O TTIP imporá unha lista pechada de árbitros para conflitos entre sector público e privado

Votación do informe sobre o TTIP, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

A pesar das vacacións estivais, en Bruxelas continúase traballando arreo no discutido tratado de libre comercio e investimento que a UE negocia cos Estados Unidos, máis coñecido como TTIP (polas siglas en inglés). A Comisión Europea está a preparar estes días unha proposta sobre os igualmente polémicos tribunais de arbitraxe para solucionar conflitos entre empresas e Estados, comunmente denominados ISDS (siglas que tamén proceden do inglés) e esta verá a luz antes de que remate o ano, segundo fontes comunitarias.

En concreto, a Comisión estuda a que quizais é a pata máis controvertida dos tribunais: a súa composición. Nos máis de 1.600 ISDS xa existentes -a maioría asinados de maneira bilateral entre un Estado desenvolvido e outro en vías de desenvolvemento de tal forma que os tribunais garantan protección xurídica ás firmas do primeiro- esta corte intégrana expertos que emanan fundamentalmente do sector privado (bufetes de avogados, cámaras comerciais, etcétera). Unha cuestión que creou unha viva polémica na UE e que Bruxelas quere agora emendar creando unha lista de árbitros "competentes".

Bruxelas pretende que os tribunais de arbitraxe estean composto por unha lista pechada de membros

Bruxelas pretende que haxa uns ISDS compostos por unha lista pechada de membros. Unha aspiración que partiu do informe de opinión votado polo Parlamento Europeo a principios de xullo en Estrasburgo co apoio de populares, socialistas, liberais e conservadores británcos. A esquerda, os ecoloxistas e os euroescépticos opuxéronse. A Eurocámara quixo daquela acoutar o alcance dos ISDS e optou por un sistema "non discriminatorio" coas empresas locais ou estranxeiras do que formen parte "xuíces independentes" e que "non antepoña os intereses privados aos públicos". 

A Comisión recolleu a proposta de Estrasburgo e pretende establecer "un número limitado de árbitros elixidos pola UE e os EUA". Á pregunta de se serán xuíces de carreira os que comporán este tribunal (como pedían os socialistas españois, por exemplo), as fontes comunitarias responden que esta cuestión aínda non foi clarexada. "Polo momento imos esixir aos futuros integrantes dos ISDS que teñan unha cualificación comparable á dos xuíces".

A proposta final deberá contar co visto e prace dos 28 ·stados membros e será explicada na Eurocámara antes de ser presentada ás autoridades norteamericanas.

Acordo probable

A décima rolda negociadora, celebrada en Bruxelas a mediados de xullo, confirmou a boa sintonía entre os EUA e Europa ao redor de varios capítulos do TTIP a pesar das serias diferenzas noutros apartados. Entre as cuestións que máis separan a ambas as partes están as denominacións de orixe ou a cooperación regulamentaria (especialmente no campo financeiro). Non ocorre o mesmo cos tribunais de arbitraxe, onde un acordo parece bastante probable. O negociador estadounidense, Dan Mullaney, argumentou que o seu país tomara "nota" dos límites decretados polo Parlamento Europeo á composición do mecanismo de arbitraxe entre investidores e estados.

As cuestións que máis separan a UE e os EUA son as denominacións de orixe ou a cooperación regulamentaria

De acordo co propio Mullaney pero tamén coa comisaria de Comercio Internacional, a liberal sueca Cecilia Malmström, que se converteu na cara máis visible da UE a favor do TTIP, o groso da negociación podería culminar antes de que termine o segundo mandato de Obama, isto é, antes de que conclúa 2016. Despois viría a aprobación nacional a cada lado do Atlántico, algo que non estaría exento de polémica: non poucos países teñen a potestade de celebrar referendos. E o Parlamento Europeo terá o voto definitivo.

Entre os críticos ao TTIP asegúrase que o verdadeiro obxectivo do tratado é institucionalizar e normalizar o uso destes tribunais de arbitraxe para solucionar conflitos en áreas onde os ISDS son absolutamente innecesarios. 

Un cartaz contra o TTIP, durante unha sesión na Eurocámara CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.