e non teña consecuencias negativas. ADEGA insta á veciñanza, comisións de festas e concellos para que teñan previsto "medidas de seguridade nas cacharelas, coidando que a súa ubicación non xere riscos para as persoas e impactos no medio".

En primeiro lugar, piden "acoutar os espazos das celebracións" sobre todo "nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais". "Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas", destacan. De igual xeito, recomendan "evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico". Os responsables da asociación ecoloxista lembran que "mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en periodo de cría, como a píllara das dunas".

En canto aos refugallos xerados polas celebracións, ADEGA pide "reducir" o seu volume, a través do uso de recipientes de barro ou louza "e garrafas de cristal retornables

En canto á organización das cacharelas máis grandes, ás que acuden centos ou mesmo miles de persoas, ADEGA recomenda "ter previsto e sinalizado zonas de aparcamento e servizos hixiénicos", e "se é posíbel" un posto de información permanentemente atendido. Suxírenlle ademais aos grupos organizadores "dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións...". De igual xeito, a entidade aposta por evitar o coche, por moitos motivos, optando por achegarse ás festas andando ou en bici "sen esquecer o chaleque reflectante".

En canto aos refugallos xerados polas celebracións, ADEGA pide en primeiro lugar "reducir" o seu volume, a través do uso de recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza "e garrafas de cristal retornábeis, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles". En caso de optar por vaixelas e recipientes de usar e tirar, a entidade recomenda que sexan de papel ou cartón e non de plástico.

A asociación tamén lembra que para a mellor xestión do lixo xerado, debe haber "suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos"

A asociación tamén lembra que para a mellor xestión do lixo xerado, debe haber "suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos", cando menos "de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros, e a recollida debería facerse logo de rematada a festa". Salienta que "os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contentores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente". "Ao final estes materiais, sobre todo os plásticos, rematan no medio ambiente. No mar, son unha das principais causas da contaminación mariña, e ao inxerilos os animais mariños, peixes ou aves causanlles a morte", engaden.

Cacharelas de San Xoán na Coruña © juantxu.info
Celebración de San Xoán © Liceo Mutante

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.