Contos, música, xogos, teatro... Moreas de actividades infantís na Festa Apego de Santiago

© Apego

Compostela celebra este sábado 22 de decembro a Festa Apego 2018. O Auditorio de Galicia acolle unha feira de contos, música, xogos, información e propostas para a crianza na que as nenas e nenos máis pequenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día. 

Será o día grande deste final de ano dun proxecto que en Santiago abrangue unhas 400 familias e polo que milleiros delas de máis de vinte concellos máis incorporan a lingua galega á crianza das súas fillas e fillos en Galicia.

O Auditorio de Galicia acolle a Festa Apego 2018 este sábado 22 con contos, música, xogos, información e propostas para a crianza

“Un día cargadiño de actividades, diversión e reflexión coas e arredor das crianzas na programación que preparamos con toda a ilusión do Nadal!”, explican desde o proxecto Apego en Santiago, unha iniciativa que desde hai máis de tres anos ofrece actividades e recursos para facilitar a transmisión do galego á infancia de entre 0 e 6 anos e a súa socialización nela.

© Apego

Na Festa Apego, entre 12 do mediodía e 21 horas, haberá actividades de todo tipo. En canto a Teatro e Sensacións, ás 12 e ás 13 horas é tempo d’O aloumiño dunha estrela, de Avoa Youja. É unha viaxe sensorial, co arrolo da música da arpa e seguindo os zapatiños vermellos, onde as pequenas e os pequenos de entre 0 e 3 anos gozarán da poesía das imaxes ata rabuñar a bóveda celeste. 

'O aloumiño dunha estrela', de Avoa Youja, e 'Redondo', de Caramuxo, son as ofertas teatrais da xornada

Ás 17 e ás 18 horas chega Redondo, de Caramuxo teatro. É a historia de mr. Round, a quen lle fascinan todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con forma de circunferencia. Un día, na súa incesante procura atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia e dirixida a pícaros de 1 a 4 anos.

© Apego

En canto aos contos, ás 12 e ás 13 horas chegará Nano vai á escola, de Raquel Queizás. Nano é unha ra pequena, unha ra que vive cada día unha nova aventura, porque cando se é tan pequeno ata as cousas máis sinxelas se converten en todo un reto. Desta volta, comeza a etapa escolar e é así como vai descubrindo que desde ese lugar tan diverso, a seguridade de ter personalidade e lingua propia van ser un gran apoio. Vai dirixido a pequenos e pequenas de 1 a 6 anos.

Raquel Queizás, Trinke Trinke e Anxo Moure traen os contos para os máis pequenos

Ás 17 horas chegará Avós, de Trinke Trinke, para nenos de máis de 5 anos. A ratiña Lilí Gruyére cóntanos como lle axudou a súa avóa, hai moitos, moitos anos, cando ela era pequena e a súa avóa aínda vivía, a plantar unha maceira. Hoxe, cada vez que come unha mazá, lembra a súa avoa. Escoitarémoslle contos que ela lle contou e a música que a ela lle gustaba. 

Ás18 horas chega O Apalpador, con Anxo Moure. Co tradicional personaxe viaxarase ao Caurel a través dos contos e cun tronco oco dunha maceira que unha fada das montañas agasalla para mirar o mundo a través do corazón das árbores.

© Apego

En canto á música e circo, ás 12.30 horas poderase gozar de Deveribés, de  Mamá Cabra. O concerto fai un percorrido polos mellores éxitos da banda, cancións que, ao longo dos anos, xa quedaron na memoria e que seguen facendo fans miúdos aló por onde pasan. 

Mamá Cabra traerá os seus mellores éxitos e a Orquestra de Malabares o seu innovador espectáculo

A Orquestra de Malabares chegará ás 19.30 horas Pista4 e a Banda Municipal de Música. É un innovador espectáculo onde se fusionan os instrumentos dourados, os grandes tambores, os uniformes e as maxistrais obras da Banda Municipal coas bólas, as mazas, os arcos, os pantalóns curtos e a irreverencia do circo de Pista4 para a diversión dos pequenos de máis de 4 anos. 

Tamén haberá diferentes obradoiros na Festa Apego deste sábado. De 12 a 14 e de 16 a 19 horas chega Construción dexoguetes e enredos musicais, con materiais de refugallo: harmónicas, tartarugas para botar carreiras e axóuxeres para a cativada máis miúda da man de Xandobela.

© Apego

Pero aínda hai máis, xa que ás 12.15 e ás 16.30 horas haberá charlas sobre o material de utilidade para a crianza en galego, da man de Fabaloba, que trae tamén, de 12 a 14 e de 16 a 19 horas o espazo de recursos Aliali.gal.

Charlas, vídeos, espazos de xogo e materiais completan a oferta de lecer da Festa Apego

En canto ao audiovisual, haberá proxección de vídeos de Cinema Crianza, Apego (As aventuras de Po e outros) e OQO Editora (Cocorico e aracois). Ademais, haberá espazos de xogo libre, cos xogos de material natural non estruturado de Terra Miúda, de 12 a 14 e de 16 a 19 horas. 

Ao tempo, nunha feira, e no mesmo horario, poderase acceder a postos con diverso material de exposición, repartición ou venda. De feito, no Auditorio poderán conseguirse materiais aos que tamén se accede mediante a impresión na casa. Participan Proxecto Apego, os centros cívicos, a Libraría Couceiro, Gaia dos Nenos ou as Escolas Semente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.