Quilómetros de indignación gandeira na Terra Chá

Cabeceira da manifestación en Vilalba © Revista Afriga

O leite segue en loita. Menos de corenta e oito horas despois de que o Ministerio de Agricultura se negase a promover prezos mínimos para o leite e mentres a conselleira do Medio Rural quenta aínda máis o ambiente ao acusar os gandeiros de reclamarlle "ilegalidades" nun acto de partido, centos de tractores volvéronse botar ás estradas do país. Desta volta foi na Terra Chá e calcúlase que os vehículos agrarios duplicaron os das protestas da pasada semana para formar unha cadea de quilómetros de indignación como primeira "resposta" á actitude das Administracións.

Dende Mosteiro, Meira e Pastoriza ata Muimenta e dende Feira do Monte, Trasparga, Buriz, Alba ou Momán. Destas e doutras moitas localidades da comarca saíron os tractores contra as 11 da mañá para iniciar o percorrido cara á capital chairega, onde boa parte do comercio local pechou durante as arredor de dúas horas que durou a mobilización para expresar a súa solidariedade. Pacificamente pero con contundencia quíxose deixar claro que os gandeiros galegos non ficarán na casa mentres "unha terceira parte cobren por baixo dos vinte e seis céntimos" o litro de leite e "outros moitos, non chegan nin aos vinte", indican dende unións Agrarias.

A actitude dos gobernos galego e central alimentou a indignación dos profesionais. A situación non é nova, din dende o Sindicato Labrego Galego, pero "o seu nivel de gravidade poucas veces acadou o actual". E a "ausencia de resposta e iniciativa ante a agonía do sector lácteo" converte estas mobilizacións, a xuízo do SLG, en "máis necesarias ca nunca" para amplificar a esixencia de "políticas que sirvan para solucionar os problemas estruturais do sector".

A tractorada, ao seu paso por Muimenta / Revista AFRIGA

Dende o alto dos tractores ollouse cara ao Ministerio e cara á Unión Europea pero tamén cara á Xunta e o seu presidente, nestes días en período vacacional. O Goberno central, di o coordinador provincial da FRUGA, Elías Somoza, "non aposta por que os gandeiros poidan cobrar por riba dos 34 céntimos" e o Executivo galego debera "tomar conciencia" do que isto supón. Nesta liña, Somoza remítese ás verbas de Alberto Núñez Feijóo durante a súa etapa na oposición recuperadas este mércores por Praza Pública: "Non é de recibo que Feijóo dixese que o bipartito da Xunta levaría o sector lácteo a segunda división, porque el o está levando a rexional preferente", ilustra.

Besteiro: "Hai un ano dixemos que o Goberno tería que estar preparado para a finalización das cotas e chamóusenos catastrofistas"

Ao carón dos gandeiros e dos seus representantes sindicais marcharon tamén, como noutras ocasións, numerosos alcaldes, así como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que tamén se dirixe ao presidente da Xunta. Para o líder dos socialistas resulta "esperpéntico" que a propia ministra de Agricultura lle teña que esixir á Xunta que "exerza as súas competencias" na defensa do sector lácteo. "Para Francia o leite é estratéxico, para o PP en España e en Galicia nunca o foi", afirma Besteiro, nun contexto no que lembra que el mesmo advertiu "hai un ano" que "coa finalización das cotas o Goberno tería que estar preparado". "Dicíasenos que éramos uns catastrofistas e Feijóo asegurou que os prezos subirían" sen apostar por "unha solución política" para "un problema político". "Deixen de poñer escusas legais, porque non existen", asegura o socialista.

Tractores dirixíndose á mobilización de Vilalba © Revista Afriga
Besteiro e varios alcaldes, durante a protesta CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.