0 Gardados para despois

17 de agosto: Memoria da Galicia asasinada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname". Ás cinco e cuarto da madrugada do 17 de agosto de 1936 Alexandre Bóveda dirixíase así ao seu irmán a través dunha carta, a derradeira da súa vida. Poucas horas despois sería asasinado polos franquistas, que catro días antes escenificaran a súa disposición a fusilalo no que presentaron como un xuízo por traizón. A data do asasinato de Bóveda é conmemorada cada ano -aínda que sen o apoio do Goberno galego- como Día da Galiza Mártir e serve non só para lembrar a figura do político galeguista, senón a de todas as persoas que sufriron a represión franquista en Galicia.

Calcúlase que só durante os anos que formalmente durou a Guerra Civil española, de 1936 a 1939, os executores do golpe de Estado contra a II República española mataron en Galicia case 5.000 persoas. Segundo a base de datos máis completa ao respecto, a do proxecto interuniversitario Nomes e Voces -cuxo peche propiciou a Xunta en 2012 ao retirarlle o apoio- en apenas catro anos os franquistas e quen os apoiaban asasinaron 4.699 persoas en territorio galego.

Calcúlase que case 5.000 persoas foron asasinadas polos franquistas en Galicia

As forzas que despois sustentarían unha ditadura de case 40 anos revestiron de legalidade e formalidade xudicial apenas o 30% dos casos. Así, fronte aos 1.458 homes e 8 mulleres que perderon a vida por impórselles unha pena de morte atópanse as 3.233 persoas -3.161 homes e 72 mulleres- documentadas como "mortes extraxudiciais". Entre esta tipoloxía maioritaria atópanse os denominados "paseos", isto é, a persecución casa por casa tras o golpe franquista que remataba, as máis das veces, co asasinato na tapia dun cemiterio ou nun monte máis ou menos afastado, aínda que coa suficiente publicidade como para infundir terror na poboación. En Nomes e Voces chegaron a documentar máis de 1.800 paseos.

Persoas asasinadas polos franquistas en Galicia entre 1936 e 1939 / CC BY-SA NOMES E VOCES

A maior parte das persoas asasinadas polos franquistas eran persoas máis ou menos anónimas, se ben a represión foi executada cun aquel exemplarizante sobre quen destacaran pola súa actividade política e social no ámbito do galeguismo ou da esquerda durante os anos da República. Así, por exemplo, dous días despois do asasinato de Bóveda na Caeira, en Poio, os sublevados facían o mesmo en Cacheiras co tamén galeguista Ánxel Casal, alcalde de Santiago e vicepresidente da Deputación da Coruña.

Políticos, activistas sociais, artistas ou xornalistas foron vítimas de fusilamentos e outros tipos de morte violenta nuns anos nos que a represión tivo tamén outras formas, dende o encarceramento ao exilio forzoso pasando pola perda do posto de traballo. Así, por exemplo, calcúlase que unhas 3.000 das 5.000 persoas que chegaron a militar no Partido Galeguista sufriron o acoso policial ao seren cualificados como "subversivos", segundo datos da formación que actualmente ostenta as históricas siglas.

Primeiras homenaxes tras a reparación oficial a Bóveda

As homenaxes a Bóveda no septuaxésimo noveno aniversario do seu asasinato son as primeiras que se realizan tras a expedición da declaración oficial de "reparación e recoñecemento persoal" por parte do Goberno de España, asinada o pasado 14 de xullo polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá. Nesta declaración, formulada ao abeiro da Lei de Memoria Histórica, o Goberno central recoñece que Alexandre Bóveda "sufriu persecución e violencia" por "razóns políticas e ideolóxicas" e que o seu fusilamento foi "inxusto", polo que o histórico galeguista ten dereito á "reparación moral". Esta é a mesma reparación que xa recibiron postumamente outras persoas asasinadas polo franquismo, caso por exemplo de Moncho Reboiras, asasinado pola Policía en 1975, a quen o recoñecemento lle chegou en 2009.

A falta dun acto da Xunta, o centro institucional das homenaxes é o acto organizado na Caeira polo Concello de Poio

Este é o marco no que se conmemora un Día da Galiza Mártir que, a falta dun acto oficial do Goberno galego, ten o seu centro institucional na homenaxe organizada polo Concello de Poio na Caeira, perante o monumento que lembra onde foi asasinado Bóveda. Neste acto, apoiado tamén polo Concello de Pontevedra, prevese que estean presentes líderes políticos como o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Formacións como Anova ou Compromiso por Galicia lembraron tamén nos últimos días a importancia do Día da Galiza Mártir e do propio Bóveda, cuxa figura foi reivindicada tamén nestes días por concellos como o da Coruña, que participou nos actos da Fundación Alexandre Bóveda, ou o de Santiago, que lembra neste 17 de agosto a Alexandre Bóveda e tamén a Ánxel Casal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.